
Belén Feijóo, xunto ás vigas de castiñeiro que forman parte dos ensaios dentro do convenio con XERA
O castiñeiro, xunto co carballo, foi historicamente unha das madeiras estruturais máis empregadas en Galicia. Tradicionalmente na construción aceptábanse movementos, fendas de secado ou pequenas deformacións propias do material, polo que non se consideraban prioritarios aspectos como a estabilidade dimensional ou un acabado visual perfecto.
Hoxe en día existe unha maior demanda de perfección por parte do usuario, o que provoca que a colocación de madeira verde, ao seguir experimentando cambios durante o seu secado en obra, presente reticencias para a súa prescrición.
A cuestión é que resulta moi difícil encontrar madeira aserrada de castiñeiro seca polas esixencias de tempo que require o proceso, así como polos poucos serradoiros especializados que aínda operan na comunidade, que adoitan subministrar madeira serrada verde. Esta situación leva a que arquitectos e outros prescritores acaben por descartar o uso do castiñeiro aserrado nas súas obras.
É unha mágoa que se deixe de usar o castiñeiro como madeira estrutural e se substitúa por madeira laminada de pícea procedente de Centroeuropa só porque non vai ter fendas nin deformacións
“O castiñeiro é unha madeira estrutural que se utilizou toda a vida en Galicia para cubertas e para forxados de plantas. Cando os arquitectos prescribimos unha estrutura de madeira aserrada de castiñeiro non a hai seca no mercado, polo que se coloca en verde. Non ten porqué haber problema na súa utilización, o castiñeiro é unha magnífica madeira, pero hai que ter en conta a súa evolución durante o secado e deixarllo claro ao cliente final, e que este acepte os cambios como algo propio do material, para que non haxa sorpresas desagradables”, explica Belén Feijóo, arquitecta e integrante de PEMADE, a Plataforma da Madeira Estrutural da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.
Aportar coñecemento para xerar confianza
Estudar como se comporta o castiñeiro colocado en verde é o obxectivo dunha serie de ensaios que está a levar a cabo PEMADE, grazas a un convenio de colaboración con XERA, a Axencia Galega da Industria Forestal (Consellería de Economía e Industria). O obxectivo dos ensaios é xerar confianza tanto nos prescritores como no cliente final.
A Universidade de Santiago asinou un convenio con XERA para ensaiar o comportamento do castiñeiro na construción
O obxectivo é sacar finalmente unha sorte de documento ou guía para que os arquitectos saiban como se comporta o castiñeiro nestes casos nos que se usa en verde, para que o teñan en conta á hora de facer os seus cálculos e poidan informar tamén aos seus clientes sobre a evolución que vai ter a madeira.
“O usuario ten que saber que ao castiñeirolle vanlle saír fendas, porque é un material natural que, igual que ten nós, vai ter tamén fendas de secado ou pequenas deformacións, sen que iso afecte normalmente á súa resistencia”, avanzan en PEMADE.
Queremos tranquilizar ao usuario final ao respecto das fendas de secado que poden aparecer, e formar ao arquitecto para que saiba como calcular con múltiples especies de madeira, incluso cando está verde
“A madeira de castiñeiro en verde compórtase, a nivel de estrutura, dun xeito distinto ca en seco. É dicir, ten unhas propiedades distintas e o noso obxectivo é estudar como se comporta o castiñeiro nese proceso de secado cando xa está instalado na construción. Ao ir secando, o habitual é que aparezan fendas, que normalmente non teñen importancia desde o punto de vista da súa resistencia estrutural, pero que visualmente á xente pode causarlle estrañeza ou preocupación”, indica Belén.
“Hoxe existe unha certa reticencia por parte dos arquitectos á hora de utilizar madeira estrutural de castiñeiro debido a eses cambios que pode sufrir no proceso de secado e acaban optando moitas veces por outro tipo de madeiras, como piñeiro ou pícea centroeuropea, cando a durabilidade do castiñeiro é moi superior, pero o feito de que poida haber queixas ou reclamacións por parte do cliente ou do usuario, fai que o arquitecto non o queira utilizar. E é unha mágoa que se deixe de usar o castiñeiro como madeira estrutural e se substitúa por madeira laminada de pícea procedente de Centroeuropa só porque non vai ter fendas nin deformacións”, insiste.
