O Centro de Recría da Deputación de Lugo abrirá en primavera cunha concesión a 15 anos

A instalación ten unha capacidade para 3.000 xatas e a Deputación de Lugo xa leva invertidos máis de 10 millóns de euros na súa construción. Tras os atrasos nas licenzas e a necesidade de acometer novas obras, o centro prevese que abra na primavera de 2017

O Centro de Recría da Deputación de Lugo abrirá en primavera cunha concesión a 15 anos

Pleno da Deputación de Lugo

O Centro de Recría da Deputación de Lugo, situado no concello de Castro de Rei, prevese que abra as súas instalacións na primavera de 2017. Esta instalación, a maior de Galicia e con capacidade para unhas 3.000 xatas, foi acometida en solitario polo ente provincial, cun investimento que de máis 10 millóns de euros. O obxectivo é facilitar a recría aos gandeiros da provincia a prezos inferiores aos de mercado, xa que moitos deles teñen problemas de falta de espazo nos establos, o que os obriga a enviar as xatas a empresas privadas de fora de Galicia. A recría é o segundo capítulo de gasto nunha explotación de vacún de leite, chegando a representar ata o 20% dos custos.

A apertura deste Centro de Recría, o primeiro de carácter público de España, estaba prevista para o verán do pasado ano despois de que a empresa Tragsa rematara as obras a comezos de 2015. Sen embargo, a súa posta en funcionamento acumula xa case dous anos de atraso, tanto por problemas coas licenzas co concello de Castro de Rei, xa resoltos, como pola necesidade de acometer novas obras.

En concreto, estanse a acometer melloras no centro, como cubertas nos 6 pasillos que hai entre os 200 boxes, onde se afincarán os animais dende que entran no centro, cuns 15 días, e ata, aproximadamente, os 6 meses, cando se trasladan ás 14 naves de recría. O prazo máximo destes traballos é de 3 meses, coincidindo co período de previsión da apertura destas instalacións.

O Pleno da Deputación aproba a concesión do Centro de Recría por 15 anos

Por outra parte, o Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes a proposta do Goberno Provincial de xestión do centro, cos votos a favor de PSOE, BNG e Deputado non adscrito, e a abstención do PP. Concretamente, acordáronse as cláusulas administrativas; os pregos de prescricións técnicas para o manexo de animais e de bioseguridade, así como para o mantemento e conservación das instalacións e fincas; as medidas e condicións ambientais; así como regulamento que vela polos dereitos dos gandeiros.

Toda esta documentación será agora publicada no Boletín Oficial da Unión Europea debido á súa complexidade e valor económico, abrindo entón o prazo legal de presentación de ofertas para facerse coa concesión deste servizo por un prazo de 15 anos, que pode prorrogarse. A previsión é resolver este proceso nuns 60 días para que os primeiros exemplares poidan entrar no Centro de Recría na primavera.

Os pregos implican unha xestión pública de concesión de servizos, que conte coa participación directa dos gandeiro, para acadar a maior rendibilidade económica do centro de recría en beneficio do sector.

Supón o control directo e público destas instalacións por parte da Deputación, que velará polo cumprimento dos pregos. Por exemplo, que os prezos da recría sexan máis vantaxosos que os dun centro privado. No caso de incumprimentos, poderase sancionar á concesionaria, podendo inclusive rescindir esta concesión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información