O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo contará cunha planta piloto de xestión de xurros

A conselleira do Medio Rural explicou que esta instalación estará orientada cara a investigación e tratará residuos tanto de vacún como de porcino

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo contará cunha planta piloto de xestión de xurros

A Xunta porá en marcha unha planta piloto de xestión de xurros no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), no marco do proxecto europeo “Nutritive”, centrado no fomento da sustentabilidade deste recurso. Esta instalación estará orientada cara a investigación e tratará residuos tanto de vacún como de porcino. Así o explicou esta tarde a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na presentación desta iniciativa, que tivo lugar na localidade lucense de Vilalba.

Neste acto, a titular de Medio Rural avanzou que esta planta terá como obxectivo final transferir os resultados da investigación aos produtores. Neste sentido, puxo en valor a importancia de enfocar a I+D+i cunha perspectiva de utilidade, para procurar solucións aos problemas e ás necesidades concretas dos gandeiros. Por iso mesmo, amosou a súa confianza en que esta planta piloto, así como o propio proxecto en xeral, traia “solucións definidas e facilmente aplicables ao día a día das explotacións”.

Ademais, a conselleira enmarcou esta iniciativa nun contexto comunitario no que cada vez están máis presentes as demandas europeas de circularidade, bioeconomía e loita contra o cambio climático e, neste mesmo sentido, felicitouse polo feito de que “Galicia volva estar á cabeza na investigación nesta materia”.

Ao tempo, María José Gómez puxo de relevo as características peculiares de Galicia en relación co aproveitamento dos xurros, algo que -lembrou- “sempre lle temos transmitido ao Ministerio de Agricultura”, na liña de que a nosa comunidade ten unha “idiosincrasia propia”. Así, trasladou, que “os solos, o clima e a división da terra agraria de Galicia en particular e da cornixa cantábrica en xeral son diferentes ás doutras zonas de España”. Por todo isto, as tecnoloxías e as novas prácticas de xestión sustentable do xurro deben adaptarse ao territorio, “e non ao revés”, remarcou.

Asemade, Gómez indicou que “o xurro é un recurso moi valioso que debe aproveitarse como nutrinte para os solos” e que cómpre focalizar os esforzos en xestionar o excedente. Neste sentido, manifestou tamén que a gandaría é un sector clave “non só en Galicia, senón tamén en España e a nivel europeo” e recordou que implica o 40% da actividade agrícola total en Europa.

Proxecto Nutritive

O proxecto Nutritive enmárcase na convocatoria “Horizon Europa Horizon CL6-2023-Zeropollution-02”. A iniciativa conta cun orzamento total de preto de sete millóns de euros e nela participan 22 socios de nove países, entre representantes institucionais, asociacións, empresas, universidades e entidades do eido da investigación, caso da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, por parte galega.

O seu obxectivo principal é desenvolver unha ferramenta de toma de decisións capaz de definir estratexias de xestión sustentable do esterco para unha determinada explotación gandeira limitando as emisións. Isto permitirá, ademais, a formulación de directrices técnicas e recomendacións que apoien aos responsables políticos cun coñecemento mellorado para establecer requisitos para futura políticas europeas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información