O chip galego que monitorizará vacas en Brasil e Indonesia

O dispositivo deseñado por tres universitarios galegos para controlar a temperatura corporal das vacas, ‘iTechTerm’, ultima o seu lanzamento ó mercado. Incorporará un xeolocalizador para seguir a actividade do gando extensivo e unha miniplaca fotovoltaica

O chip galego que monitorizará vacas en Brasil e Indonesia

Elio López, durante a súa estancia en California, onde tivo ocasión de testar o chip en 24 animais.

Veterinario de formación e cun cebadeiro de xatos na casa, a inquedanza de Elio López levouno a inventar, xunto a dous amigos, Óscar Guasch e Daniel Pardo, iTechTerm, un sistema de monitorización que permite manter en todo momento controlados os animais a través da súa temperatura corporal. O dispositivo consiste nun microchip subcutáneo que toma datos en tempo real.

O invento, que permite a detección precoz de enfermidades e avisos sobre partos e outras circunstancias nunha granxa, gañou diversos premios, como o Galicia Rural Emprende, o 3º Concurso A Semente de Monforte, o Emprendendo no Rural da Deputación de Lugo ou o Explorer Jóvenes con Ideas do Banco Santander, que lle permitiu a Elio viaxar por primeira vez aos EEUU.

“Estivemos unha semana en Silicon Valley e un día libre que tiñamos alugaramos un coche e fixeramos 300 quilómetros para ver granxas, algunha delas con 3.500 e 7.500 vacas holstein en muxidura e outra con 15.000 jersey en lactación”, conta.

Elio estivo por dúas veces nos EEUU e tivo oportunidade deste xeito de coñecer a fondo a maneira de traballar nas granxas californianas

Aquela realidade impresionouno e propúxose volver con máis tempo. Esta primavera voltou a California para unha nova estancia de dous meses e medio en Tulare, a zona do val central de California, a máis gandeira. “Hai máis vacas ca xente, coma aquí en Galicia”, compara Elio.

Estivo traballando alí nunha empresa de investigación privada, DairyExperts, montada polo veterinario galego Alfonso Lago e que fai consultoría para as explotacións instaladas nesta zona de EEUU e proba suplementos alimenticios. Elio tivo oportunidade deste xeito de coñecer a fondo a maneira de traballar nas granxas californianas.

Traballo protocolizado

“O método de traballo en Estados Unidos é totalmente distinto, alí controlan todo o proceso produtivo e está todo protocolizado, fano sempre igual”, explica. Do mesmo xeito, afirma, “levan un exhaustivo control de datos e saben canto lles custa cada cousa porque teñen todo informatizado e todas as vacas levan un microchip de identificación”.

Os gandeiros americanos danlle importancia aos animais pequenos con moita atención ao tema do costro e coidados desde o momento do nacemento

Pola contra, indica, “non hai tanto control sanitario coma aquí e aínda hai tuberculose e brucelose”. “O que si que fan é darlle xa moita importancia aos animais pequenos. Nunha das granxas nas que estiven parían 45 vacas cada día e sen embargo muxían esas vacas unha por unha no momento do parto, analizaban o costro e dábanlle aos becerros aquel que era mellor, non lle daban un calquera, e subministrábanllelo antes das dúas horas despois de nacer. Ao día seguinte esas becerras xa ían para o centro de recría”, explica Elio.

Toda a reprodución nos EEUU é programada. “Alí non detectan os celos”, di. “Tiñan un veterinario específico para seleccionar o touro para cada vaca e para facer os descartes”, engade.

Instalacións de Triple H Dairy na zona de Tulare, en California

Instalacións de Triple H Dairy en Tulare (California)

Sulfatar en avioneta

Á hora de muxir, “non hai robots porque non son prácticos para muxir tantas vacas”, asegura. Nas granxas californianas abundan as salas circulares ou paralelas de até 80 puntos, que funcionan até 20 horas diarias e nas que traballan empregados contratados, sobre todo inmigrantes hispanos.

