“O camiño para as explotacións lácteas, en Asturias e en todas partes, é a integración cooperativa”

Entrevista a Jesús Casas Grande, Director Xeral de Desenvolvemento Rural e Agroalimentación do Principado de Asturias. Asegura que o acordo deste luns en Bruxelas “non resolve nada pero por fin a Comisión Europea dáse conta da gravidade do problema lácteo”

“O camiño para as explotacións lácteas, en Asturias e en todas partes, é a integración cooperativa”

Jesús Casas Grande, Director Xeral de Desenvolvemento Rural e Agroalimentación do Principado de Asturias

As explotacións lácteas galegas cobran o leite 3,7 céntimos por baixo das Asturias, unha diferenza que para Jesús Casas Grande, Director Xeral de Desenvolvemento Rural e Agroalimentación do Principado, non ten outra explotación que “a integración cooperativa”.

Este martes participou na nova planta de pensos ecolóxicos de Campoastur en Otur (Asturias) nunha xornada sobre o “O desenvolvemento da gandería cara a un modelo ecolóxico”.

Como valora o goberno de Asturias o acordo sobre o sector lácteo alcanzado polos ministros de agricultura da Unión Europea?
Non é un acordo, de feito non recibimos unha comunicación oficial do Ministerio. Máis ben o que anunciou a Comisión de Agricultura da Unión Europea é que se vai empezar a mover e hai algúns aspectos positivos como aumentar o volume de retirada ou tomar conciencia de que temos un problema.

En canto aumentar as axudas de mínimis é pasar a pelota aos estados membros e ás Comunidades Autónomas, que non sei se terán as súas economías como para poder facelo.

Sobre a aplicación de acordos voluntarios para regular a produción, imos ver porque aínda hai que desenvolver as directrices. Si que botamos en falta que non hai ningunha referencia para subir o prezo de intervención, que nos parecía que podería ser interesante. O aspecto positivo é que a Comisión recoñeceu que as medidas adoptadas ata agora non están a funcionar, e que hai que facer algo máis.

“Sen resolver nada, por fin a Comisión Europea dáse conta da gravidade do problema lácteo”

Tamén nos parece positivo que non haxa que crear grupos de alto nivel senón tomar decisións xa. Nas próximas semanas supoñemos que poñerán sobre a mesa documentos concretos con todas as medidas e poderemos analizalos.

A valoración global é favorable. É verdade que a posición española era moi sólida e que esta vez o Ministerio e as Comunidades Autónomas tiñan unha gran coincidencia. Sen resolver nada, por fin a Comisión Europea ten encarado o problema e dáse conta da súa gravidade.

Mentres tanto, en España o Tribunal de Defensa da Competencia cuestiona o decreto de cesión de prezos entre distribución e industria….
Sempre notei una certa incapacidade para ver o que ocorre realmente no medio rural, e isto ocorre tamén en temas de competencia. Creo que hai que aproximarse con outros ollos ao mundo rural. Cando tiven que falar co Tribunal de Defensa da Competencia resultaba moi difícil facerlles entender a singularidade do medio rural.

Paréceme que o acordo lácteo é un bo acordo e que é bo coñecer como se forma a cadea de prezos e que todas as partes poñan encima da mesa as súas cartas. Se hai algún tema que afecta á competencia haberá que corrixilo, pero espero que o Ministerio retome o traballo para sacar adiante o Decreto e quero crer que todas as Comunidades Autónomas e todos os sectores imos traballar tamén nese sentido.

A crise de prezos do leite afecta de forma diferente ás Comunidades Autónomas. Desde Galicia mírase con envexa sa os mellores prezos que teñen os gandeiros asturianos. A que se debe esta diferenza?
O factor diferencial chámase integración cooperativa. Non descubrimos nada. Os gandeiros asturianos están a pasalo mal pero manteñen un diferencial de prezos positivo. Isto é así grazas a que os gandeiros tomaron no seu momento de forma colectiva a decisión de dar un paso máis e entrar no campo da transformación do leite.

A gran potencia do sector lácteo de Asturias é que produce, transforma e ten unha parte importante do mercado. É dicir, un 16% do leite que se vende en España ten marca Central Leiteira Asturiana.

Este é o camiño aquí e en todas partes. Sirva como exemplo que en Dinamarca todo o leite comercialízase a través dunha cooperativa.

Nese proceso de integración cooperativa, CLAS alcanzou hai uns meses un acordo con Lactogal para a comercialización de leite de marca branca. Esa colaboración e integración cooperativa vaise ampliar a Galicia e a outras Comunidades?
Creo que o futuro pasa por constituír algúns grupos moi potentes no sector lácteo, que teñan capacidade de transformar e poñer no mercado produtos lácteos. Creo que CLAS é un grupo potente e que está chamado a estar no equipo líder da integración cooperativa.

 “O futuro pasa por constituír algúns grupos moi potentes no sector lácteo”

España é un país que consume 9 millóns de toneladas de leite e producimos 6,5, polo que temos campo. É estratéxico concentrar.

Non existe o risco de deslocalizar a produción de leite de Galicia e da Cornixa Cantábrica cara aos grandes centros de consumo de Levante, Sur e centro de España?
Os últimos datos do FEGA son sorprendentes. Estamos a ver un proceso de deslocalización a sitios onde se obteñen prezos mellores e ademais con insumos externos. É inevitable que as Comunidades do sur tenten aumentar a súa produción porque o mercado agora está aberto, sen cotas, e a globalización está aí.

En Asturias optastes por aplicar un control do pago verde a PAC que, a diferenza de Galicia, non penaliza o cultivo de millo forraxeiro. ¿Que marxe de manobra teñen as Comunidades Autónomas para adaptar ao seu territorio a lexislación de Bruxelas e do Ministerio?
É certo que a Unión Europea marca as directrices pero a PAC ten unha vocación de subsidiariedade e de aplicación territorial. O que temos que tentar as Comunidades Autónomas é atopar esa marxe de subsidiriedade e ser capaces de aplicalo.

Por exemplo, cando vemos os PDR das distintas Comunidades son moi parecidas e iso significa que quizais non aproveitásemos esa marxe para facelos diferentes. Hai fírgoas que permiten facer cousas razoables, como se fixo co pago verde en Asturias. A política agraria é común pero a aplicación non pode ser idéntica, porque a agricultura en Asturias, Galicia ou Cantabria non ten nada que ver coa de Andalucía ou con Estremadura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información