O eucalipto, igual que o resto de especies forestais, está a atravesar en Galicia uns veráns con maior estrés hídrico a causa da tendencia climática. “Quizais a temperatura media anual estea a subir pouco, pero sí detectamos que se producen máis episodios de temperaturas extremas no verán, que lle afectan ás plantacións”, analiza Santiago Rodal, director comercial de Viveros Mañente. Falamos con el da situación actual do eucalipto e das súas perspectivas.
– Comecemos pola sanidade vexetal, na que hai que destacar un impacto importante nos últimos anos da micosfarela, un fungo que defolia as plantacións xuvenís. Como está a situación?
– A micosfarela, no noso caso, controlámola cunha planta resistente, o noso eucalipto nitens Max Verde. A día de hoxe, todas as nosas vendas de nitens son de Max Verde, que é unha planta crecedora, con bos desenvolvementos e boa sanidade de planta.
No eucalipto globulus, este ano tivemos repunte da praga do gurgullo nalgunhas zonas.
– O eucalipto nitens, en xeral, ten unha área de plantación na zona norte de Galicia, cun límite ao redor de Santiago – Padrón. Con todo, polo impacto da micosfarela, estase tamén plantando en zonas tradicionais de globulus da provincia de Pontevedra. Como ves esa decisión dos propietarios?
– En xeral, a recomendación de non facer plantacións de nitens máis ao sur de Santiago mantense, sobre todo tal e como soben as temperaturas. En Pontevedra, nos veráns hai temperaturas máis altas e a planta reséntese. Quizais inicialmente vaia ben, pero pasados uns anos, reséntese.
Se se quere plantar en Pontevedra, habería que reducir marcos de plantación e facer bo abonado, para que a planta soporte mellor o estrés hídrico, pero a recomendación xeral é plantar unha especie máis idónea para esa provincia.
Tamén na provincia da Coruña é necesario ter en conta o cambio climático. Quizais a temperatura media anual non estea a subir moito, pero si que se aprecian meses de xuño – xullo con temperaturas máis extremas de forma puntual, o que xera golpes de calor nas plantas.
O propietario terá que evolucionar a un maior control do sotobosque e a valorar o marco de plantación óptimo en cada caso
Nestas situacións, observamos o problema engadido de que chegado setembro, esas plantas en ocasións teñen fortes ataques do fungo da tinta nas raíces. Chegamos a ver baixas de ata un 40% en determinadas plantacións. A sorte é que o nitens Max Verde é tamén resistente á tinta. Seleccionámolo pola súa resistencia á micosfarela, pero comprobamos que tamén resiste a tinta.
Volvendo á cuestión das altas temperaturas no verán, o propietario forestal ten que evolucionar a un maior control do sotobosque, para evitar a competencia por recursos, e valorar que marco de plantación é óptimo en cada caso. [Nota. En eucalipto nitens, a tendencia ata agora é a de traballar con marcos de 3×3 metros ou 3×2,5 metros]
Observamos que tras veráns con golpes de calor, en setembro inícianse ataques de tinta, polo que convén ter planta que resista a ese fungo
Hai que ter ademais en conta que as plantas con mellora xenética teñen unhas vantaxes claras, pero tamén unhas necesidades: son máis esixentes nutricionalmente.
– En Galicia, o abonado de plantación é xeneralizado, pero sempre se fala de que non hai cultura de abonados de mantemento, en anos sucesivos. Está a cambiar esa situación?
– Cada vez máis porque o propietario ve que os resultados son moi bos. Se se fai un abonado de mantemento ao ano, e cando a planta ten 1,5 – 2 anos, a planta responde moi ben en crecementos e a nivel sanitario.
Son abonados que convén acompañar de rozas, ata o solape de copas, xa que así lógrase maior ventilación e redúcese a competencia polos recursos.
– En canto a especies de eucaliptos, falabamos hai uns anos de que o nitens xa é a especie dominante nas plantacións en Galicia, co globulus e o eucalipto regnans como secundarias. Ese escenario continuará sendo así nos próximos anos?
– Polo menos nos próximos 5 – 6 anos, esa vai ser a situación. O nitens é a especie dominante porque o globulus enfronta maiores dificultades sanitarias. En canto ao eucalipto regnans, cada ano ten máis forza en certas zonas costeiras, como Ferrol ou A Mariña, xa que os seus crecementos chegan mesmo a duplicar ao nitens e ten outras vantaxes, como a de adaptarse a parcelas sombrías.
– E co impacto do cambio climático que comentabamos, cal crees que será o escenario de plantación de eucaliptos de cara ao futuro?.
– Para o caso de que o eucalipto nitens deixe de ir ben, estamos a probar outras especies de eucalipto. Temos 25 parcelas de ensaio en toda Galicia.
Estamos probando novas especies de eucalipto para o caso de que o eucalipto nitens deixe de funcionar ben en Galicia
Polo de pronto, o máis inmediato é o lanzamento da segunda xeración do noso eucalipto nitens Max Verde, que quizais podamos lanzar en dous anos, cando teñamos unhas conclusións e unha selección clara. Será unha evolución, en comparación coa planta actual.
De cara ao futuro, tanto nós como outras empresas, caso de Navigator, coa que colaboramos, estamos a valorar outras especies e híbridos que poidan funcionar nas nosas condicións de solos e clima.
Viveros Mañente introdúcese nos consorcios con propietarios
O sinal de identidade de Viveros Mañente desde os seus inicios foi a innovación. É o viveiro que apostou por introducir o eucalipto nitens en Galicia e desde entón traballa na súa mellora xenética e en novas especies de interese para a Cornixa Cantábrica.
Esa liña de produción de planta mellorada combínase co asesoramento a propietarios e empresas de plantación, tanto nunha fase inicial como na análise de plantacións con problemas.
Nestes momentos, o viveiro está a introducir unha terceira pata, a de consorcios forestais con propietarios. “Se un propietario non pode xestionar o seu monte ou non quere facelo, ten a opción de pactar un consorcio connosco e encargámonos de todo o ciclo, desde a plantación ata a curta final”, explica Santiago Rodal.
“Detectamos que o abandono do monte é un problema que está aí. Cando hai un cambio xeracional, en ocasións os herdeiros descoñecen mesmo onde están as fincas e non saben por onde empezar. Podemos asesoralos, se queren xestionar eles o seu monte, ou tamén teñen agora a opción do consorcio, para grandes superficies”, explica Santiago Rodal.
“Pode ser o piñeiro taeda unha solución ao fungo das bandas?. Cremos que si”
Galego










Control OJD