O Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) homenaxeou ao Centro de Día de Maiores de Leiro nun acto simbólico para conmemorar o Día Mundial da Construción Sostible. Ao acto, celebrado no propio centro, acudiron o presidente do CMD, José Manuel Iglesias; o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández; a presidenta da Delegación de Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Emma Noriega; e os arquitectos da obra, Estefanía Müller, Roi Feijoo e José Jaime Vázquez. Durante o evento puxéronse en valor as características sostibles da obra como a súa cuberta vexetal que axuda a paliar os efectos da calor no verán.
O Centro de Día, construído nunha parcela elevada sobre o curso do río Avia, intégrase na contorna natural grazas a un sistema de terrazas graduadas que aproveitan o forte desnivel do terreo. Os asistentes ao acto puideron visitar as instalacións e coñecer as diferentes solucións e usos da madeira na obra, a cal responde á intención de integrar o construído na paisaxe, ser funcional e eficiente enerxeticamente, ofrecendo espazos exteriores e interiores confortables e luz natural.
Emma Noriega destacou a importancia de recoñecer o uso da madeira na arquitectura sostible, non só como elemento estrutural. Sinalou que, a pesar dos seus beneficios, “aínda segue custando que a xente se convenza de que o uso da madeira poida ser en todos os ámbitos dunha obra”.
Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Construción Sostible, o CMD resalta os beneficios da madeira como material sostible, subliñando que o seu uso na construción pode aforrar enerxía e reducilos gases de efecto invernadoiro. Ademais, non só é unha gran aliada na loita contra o cambio climático, senón que ten un impacto psicolóxico nas persoas debido a que axuda a reducir o estrés.