Marxes de seguridade para uso de madeira en verde

“Cando un técnico calcula unha estrutura de madeira en verde, debe aplicar un determinado coeficiente de seguridade que está establecido na norma e que ten en conta a humidade da madeira. A norma establece este coeficiente con carácter xeral para toda a madeira en verde;non sabemos se o valor establecido é excesivo ou non para o castiñeiro, porque non coñecemos estudos específicos ao respecto nesta especie e parécenos moi interesante saber o valor real”, indica.
Queremos estudar como se comporta o castiñeiro a nivel estrutural a medida que vai secando
“Dentro dos ensaios que se están a levar a cabo, cortáronse varias vigas de castiñeiro que chegaron aquí cuns niveis de humidade moi altos. Dentro das instalacións de PEMADE están a unha temperatura e a unha humidade moi similar ao que poden estar nunha vivenda ou noutro tipo de edificación, en torno aos 18-22 graos centígrados de temperatura e cunha humidade ambiental do 40-60%. A medida que van secando ensáianse cos equipos que están no laboratorio, exercendo sobre elas unha determinada forzae medindo a súa deformación”.
“Nós con eses datos podemos saber o módulo de elasticidade, que é unha propiedade mecánica imprescindible para o cálculo estrutural, xa que mide a rixidez. A medida que vai secando a peza vemos como vai cambiando ese módulo de elasticidade. Noutros ensaios lévanse as probetas a rotura para saber tamén a súa resistencia”, detalla Belén.
Probas con impermeabilizante nas cabezas das vigas

As cargas que se exercen están calculadas para ter uns determinados esforzos nas vigas
Outro dos ensaios que se está a levar a cabo ten que ver coas cabezas das vigas. “Vemos que cando unha viga serrada en verde comeza a secar, o primeiro lugar polo que fende é polas cabezas e pensamos que pode ser pola maior rapidez de secado debido ao corte transversal á fibra e por estar exposta máis superficie de viga. Por iso, unha das cabezas das vigas se pintou cunha pintura impermeabilizante para que non quede tan exposta ao aire e a outra non, e imos comparar para valorar se iso afecta á aparición das fendas. Se vemos que dá un resultado favorable, podería ser unha técnica a recomendar nese documento final”, di.
O material diminúe de volume ao perder humidade e por iso lle saen fendas, pero as fendas de secado non solen ser problemáticas
Por outra parte, PEMADE está tamén avaliando como se comporta o castiñeiro colocado en verde co paso do tempo cando a peza xa está cargada, é dicir, se estivera o forxado feito e a xente vivindo enriba nunha casa, por exemplo.
Neste sentido, PEMADE dispón nos seus ensaios desde 2023 de varias vigas de castiñeiro de dimensións distintas, cargadas con pesos tamén distintos, simulando as diferentes realidades de uso da edificación. As vigas teñen instalado pola parte de abaixo un equipo de medida que rexistra como se vai deformando a peza no seu punto medio, é dicir, cando se vai curvando cunha carga continuada no tempo durante os tres anos que vai durar o ensaio.
O equipo informático rexistra de xeito continuado esa deformación ao tempo que se miden tamén as condicións ambientais de temperatura e humidade nas dependencias nas que están.
Aserrado radial vs aserrado tanxencial

No que respecta a pezas de menor grosor, como por exemplo as táboas, o castiñeiro verde, ao igual que outras especies, tende a curvarse e retorcer, aínda que isto tamén está relacionado coa técnica de serrado utilizada.
“Depende de como se faga o serrado da táboa, a sección compórtase dunha forma ou de outra. Pode curvarse máis se está serrada de xeito tanxencial, no que os aneis da madeira quedan tanxentes á táboa, ca se foi serrada de xeito radial (en forma de radio, desde o centro do tronco para á parte de fóra). Temos unhas probetas con distintos cortes nas que vemos que a radial segue mantendo a súa forma, mentres que as outras teñen distintos tipos de deformacións”, conta Belén.
