A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou esta mañá no acto de celebración do 60 aniversario do Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Guísamo, no concello coruñés de Bergondo. Na súa intervención, puxo en valor a traxectoria histórica do centro pioneiro en realizar unha aposta pola formación regrada de profesionais do sector primario e por “modernizar o agro galego”. Ademais, anunciou que se destinarán máis de 100.000 euros de cara finais de ano para realizar actuacións de mantemento e mellora de equipamentos neste CFEA, o que permitirá afondar na formación dos máis de 230 alumnos que cursan alí os seus estudos.
A Consellería do Medio Rural ten seis Centros de Formación e Experimentación Agraria repartidos por toda a comunidade cunha oferta total de 364 prazas en primeiras matrículas para o actual curso 2024-2025, un 11% máis que o ano pasado e cun nivel de matriculación moi alto, o que se traduce “nunhas exitosas cifras de inserción laboral con elevados índices de autoemprego”, salientou Gómez. Estes centros caracterízanse por unha compoñente altamente práctica, o que contribúe a que o alumnado acade destrezas e coñecementos que favorecen a súa entrada no mundo laboral.
Así, destacou a aposta do Goberno autonómico por acadar un rural “competitivo e moderno” a través da formación na que “non imos escatimar” para que os futuros traballadores do rural galego poidan contar con todas as ferramentas necesarias para converterse en profesionais cualificados.
Dentro deste compromiso co rural galego, Gómez lembrou que se está a ultimar un novo Plan de remuda xeracional amplo e cunha perspectiva transversal baseado na formación, a sensibilización e a incorporación de novos activos ao agro, para que Galicia siga a ter no sector primario un dos piares máis importantes da súa economía. Esta folla de ruta permitirá tamén revalorizar, visibilizar e dignificar as saídas laborais vencelladas coa actividade agroforestal, centrándose naquelas persoas que queiran facer do campo o seu modo de vida.