O Cetal e a Inlac asinan un convenio de colaboración

O acordo busca sumar esforzos das dúas entidades para potenciar o sector lácteo. Fixan 5 áreas prioritarias de colaboración entre as que se inclúen a recuperación dos mercados lácteos, o sistema de contratos ou proxectos de I+D+i

O Cetal e a Inlac asinan un convenio de colaboración

Javier Lema (esqueda) e Xosé Manuel López Tellado na sinatura do convenio.

O Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) e a Organización Interprofesional Láctea (Inlac) asinaron un convenio xeral de colaboración. O acordo ten como obxectivo principal guiar as actuacións e as relacións entre as dúas entidades.

Un dos fins prioritarios do acordo é potenciar o coñecemento, a transparencia, a valoración e a visibilidade do sector lácteo como colectivo integrado, así como a dos produtos lácteos e a dos mercados en que se comercializan.

O convenio propón, ademais, identificar e aplicar solucións técnicas e tecnolóxicas para atender as necesidades prioritarias do sector como un novo modelo sectorial máis competitivo ou o incremento do valor engadido dos produtos lácteos.

Tamén pretenden traballar na estabilidade dos mercados e o equilibrio da cadea de valor ou a recuperación de cotas de mercado para os produtos lácteos e a valorización e defensa da imaxe do sector lácteo.

No acordo, asinado polo vicepresidente da Inlac, Xosé Manuel López Tellado, e o director xeral da Fundación Cetal, Javier Bueno Lema, identifícanse cinco áreas prioritarias de colaboración entre as dúas entidades. En concreto centraranse no sistema de información sectorial, na recuperación dos mercados lácteos, en proxectos de I+D+i, no sistema de contratos lácteos e no sistema de extensión de norma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información