O aserrado radial é o recomendado para o castiñeiro, xa que provoca unha menor deformación das táboas ao secar
“En xeral, en gran parte das especies funciona mellor o aserrado radial, pero iso fai que se aproveite menos o tronco, debido a un maior grao de desperdicio, pero en especies que son máis estables e que se moven menos, como pode ser o piñeiro, pode optarse por outro tipo de aserrado, mentres que no castiñeiro é aconsellable que sexa radial”, insiste.
As posibilidades do laminado

Unha estrutura de madeira laminada fabricada por Exfopino
A falla de silvicultura nos montes de frondosas en Galicia reduce a súa calidade e limita a obtención de vigas de longos de máis de 5 metros, polo que para facer fronte a este tipo de pedidos ou ben se utiliza madeira importada ou madeira laminada de castiñeiro.
Neste sentido, o laminado podería ser outra opción viable para un maior aproveitamento do castiñeiro galego. A única empresa que fai vigas de castiñeiro laminado en Galicia é Exfopino, aínda que se limita só a pedidos concretos. En Asturias, sen embargo, Siero Lam ten unha ampla gama de laminados de castiñeiro certificados con marcado CE.
Desde o noso punto de vista, o laminado sería unha boa opción para lograr un maior aproveitamento do castiñeiro
“Está claro que o laminado facilitaría un maior aproveitamento do castiñeiro pero hai que valorar cal é o rendemento final e o custo, porque a técnica de laminado encarece o produto”, indica. “Pero se en Asturias é viable estou convencida de que aquí tamén o podería ser, porque a calidade da madeira de base é semellante”, di Belén.
En Centroeuropa estanse a rifar tanto o laminado de castiñeiro como os de carballo ou eucalipto
“Os centroeuropeos son os que máis están a valorar nestes momentos as nosas frondosas e os produtos laminados que se fan a partir delas. As vigas de eucalipto laminado que se fan en Galicia (Villapol), de castiñeiro en Asturias (Siero Lam) e de carballo no País Vasco (Gámiz) expórtanse na maior parte, mentres que aquí mercamos o abeto laminado que teñen eles, cando é unha madeira que non é comparable en durabilidade. É moi curioso”, remarca.
Mixtos madeira-formigón

Ensaio de longa duración no que se estuda como se comportan as vigas de castiñeiro aserrado colocadas en verde nun mixto con forxado de formigón enriba ante unha situación de pesos continuados, rexistrando de xeito constante cal é a flecha da viga e as condicións de temperatura e humidade ambiente
Outros dos ensaios que está a facer PEMADE dentro do convenio con XERA teñen que ver co comportamento de forxados mixtos madeira-formigón. “Este tipo de mixtos hai tempo que se utilizan en Centroeuropa, pero alí acostuman ser laminados de abeto ou de pícea e nós estamos ensaiándoos con vigas de castiñeiro aserrado”, conta Belén.
“O formigón, que é un material que traballa moi ben a compresión, está na parte de arriba e a madeira, que traballa moi ben a tracción, está na parte inferior. É dicir, deste xeito, ambos materiais están traballando coas súas mellores características, dando cada un o mellor de si mesmo”, explica.
Este tipo de solucións están pensadas, por exemplo, para rehabilitacións nas que se quere manter a estrutura orixinal de vigas de madeira pero que non chega a nivel de resistencia porque se vai ter un novo uso que supón unhas cargas superiores. No canto de ter que facer de novo a estrutura, incrementando a sección das vigas, pode optarse por un mixto no que o formigón traballa tamén estruturalmente, reforzando a capacidade de resistencia das vigas de madeira.
Sumamos o mellor dos dous materiais, porque a madeira funciona moi ben a tracción e o formigón a compresión
O que se consigue con isto é ter unhas propiedades moi semellantes ás dun forxado de formigón pero diminuíndo o seu volume, e polo tanto minorando a cantidade de cemento, que é un material moi contaminante a nivel de emisións de CO2.
