O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería do Medio Rural, tivo en execución durante o ano 2015 ata 33 diferentes proxectos de investigación, consolidándose así como un referente no I+D+i (Investigación, Desenvolvemento e Innovación) agrario en Galicia.
Estes proxectos estaban centrados en temas tan diversos como o millo forraxeiro, pratenses, silos, froiteiras, autentificación da orixe da produción do leite, xestión sustentable de pastos, producións con especies gandeiras autóctonas e os seus cruces, así como aspectos sanitarios da cabana gandeira. O CIAM alberga o banco de recursos fitoxenéticos máis importante da nosa Comunidade, polo que tamén desenvolveu diferentes actuacións relacionadas con esta área.
Asináronse convenios para I+D+i con 20 empresas
Neste eido do I+D+i, o Centro de Mabegondo estableceu ademais convenios de colaboración e proxectos de investigación con 20 empresas de índole autonómica, nacional ou supranacional. Así, traballou con elas en cuestións tan variadas como a selección e mellora de variedades autóctonas de cereais, froiteiras, produtos hortícolas, cultivos e produtos para aproveitamento forraxeiro e en pensos, produción de carne e leite e as súas características e calidades, o estudo das enfermidades da cabana gandeira ou a proba de produtos fito e zoosanitarios.
Máis dun cento de actividades de transferencia ao sector en 2015
No ano 2015 esta actividade investigadora trasladouse ao sector agrogandeiro con máis dun centenar de actividades de transferencia consistentes en xornadas técnicas, campos de ensaio, comunicacións a congresos e reunións científicas nacionais ou internacionais, docencia en cursos, publicacións científicas nacionais e internacionais e en revistas de divulgación agrogandeira, ademais de colaboracións audiovisuais con medios de comunicación.
Con máis de 125 anos de historia, o CIAM exerce todas cantas funcións lle son encomendadas en materia de investigación, innovación e transferencia en materias agrarias, incluída a agricultura, a gandería e a industria agroalimentaria, dende os puntos de vista da produción, a conservación e mellora xenética, a sanidade e o benestar, de xeito compatible co medio ambiente e a biodiversidade agraria.