O Campus Terra desenvolve insumos agrícolas con algas mariñas para cultivos en ecolóxico

O Campus Terra desenvolve insumos agrícolas con algas mariñas para cultivos en ecolóxico

O grupo de investigación Agronomía da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra de Lugo da USC traballa no desenvolvemento de insumos agrícolas para mellorar cultivos en ecolóxico e de producións tradicionais sustentables con descartes de algas mariñas da industria alimentaria ao abeiro do proxecto Algaterra.

Nesta iniciativa de I+D, liderada pola empresa Porto-Muiños SL e que conta con 146.371 euros de financiamento do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural a través do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, tamén participan como colaboradores a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), o equipo VIOR da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC e as empresas Adegas Terras de Asorei, Riveiro Ecológicos e Horta da Lousa.

As algas mariñas son un recurso natural moi abundante e diverso en Galicia, cuxa industria alimentaria se decatou nos últimos anos da súa importancia para o sector da gastronomía e a alimentación. Daquela, o crecente emprego de algas mariñas na industria alimentaria implica a xeración de descartes de alto valor que poden ser utilizados para a elaboración de novos produtos.

As posibilidades de aproveitamento dos refugallos de algas mariñas descartados pola industria alimentaria actuaron como impulso do proxecto Algaterra, unha innovadora actuación de I+D+i que contempla o uso de técnicas coñecidas e sinxelas como o deshidratado ou a moenda de algas, así como doutras técnicas máis sofisticadas, tal e como pode ser a elaboración de extractos naturais acaídos para mellorar as condicións e a produción de cultivos de horta, pataca ou vide en ecolóxico.

Algaterra constitúe pois un proxecto encamiñado a dar resposta á demanda dos produtores en sistemas de agricultura ecolóxica. Este sistema de produción incrementou nos últimos anos de forma importante a súa superficie en Galicia e en España, que lidera o ránking de países da UE con máis superficie destinada á agricultura ecolóxica. A crecente evolución deste modelo leva ao sector a demandar novos insumos que contribúan a mellorar o desenvolvemento das plantas de cultivo e as características dos solos, un cometido para o que as algas mariñas representan un recurso ecolóxico de calidade que posúe beneficios como fertilizante, para mellorar as propiedades físicas do chan e incluso como bioestimulante.

Neste contexto e en aras a consolidar unha economía verde e circular arredor da industria das algas mariñas, os distintos axentes implicados no proxecto Algaterra prevén a elaboración de novos insumos agrícolas en diferentes versións: fertilizantes e emendas, como compoñente ou aditivo en substratos e como bioestimulante. Unha vez completado o proceso de elaboración destes novos produtos, procederase a unha avaliación agronómica dos mesmos, a fin de coñecer os seus efectos sobre a saúde e as propiedades do solo e do cultivo, así como no rendemento e calidade de pataca, viñedo e outros cultivos hortícolas.

Algaterra contempla asemade a elaboración dunhas guías de uso que permitan obter o máximo potencial do emprego de descartes de algas mariñas como fertilizante deshidratado en pataca e vide, como fertilizante deshidratado nunha rotación leituga-tomate, como compoñente de substrato para cultivo de especies hortícolas en fase de sementeiro ou como bioestimulante mediante aplicación foliar en vide e en horta vía foliar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información