“No ámbito acústico, a madeira presenta maiores dificultades para alcanzar os niveis de propios dun forxado de formigón, xa que o illamento acústico require de materiais cunha maior densidade ou peso. Por iso habitualmente recórrese a recrecidos de morteiro de cemento, que introducen cargas adicionais sen función estrutural. Con estas solucións mixtas obtense un bo illamento acústico e o formigón traballa estruturalmente; non é un peso morto”, explica.

Sistemas de anclaxe para os mixtos de vigas de madeira e forxado de formigón
O punto que require de maior investigación e desenvolvemento neste tipo de produto é a ferraxe que une a lousa de formigón coa viga de madeira. “Ten unha función fundamental, porque é a que transmite cargas dunha parte á outra e soporta unha tensión importante”, aclara Belén.
Vémolo como unha solución interesante a promocionar tanto en rehabilitación como en obra nova e que non se está a usar de xeito habitual neste momento en Galicia
“Hai moitas técnicas, pode facerse con tirafondos atornillados pola parte de enriba, cunha caixa mecanizada na parte superior das vigas, cunha prancha metálica perforada na que engancha un mallazo de reparto, etc; solucións sobre as que despois se bota o formigón”, detalla.
É un sistema que non se está a usar de xeito habitual neste momento en Galicia pero que desde PEMADE ven como “unha solución interesante a promocionar”. “É algo que non se inventou aquí, pero si que se está a innovar e a desenvolver novas unións que permitan a fácil industrialización do produto”, conclúe.
Nova actualización de Trabe, a aplicación informática gratuíta para cálculo de estruturas en madeira

Curso de formación sobre estruturas de madeira impartido en PEMADE no mes de xuño
O convenio entre a Axencia Galega da Industria Forestal e a USC para o fomento do emprego do castiñeiro e a súa contribución na descarbonización do sector da construcción (2023-2025) complétase tamén con outras accións que desenvolve PEMADE, como cursos de formación en cálculo de estruturas de madeira para especialistas e a actualización do software de cálculo deseñado polo equipo de PEMADE con axuda de XERA para as principais especies de Galicia; a ferramenta TRABE.
“Dentro do primeiro convenio de catro anos con XERA desenvolvimos a ferramenta para vigas e forxados e dentro deste segundo convenio no que estamos agora imos actualizar Trabe para outro tipo de tipoloxías”, indica Belén.
Antes de que remate este ano haberá unha actualización da ferramenta Trabe para cálculo estrutural en madeira, que permitirá por exemplo calcular paneis contralaminados para forxados ou mesmo algúns tipos de unións, avanza.
Ademais de vigas e forxados, poderanse calcular paneis contralaminados e mesmo algúns tipos de unións para a ensamblaxe das pezas
O obxectivo é unha vez máis poñer a disposición de todos os profesionais unha aplicación práctica e útil que lles permita facer os cálculos previos dun xeito doado. “Buscamos que o software chegue ao usuario dunha forma sinxela e entendible”, destaca.
“Os arquitectos que deseñan e prescriben moitas veces non calculan, senón que contratan eses traballos a un especialista en cálculo que emprega habitualmente un tipo de software moi especializado, pero ao arquitecto que fai o proxecto venlle mellor moitas veces poder dispoñer dunha ferramenta máis básica e gratuíta que lle permita predimensionar a estrutura para saber con que espesores vai traballar, por exemplo, porque iso vaille condicionar as alturas e outro tipo de parámetros, por iso Trabe é unha ferramenta que che axuda moito”, explica.
Trabe é unha ferramenta que naceu en Galicia grazas a XERA, pero está a ser usada hoxe en toda España
“Trabe é unha ferramenta que naceu en Galicia grazas a XERA, pero está a ser usada hoxe en toda España”, conta Belén. O País Vasco foi desde fai anos a avanzadiña da recuperación da construción estrutural en madeira en España. “Nós apoiámonos moito no seu exemplo pero penso que nos últimos anos Galicia está a dar un impulso importante e estamos a axudar tamén a outras comunidades, como Andalucía, a avanzar nese camiño”, indica.
