O centro da loita contra os lumes forestais en Galicia

Visitamos o Centro de Coordinación de Incendios Forestais de Galicia que controla en tempo real a evolución dos lumes e os medios de loita antiincendios na Comunidade. Melloras no sistema de seguimento de avións e vehículos, novos sistema de comunicación ou drons para obter mapas de temperaturas do terreo, entre as innovacións tecnolóxicas que están implantando.

O centro da loita contra os lumes forestais en Galicia

Miguel Ángel Cela González, subdirector xeral de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais

Galicia concentra dende hai décadas boa parte dos lumes forestais rexistrados en España. Aínda que dos 12.000 lumes ao ano de fai unha década baixouse a 3.500, segue a ser un triste liderazgo que obriga á Administración autonómica a destinar cada ano recursos públicos a medios de prevención e extinción e que durante os últimos dez anos se veñen mantendo constantes.

O Centro de Coordinación Central de Incendios Forestais de Galicia, situado en Santiago e dependente da Consellería do Medio Rural, visualiza en tempo real a evolución dos lumes na comunidade, os medios sobre o terreo e coordina os medios aéreos que participan nos labores de extinción.

Trátase do centro de referencia para as arredor de 7.000 persoas e preto de 30 medios aéreos que este ano participan nos labores de extinción dos lumes forestais en Galicia. Á fronte do centro dende xaneiro de 2013 está Miguel Ángel Cela González, subdirector xeral de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Subliña que “o centro de Santiago é a cima dunha estrutura piramidal por debaixo da que están os catro Centros de Coordinación Provinciais e os 19 Centros de Coordinación de Distrito, 5 por provincia agás Pontevedra, que conta con 4”.

O modus operandi do dispositivo antiincendios da Xunta de Galicia actívase cando o persoal do servizo detecta actividade incendiaria ou ben cando alguén chama ao teléfono 085, o recomendado para avisar de lumes forestais ou ao 112.

“Primeiro, e se é posible, faise unha comprobación previa para ver a dimensión do lume e cerciorarse do aviso, ben a través de cámaras ou de puntos de vixilancia”, explica Miguel Ángel Cela. Ao tempo, o Centro de Coordinación do Distrito envía un axente forestal, unha brigada e unha motobomba a esa alarma. “Pero se nunha primeira visual se ve que o lume está a tomar forza xa se envían máis medios, aínda que non haxa confirmación exacta”, subliña o responsable de Centro de Coordinación Central.

No caso de ser precisos máis medios, o axente forestal sobre o terreo solicítaos ao distrito, que no caso de non dispor dos suficientes pide autorización ao Centro de Coordinación Provincial para que os envíe doutro distrito da provincia. Pero en caso de que se precisen medios doutras provincias é o Centro de Coordinación Central en Santiago quen o autoriza. De necesitarse medios aéreos, solicítanse ao Centro de Coordinación Provincial, unha vez comunicado e coordinado co Centro de Coordinación Central.

O estado dos lumes e os medios que interveñen séguense en tempo real dende o Centro de Santiago

Cada aviso de lume é seguido en tempo real, tanto dende o Centro de Coordinación de Distrito, como provincial ou dende o Centro de Coordinación Central de Incendios Forestais de Galicia, a través dun programa informático propio, o Xeocode. A partir dos datos que introducen na aplicación o persoal que está traballando na extinción, visualízase na pantalla dos centros de coordinación a categoría do lume; así como a ubicación exacta tanto dos medios de extinción aéreos (helicópteros e hidroavións) como terrestres (motobombas e demais vehículos).

Todos estes datos son supervisados en cada un dos catro centros provinciais por un técnico e un xefe, un servizo que se mantén as 24 horas dende o día 1 de xullo. “O técnico fai o seguimento de todo o que está ocorrendo no seu ámbito, sendo o xefe o responsable da toma de decisións de asignación de medios ou de solicitude dos mesmos ao Centro de Coordinación Central de Santiago”, explica Miguel Ángel Cela.

No Centro de Coordinación de Incendios Forestais de Galicia en Santiago traballan nun día normal un mínimo de 1 a 2 emisoristas, 1 técnico e un xefe, unha plantilla que se reforza nas horas e días de máis actividade incendiaria. De ser necesario, pode requirirse a presenza do Director Xeral de Ordenación e Produción Forestal e, en última instancia, da conselleira do Medio Rural.

¿E canto tempo transcorre dende que se avisa dun lume ata que chegan os medios de extinción? Miguel Ángel Cela asegura que “O obxectivo é que teñen que estar de media por debaixo dos 20 minutos, contados dende que se detecta ata que chegan os recursos á zona de lumes”, unha información que se comproba no parte diario de lumes do día anterior. “O obxectivo son 20 minutos, pero -matiza- depende moito da ubicación do incendio, porque se se localiza nun sitio apartado e sen comunicacións pode demorarse a resposta”.

Melloras no dispositivo: imaxes en 3D ou drons para detectar focos que se reavivan

O dispositivo de loita contra os incendios en Galicia está incorporando novos avances tecnolóxicos para mellorar a súa eficacia, e algúns deles xa se comezarán a implantar esta campaña.

Realízase un seguemento en tempo real dos lumes e dos medios de extinción

Realízase un seguemento en tempo real dos lumes e dos medios de extinción

Entre eles destaca a nova versión do programa de seguimento, o Xeocode 2.0, que, segundo destaca Miguel Ángel Cela, “manterá a mesma estrutura, pero con máis funcionalidades que permitirán traballar en 3D e incorporar xestión de persoal e os últimos avances en cartografía”. Nesta campaña testaranse estas melloras co obxectivo de implantalas o vindeiro ano.

Outro dos avances é o paso dunha rede de comunicacións analóxica a outra dixital, utilizando a nova rede Tetra de Emerxencias de Galicia, que suporá unha mellora na calidade das comunicacións, así como novas funcionalidades para todo o persoal que participa na extinción dos lumes.

A Xunta de Galicia tamén está a incorporar distintos tipos cámaras, tanto de infravermello como de detección automática, para mellorar a detección e a loita antiincendios. No apartado de drons ou avións tripulados a distancia, Miguel Ángel Cela salienta que “en colaboración co programa Gain da Axencia Galega de Innovación estamos en proxectos para incorporar cámaras con infravermellos en drons para ver os puntos quentes despois dun incendio”. E é que cando se sofoca un lume forestal é preciso manter persoal de vixilancia sobre o terreo para detectar posibles focos que se reavivan. Neste sentido, o responsable de Prevención e Defensa contra Incendios da Xunta salienta que “este dron faría un mapeado de temperaturas, detectando os puntos quentes e aforrando tempo e traballo”.

Por último, Miguel Ángel Cela, subliña que “tamén estamos renovando a flota de motobombas”, coa entrega de 43 novos vehículos, aos que hai que engadir os 42 que a Xunta lle entregou aos concellos nos últimos anos.

“Temos que estar innovando continuamente, porque o número de incendios baixa, pero en Galicia seguimos cun alto número de lumes”, conclúe.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información