O centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, en Moeche, achégase ó cento de usuarios

Un grupo de 48 persoas vén de recibir a habilitación para traballar producindo neste espazo colaborativo, integrado na Rede Coworking da Deputación da Coruña

Publicidade
O centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, en Moeche, achégase ó cento de usuarios

O proxecto A Fusquenlla entregou este luns as acreditacións ás 48 persoas que superaron os dous cursos de capacitación organizados nos últimos meses para aprender a utilizar o centro de transformación agroalimentaria situado no recinto feiral de Moeche.

A formación estivo centrada tanto nos procesos de elaboración de zumes e conservas vexetais con todas as garantías hixiénicas e sanitarias, como no manexo seguro e eficiente do equipamento dispoñible nas instalacións. Na entrega dos títulos participaron Beatriz Bascoy Maceiras, alcaldesa de Moeche; José Oreona Bra, edil de Narón; Manuel Varela Mecías, responsable de Desenvolvemento local de San Sadurniño; e a deputada provincial Cristina García Rey.

Así, son xa case un centenar de persoas as que posúen a habilitación para traballar producindo ou dando apoio a quen elabora neste espazo colaborativo integrado na Rede Coworking PEL da Deputación da Coruña.

O itinerario formativo
A parte práctica ocupou a maior parte do programa e permitiu que o alumnado se familiarizase co funcionamento do centro e co uso de toda a maquinaria dispoñible para transformar froitas e produtos da horta en conservas cociñadas, zumes, compotas, marmeladas e deshidratados. Ademais, a formación incidiu especialmente na prevención de riscos laborais e nos protocolos necesarios para garantir unha produción segura.

O primeiro paso tras a formaión será solicitar formalmente a inscrición como persoas usuarias da Fusquenlla

Entre os contidos máis destacados figurou o manexo de equipamentos avanzados como cocecremas, tamizadoras, sistemas de envasado ao baleiro e aparellos de medición de distintos parámetros técnicos. Os módulos finais puxeron o foco no tratamento térmico mediante autoclave, unha das pezas fundamentais das instalacións, mostrando os valores óptimos de pasteurización e esterilización, ademais das maneiras de asegurar a estabilidade e seguridade das elaboracións destinadas tanto ao autoconsumo como á comercialización.

Comezo das labores
Ao remate da entrega de certificados explicáronse tamén os seguintes pasos que deberán dar as persoas acreditadas para empezar a utilizar o centro. O primeiro será solicitar formalmente a inscrición como usuarias da Fusquenlla. Unha vez validada a solicitude, recibirán un código de acceso ás instalacións e as claves para utilizar o sistema de reservas de quendas.

As reservas realizaranse a través dun sistema de xestión -supervisado polo Técnico de Desenvolvemento Local de San Sadurniño- que se encarga de organizar os horarios e procurar un uso equilibrado do espazo. De feito, A Fusquenlla dálle prioridade na asignación de tempos a aquelas usuarias e usuarios que se coordinan para compartir quendas e planificar elaboracións conxuntas, especialmente no caso das producións destinadas ao autoconsumo.
_DSC4639_Fixed Width_3000x2001_H_60
O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla é unha iniciativa impulsada polos concellos de Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño. A Deputación tamén colabora financiando a formación e tamén investimentos no espazo, nacido co obxectivo de facilitar un lugar común onde pequenas produtoras e produtores poidan transformar os seus excedentes agrícolas e froiteiros para autoconsumo ou venda en circuítos de proximidade. Ademais, A Fusquenlla tamén promove a dinamización do rural e a colaboración para o emprendemento, como parte da Rede de espazos colaborativos Coworking PEL da Deputación da Coruña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información