Cursos de formación para profesionais
En canto aos cursos de formación, están dirixidos a cálculo estrutural con tódalas especies recoñecidas na normativa, incluído o castiñeiro e os piñeiros. “Tratase de cursos propios da USC de formación continua con recoñecemento de créditos. Estes cursos forman a especialistas en cálculo de estruturas de madeira, imprescindibles para o éxito das mesmas. O que caracteriza estes cursos é a súa formación práctica en cálculo a través de resolución de estruturas, e especialmente a utilización do laboratorio de PEMADE podendo facer ensaios que permiten coñecer de forma directa coma se comporta a madeira”, di.
Ao curso deste ano asistiron 17 persoas, que durante 5 semanas os xoves, venres e sábados recibiron sesións teóricas e prácticas para cálculo estrutural en madeira
O perfil das persoas que asisten a estes cursos é técnico: arquitectos, aparelladores, enxeñeiros civís, etc. “Case toda é xente que xa está traballando, de 30 a 50 e pico anos, e que quere formarse porque ve que se está utilizando cada vez máis a madeira en estruturas e quere saber calculala porque nas escolas tradicionais de arquitectura ou de enxeñería até agora calculábase máis con formigón armado ou con metálica e menos con madeira, polo que se fai necesaria unha formación máis específica neste ámbito que actualice coñecementos”, describe.
Rehabilitacións e construcións singulares
O obxectivo de XERA con este tipo de accións é fomentar a utilización da madeira galega (fundamentalmente piñeiro, e frondosas coma o castiñeiro, carballo ou eucalipto) para usos estruturais en construción, onde existe unha alta potencialidade para a madeira no presente e de cara ao futuro.
“A tendencia de recuperar a construción en madeira vai ir a máis. É algo que hoxe estase apoiando e fomentando. Noutros países, como Austria, Finlandia, Noruega ou Francia, hai distintas axudas e incentivos de tipo fiscal, e desde a Comisión Europea estase investindo moito diñeiro para que a construción cambie nese sentido, porque para ter unha pegada de carbono final menor nun edificio a maneira máis doada de logralo é usando madeira”, argumenta Belén.
Aínda que desde a Administración poida ser complicado obrigar a construír en madeira, sempre hai formas de incentivalo
“Eu levo unha década en PEMADE e vexo que a evolución foi exponencial. Levou moito tempo arrincar e estivemos moitos anos traballando sen ver moitos resultados, seguramente até que houbo exemplos demostrativos visibles no noso entorno, pero hoxe ese proceso semella xa imparable”, asegura.
Nos arquitectos, considera que detrás do uso cada vez maior da madeira está a conciencia por crear espazos singulares e a calidez que aporta como material nos interiores, mentres que no caso dos propietarios segue pesando a tradición e a lembranza de madeiras autóctonas, como o castiñeiro ou o carballo, como materiais duradeiros.
A madeira é un material moi cálido; poñer a man sobre un forxado de formigón ou sobre un taboleiro de CLT supón unha sensación completamente distinta
O custo a maiores que pode ter una estrutura de madeira respecto de solucións máis convencionais con formigón, “equilíbrase aproximadamente aos 10 anos”, asegura Belén. “Vai supoñer un pequeno investimento a maiores no momento da construción, cando decides poñer unha estrutura de madeira no canto dunha convencional de formigón, pero cunha boa envolvente e uns bos illantes vas conseguir unha eficiencia e un aforro en enerxía que vai facer que che compense. Os estudos que hai indican que se amortiza en 10 anos”, di.
Nós entendemos que o castiñeiro dificilmente vai ser un produto para a construción en volume, senón que para iso seguirase usando o piñeiro
O castiñeiro dificilmentevai ser un produto de gran volume para a construción, probablemente ocupe un nicho de mercado concreto, porque desde o noso punto de vista para construción en volume seguiranse usando especies de crecemento rápido como o piñeiro. Pero si que vai haber un nicho de mercado que demande frondosas de crecemento local”, asegura.
Belén explica: “teriamos un mercadode uso máis común, que sería o do piñeiro, e un uso menor pero selecto para situacións especiais, que sería o do castiñeiro”. Entre estes usos do castiñeiro enumera rehabilitacións, edificacións singulares ou edificios públicos nos que se quere acadar un toque diferencial.
Galego









Control OJD