Nunha das explotacións que coñeceu, Wreden Ranch Dairy, por exemplo, moxen 5.500 vacas. “Nesta granxa traballan 44 persoas e os empregados que se adican a muxir cobran en función das calidades bactereolóxicas do leite, tiñan un plus por iso e esforzábanse moito na limpeza”, explica.

En Wreden Ranch Dairy teñen 5.500 vacas en produción e o persoal que moxe cobra en función da calidade bactereolóxica do leite

Na rexión de Tulare, as camas das vacas eran todas de compost pero sen necesidade de utilizar un separador de purín. “Non o precisan porque a temperatura é alta todo o día, de feito o problema que teñen é de estrés por calor”, di. “En instalacións gastan pouco, tampouco o necesitan polo tempo que fai. Son todas naves abertas e ventiladas”, detalla.

As extensións de cultivo coas que contan as explotacións en California son enormes. “Sulfataban en avioneta. Aquilo é outro mundo. Sorprendíame todos os días”, di.

Utilidade para controlar o gando en extensivo

Na súa última estancia en EEUU, Elio tivo oportunidade de facer unha primeira testaxe do microchip de iTeachTerm. “Colocámolo en 24 vacas ás que despois se lles inducía unha mastite para analizar a evolución da enfermidade e a temperatura corporal”, explica.

O prototipo está na fase de desenvolvemento do produto e o microchip está xa na fase de testar en campo, tanto en explotacións en intensivo como en extensivo. “Ampliamos a versatilidade do produto para que sirva tamén para gando en extensivo. O gando en intensivo está máis controlado hoxe en día, pero o que está en pastoreo non o está tanto e é máis difícil facer o control desas vacas”, razoa.

Incorporaron ao prototipo inicial un xeolocalizador que permite ubicar as vacas no pasto e unha pequena placa solar no colar que permite o envío dos datos

Por iso incorporaron ao prototipo inicial un xeolocalizador que permite ubicar as vacas no pasto e engadiron tamén ao microchip de control de temperatura unha función que permite controlar tamén a actividade para saber cantas horas pasa esa vaca comendo, rumiando e descansando e o tempo que pasa tamén camiñando.

“Estamos desenvolvendo tamén a aplicación para poder detectar tamén cando se producen ataques de lobo, xa que como temos control de actividade imos poder saber cando hai fuxida e cando a vaca está en grupo”, explica Elio.

O dispositivo pode funcionar con enerxía fotovoltaica, grazas a unha pequena placa que a vaca leva no colar, para que sexa autónomo, sen necesidade de fonte de alimentación suplementaria para poder funcionar e enviar os datos ao sistema informático instalado que os analiza e permite a toma de decisións.

Contactos en Brasil e en Indonesia para comercializar o dispositivo

“Temos previsto sacar á venda iTechTerm en 2020”, avanza Elio. “Temos contactos fóra daquí, en Brasil para gando en extensivo e oportunidades tamén en Indonesia, onde o Goberno indonesio e a Embaixada española van facer un proxecto de cooperación que consiste en montar unha granxa experimental con 6.000 vacas co funcionamento das granxas daquí”, conta.

Elio participa no proxecto na parte que consiste en monitorizar os animais para poder controlar a distancia desde aquí distintos parámetros do funcionamento diario da granxa.

Traballan nun proxecto de cooperación da Embaixada española co Goberno indonesio para montar unha granxa experimental para 6.000 vacas no país asiático

O Goberno indonesio pretende optimizar a produción de leite e de carne do país mediante a introdución de melloras nas instalacións e no deseño de novas naves para as gandeirías indonesias, incrementando tamén a produtividade agraria de cultivos como o millo.

“Xa se está exportando seme de rubia galega a Indonesia desde fai tempo e só cambiando o seme e cruzando as frisonas dalí con rubia galega lograron multiplicar por catro a súa produción de carne, porque un becerro aos 10 meses alí pesaba 120 quilos e agora logran 400 quilos de peso vivo”, explica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información