O ‘catastrazo’ retoma a ofensiva no rural

Os veciños de arredor de 150 concellos galegos comezarán a recibir as notificacións da renovación catastral a partir deste outono. O sector gandeiro lembra as cuestións ás que convén prestar atención para reducir o impacto da nova contribución

O ‘catastrazo’ retoma a ofensiva no rural

O proceso de renovación catastral abarcará a maior parte do territorio galego.

O rural galego encara este outono a segunda fase do xa coñecido como catastrazo. O proceso de renovación catastral, que está a aumentar significativamente os recibos da contribución, rematou en arredor de 80 concellos, pero outros 150 seguen coa regularización en marcha e é de esperar que se sumen máis municipios á actualización. Falamos con Unións Agrarias e co Sindicato Labrego, organizacións agrarias que están a asesorar a afectados polo proceso, para coñecer as cuestións ás que cómpre prestar atención.

A novidade máis significativa do catastrazo é que todas as instalacións agrarias, tales como granxas, naves e invernadoiros pasan a pagar o Imposto de Bens Inmobles (IBI). A maiores, a revisión porá ó día posibles ampliacións en vivendas e incluirá novas construcións.Sobre os cambios en vivendas, haberá que abonar ademais os atrasos dos últimos 4 anos, pago do que quedan exentas as instalacións agrarias.

Que problemas se están a detectar coa actualización do Catastro? Repasamos cinco cuestións a ter en conta

1) Construcións agrarias que figuran como almacéns

Se un pendello ou unha corte queda catalogado como almacén, Catastro reclamará o pago de 4 anos de atrasos. “É fundamental no proceso de regularización catastral, prestar atención ós usos que lle atribúe Catastro ós inmobles, de cara a presentar as correspondentes alegacións”, sinala Margarida Prieto, coordinadora do Sindicato Labrego Galego (SLG) na Terra Cha.

“É fundamental prestar atención ó uso que lle atribúe Catastro ós inmobles” (Margarida Prieto, SLG)

Prieto pon o exemplo dunha construción agraria que se valorou en 7.437 euros e que se catalogou como almacén. De acordo co tipo impositivo vixente nese concello, o 0,4, o afectado enfrontábase a un recibo anual de 29,7 euros só por esa construción, pero como a instalación estaba catalogada como almacén, tiña que abonar ademais un recibo por catro anos de atrasos (118,9 euros). Cunha correcta catalogación, evitarase o pago de atrasos e haberá ademais a posibilidade de acceder a bonificacións.

2) Instalacións non suxeitas ó pago do IBI ás que se lles atribúe un valor catastral

“Tivemos un afectado de Friol ó que se lle computaban como almacéns as foxas de purín, que estaban cubertas de uralita” -lembra Verónica Marcos, de Unións Agrarias de Lugo.- “Tamén é frecuente que se computen as trincheiras dos silos e tivemos mesmo o caso dunha afiliada á que lle querían cobrar pola casa infantil do Carrefour que colocara no xardín para os nenos”.

“Tivemos o caso dunha afiliada á que lle querían cobrar por unha caseta infantil de plástico que mercara no Carrefour” (Verónica Marcos, Unións)

3) Construcións mal atribuídas

A planificación labiríntica dalgúns núcleos rurais leva a confusións na atribución das instalacións. Haberá que revisar que Catastro liga ben as construcións cos correspondentes propietarios.

4) Tipos impositivos

Cada Concello ten potestade para fixar os tipos impositivos da contribución rústica entre o 0,3 e o 0,9. Boa parte dos concellos agrarios teñen tipos baixos, arredor do 0,3-0,4, se ben hai outros nos que se dispara ata o 0,9.

A presión das organizacións agrarias está a forzar baixadas dos tipos en boa parte das comarcas agrarias. “Na nosa zona, houbo concellos como Muras, Xermade, A Pastoriza ou Guitiriz que si nos manifestaron a súa vontade de traballar no tema, pero na maioría dos casos aínda falta por concretar en canto se van baixar os tipos”, explica Margarida Prieto, do Sindicato Labrego.

As naves agrarias pasan a pagar a contribución. Esta foi valorada en arredor de 30.000 euros. / Imaxe: SLG.

As naves agrarias pasan a pagar a contribución. Esta foi valorada en arredor de 30.000 euros. / Imaxe: SLG.

A maiores, as organizacións lembran que os Concellos teñen potestade para aplicar bonificacións de ata o 90% por circunstancias especiais, como podería ser o feito de considerar a produción agraria como de especial importancia municipal. “Lugo, por exemplo, é un dos Concellos que xa están aplicando o tipo mínimo, o 0,3, e que a maiores estableceron bonificacións de ata o 90% para as explotacións agrarias”, lembra Verónica Marcos, de Unións.

A diferenza de recibos é significativa. Imaxinemos instalacións agrarias valoradas en 50.000 euros. Co tipo máximo (0,9) pagaríanse 450 euros ó ano. Co tipo mínimo (0,3), o pago sería de só 150 euros, pero se a maiores se establece unha bonificación do 90%, o recibo final será de 15 euros.

Cómpre destacar que só os Concellos saneados terán autorización de Facenda para establecer este tipo de bonificacións, pois os que se atopen en procesos de rescate, teñen prohibidas as bonificacións.

5) Becas de estudo

Os fillos e fillas de gandeiros dos Concellos nos que xa se acometeu a renovación catastral estiveron a perder de xeito sistemático becas de estudo a causa das valoracións catastrais das instalacións agrarias. O problema suscitou as queixas do sector gandeiro e este ano correxiuse a convocatoria de becas para permitir maiores valores patrimoniais de rústica. O sector dubida de que ese cambio sexa suficiente.

“Os Concellos ven o catastrazo como ingresos, pero non poden sanear as contas a costa dos veciños” (José Antonio Diéguez, Ventonoso)

Valoracións
As organizacións que traballan na asesoría ós afectados pronostican un forte impacto do Catastrazo nos próximos meses. “Pódese dicir que houbo unha tregua durante o periodo electoral, pero este outono retomarase o envío de comunicacións” -prevé José Antonio Diéguez Otero, de Ventonoso, unha organización ligada a Unións Agrarias.- “O catastrazo para os Concellos representa sen dúbida unha fonte de ingresos, pero o que non se pode é pretender sanear as contas a costa dos veciños”, valora Diéguez Otero.

Na mesma liña exprésase Margarida Prieto, do Sindicato Labrego, que incide en que os Concellos a miúdo non teñen en conta o impacto que ten unha suba “tan brutal” de impostos na veciñanza, sobre todo no rural, que rexistra unha forte crise da maioría dos sectores produtivos e que conta coas pensións máis baixas do Estado.

“Non é lóxico pagar sen ter servizos ningúns”

Ángel López, de Guntín (Lugo), é un dos afectados polo catastrazo. Xa lle comunicaron as valoracións catastrais dos seus bens, incluidas instalacións agrarias, e está á expectativa de ver como se plasma esa renovación catastral no seu recibo da contribución.

“Imos ver que tipo impositivo vai aplicar o Concello -actualmente do 0,50 en rústica- e que servizos nos van dar. Nós servizos non temos ningúns, nin alcantarillado nin traída de augas nin outros. Só temos pistas en mal estado e alumeado público”, resume. “Se se quere fixar poboación no rural, hai que establecer bonificacións nos impostos e ofrecer servizos”, defende.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información