O CIAM continúa coa mellora xenética do seu rabaño de vacún de leite

O CIAM continúa coa mellora xenética do seu rabaño de vacún de leite

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), seguirá impulsando neste 2021 os seus programas de selección orientados a continuar mellorando a calidade xenética do seu rabaño frisón de produción de leite. En concreto, aposta por novas liñas xenéticas e pola recría dos 32 animais nacidos no centro dende 2017, que se encontran entre o 20% dos mellores exemplares rexistrados no libro xenealóxico promovido pola Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe).

Así, o CIAM avoga por continuar cos seus programas de ovopunción, fecundación in vitro, inseminación artificial e transferencia embrionaria para elevar os valores xenéticos do seu rabaño frisón, concibido para ser utilizado en distintos ensaios, investigacións ou accións de demostración que se levan a cabo no marco de proxectos do centro. Nesa liña, cómpre lembrar que en 2015 se adheriu aos programas de mellora xenética promovidos pola Consellería do Medio Rural, en colaboración con Xenética Fontao e a Federación Frisoa Galega (Fefriga).

Colaboración con Xenética Fontao

Deste xeito, nos últimos cinco anos o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo puxo a disposición de Xenética Fontao cinco machos candidatos a sementais susceptibles de utilización nos programas de inseminación artificial polo seu alto potencial xenético. Tamén se beneficiou de 15 femias procedentes do programa de transferencia embrionaria e, a día de hoxe, conta con seis exemplares de recría nacidos dende 2019 que se atopan entre as 1.000 mellores xatas con proba xenómica de España. Entre elas destaca Gaiola, situada no número 21 cun XICO (ICO xenómico) de 5.016 puntos e que, a maiores, ocupa o primeiro posto nacional entre as xatas berrendas en colorado.

Na actualidade, a cabana frisoa do CIAM está composta por 208 reses, distribuídas en 22 animais de menos de seis meses, 61 de entre seis e 24 meses e 125 de máis de 24 meses. Así mesmo, repártense en 111 vacas adultas que xa pariron, un semental de tres anos, tres machos de recría e 93 femias que nunca pariron, a maioría destinadas a recría.

Cabe salientar que todos os exemplares frisóns do CIAM destacan por ter uns índices xenéticos para lonxevidade por riba da media estatal e galega, o que redunda na sostibilidade do rabaño ao tratarse de animais con tendencia a unha maior duración produtiva diminuíndo, por tanto, os custos asociados á recría. Tamén se atopan por riba da media os índices xenéticos medios da gandería en canto a reconto de células somáticas e os ratios que comparan os índices xenéticos produtivos combinados (ICO) coa consanguinidade dos animais.

A maiores, cómpre resaltar que a explotación frisoa do CIAM -incluída no Rexistro de explotacións leiteiras galegas de calidade diferenciada (Recaldi)- produce 630.000 litros de leite anuais, cunha porcentaxe de graxa moi por riba da media nacional e autonómica, considerando tanto a produción estandarizada de lactacións a 305 días como as lactacións naturais.

Nese senso, cabe sinalar que unha dieta fundamentada nos pasteiros existentes na finca de Mabegondo, caracterizados polas rotacións forraxeiras e pola mestura de variedades vexetais con leguminosas, permite manter altos os niveis de graxa e proteína do leite en termos porcentuais, así como o feo e o ensilado de herba e forraxe producidos na propia finca. Este aproveitamento da base territorial permitiu reducir os insumos a base de concentrados e recortar custos de produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información