O Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, galardoado co Premio Aresa

O xurado tivo especialmente en conta o labor de formación e capacitación profesional para o medio rural que se desenvolve neste centro ubicado en Coristanco desde a súa posta en marcha en 1975

Os membros do xurado, momentos antes de desvelar o gañador do Premio Aresa deste ano

Os membros do xurado, momentos antes de desvelar o gañador do Premio Aresa deste ano

A candidatura presentada polo Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa resultou a gañadora do XXII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, segundo deu a coñecer este mércores en Lugo o xurado encargado de emitir o ditame dun galardón que, na edición deste ano, recibiu 13 propostas.

O xurado desta vixésimo segunda edición do Premio Aresa, nunha decisión adoptada por unanimidade, segundo subliñou o reitor da USC, Antonio López, tivo especialmente en conta o labor de formación e capacitación profesional que desenvolve o a EFA Fonteboa desde a súa posta en marcha en 1975 no municipio coruñés de Coristanco.

O Premio Aresa, convocado polo grupo empresarial lucense conxuntamente coa USC, contempla unha dotación en metálico de 10.000 euros

A maioría das persoas formadas en Fonteboa están xa incorporadas como profesionais en explotacións agrarias e contribúen así ao fortalecemento do tecido económico e social dos concellos rurais, segundo puxo de manifesto o xurado do XXII Premio Aresa, que se referiu ao Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa como unha iniciativa social capaz de dar resposta ás necesidades de formación advertidas no medio rural.

Máis de 1.000 alumnos e alumnas formadas

A actividade que realiza a EFA Fonteboa é especialmente importante para facer fronte a un dos grandes problemas que está a rexistrar o medio rural galego, como é o da falta de relevo xeracional, salientou Antonio López, para logo cifrar en máis de 1.100 o número de estudantes graduados nos distintos programas de Formación Profesional Agraria que se imparten neste centro.

O Premio Aresa mantén o mesmo espíritu co que foi creado hai 22 anos: contribuír ao progreso e ao benestar do rural galego

O reitor da USC, Antonio López, presidiu o tribunal encargado de resolver a vixésima segunda edición deste galardón nunha sesión celebrada na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. Completaron o xurado o presidente fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e Carlota López Pardo, adxunta á presidencia; a presidenta da Asociación Nacional de Enxeñaría Agrónoma, Mª Cruz Día; a CEO de Galchimia e presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, Carmen Pampín; e a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel.

A entrega do galardón terá lugar, previsiblemente, o venres 11 de marzo no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo

A cerimonia de entrega deste galardón desenvolverase o vindeiro 11 de marzo, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, aínda que o desenvolvemento desta gala, a través do que se busca recuperar o formato tradicional que de sempre caracterizou a entrega do Premio Aresa, podería rexistrar cambios en función da evolución da pandemia.

Méritos dos finalistas

Ademais de salientar os méritos da candidatura gañadora, os membros do xurado recoñeceron a calidade do resto de propostas presentadas: Proxecto de gandería extensiva de carne de vacún de Dolores Vázquez Carballés; Tres Fuciños SCG; Muuhlloa; Timbersoul; Traloagro; Amarelante; Consello Regulador da Denominación de Orixe O Cebreiro; Sistema comunal de xestión da Comunidade Montes Veciñais en Man Común de Couso (Pontevedra); Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata toupa; Carabuñas e Belacolmea.

A calidade, a innovación e a variedade de candidaturas presentadas dan conta da riqueza e da vida que agocha o medio rural de Galicia e do seu prometedor futuro

“A calidade, a innovación e a cantidade de candidaturas presentadas ao XXII Premio Aresa dan conta da riqueza e da vida que agocha o medio rural de Galicia así como do seu prometedor futuro”, dixo Carlota López. Dacordo coas premisas establecidas nas bases da convocatoria do premio, o xurado valorou con especial atención as iniciativas e proxectos que contribúen a favorecer o desenvolvemento socioeconómico do medio rural, ao tempo que melloran a calidade de vida e o grao de benestar das persoas que viven nel, segundo indicou a adxunta á presidenta de Aresa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información