O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro da Limia impartirá os certificados de profesionalidade en agricultura

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro da Limia impartirá os certificados de profesionalidade en agricultura

Alumnado dun dos cursos organizados polo Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro da Limia

O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Rural (Inorde), dependente da Deputación de Ourense, vén de recibir a acreditación das súas instalacións do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro sito en Xinzo de Limia para impartir os certificados de profesionalidade nas especialidades de “actividades auxiliares en agricultura” e “agricultura ecolóxica” por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. En virtude desta homologación, esta dependencia do Inorde pasa a estar inscrita no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, destaca que “esta acreditación abre unha nova liña de traballo para o Inorde ao servizo do agro da nosa provincia en xeral, e en particular para a comarca da Limia, porque nos permitirá dar resposta ás demandas do sector primario que precisa de persoal cualificado”. Ademais, “esta nova oferta formativa contribuirá a fomentar a competitividade das empresas deste sector, estratéxico na economía provincial, así como continuar a ofrecer novas oportunidades no noso rural paliando os efectos do despoboamento”, engadiu Rosendo Fernández.

Este centro é a única entidade da comarca da Limia acreditada para impartir este tipo de formación, que complementa así os servizos de asesoramento, investigación e análise que xa realiza o Centro no seu laboratorio e nas fincas de ensaio.

Na última convocatoria aberta pola Dirección Xeral de Formación, o Inorde solicitou o financiamento correspondente para impartir un curso de cada unha das especialidades, “actividades auxiliares en agricultura” e “agricultura ecolóxica”, destinado cada un a 15 alumnos e que se impartirían entre o último trimestre de 2022 e o ano 2023.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información