“O cambio climático leva tempo adiantando vendimas, pero nunca comezaramos o 18 de agosto”

A subzona do Rosal, dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas, destaca polos seus viños plurivarietais, co albariño como base e con loureiro, treixadura ou caíño branco aportando matices. Coñecemos como traballan na adega Santiago Ruíz, unha das históricas da zona

Publicidade

A vendima vén adiantada este ano en Galicia e a maioría das denominacións de orixe comezaron xa a recoller uva a mediados de agosto. Falamos con Chema Ureta, director técnico da adega Santiago Ruiz, unha das máis senlleiras da subzona do Rosal (D.O. Rías Baixas) e que traballa con 5 variedades de uva branca: albariño, treixadura, godello, caíño branco e loureiro. 

– Para comezar, fálanos de como adiantastes este ano a vendima en comparación cun ano normal. E explícanos o nivel de calidade que vedes na uva, tras un verán que veu bastante seco e con calor.
– Efectivamente, este ano adiantamos a vendima a unhas datas récord, xa que historicamente non se recorda aquí unha vendima tan cedo. O feito de ter que vendimar o 18 de agosto débese a varios motivos. Loxicamente, o cambio climático xa leva tempo adiantando vendimas, xa as vendimas a finais de agosto son cada vez máis recurrentes e xa levabamos varios anos vendimando a finais de agosto, pero nunca a mediados.

O cambio climático xoga un papel moi claro neste caso, pero tamén o feito de que tivemos un inverno moi chuvioso. Había moita auga na viña e a viña brotou cedo, con temperaturas bastante cálidas que tivemos na primavera e logo un verán seco con temperaturas bastante boas, moderadamente cálidas. Loxicamente, o ciclo veu adiantado e chegamos ata aquí, a vendimar a mediados de agosto, que son datas históricas de vendima na Denominación de Orixe.

– Preséntanos agora brevemente a adega na que estamos, cunha pincelada da súa historia, e preséntanos tamén a subzona do Rosal, na que estades ubicados.
– A adega Santiago Ruíz é unha adega histórica, que é parte da historia da Denominación de Orixe. Santiago Ruíz foi un dos pais do albariño e foi unha persoa que entendeu o potencialidade que tiñan estes viños. Empezou a embotellar aos primeiros viños con albariño e outras variedades típicas desta zona como loureiro e treixadura, e deuse de conta deste potencial.

Entón, el empezou xa a valorar a posibilidade de que se creara unha denominación. Foi un dos pais da denominación Rías Baixas, co que falamos dunha bodega cunha historia moi importante na creación desta D.O.

vendima Santiago Ruiz 3– Preséntanos tamén a subzona do Rosal, na que estades ubicados.
– Na zona do Rosal cultivouse o viñedo historicamente. Podemos remontarnos ao mosteiro de Oia, cando empezaba xa a estenderse o cultivo da vide. E sempre foi típico nesta zona pola climatoloxía que temos neste val privilexiado climaticamente.

Sempre se cultivaron ademais outras variedades, aparte do albariño, como loureiro, treixadura ou caíño branco, que hoxe en día é unha variedade que cada vez se cultiva máis e que é unha variedade referente de cara ao futuro e que nos pode axudar a combater o cambio climático.  É dicir, esta foi unha zona onde se fomentou a plurivarietariedade, sempre co albariño como base, pero sempre mesturado con outras variedades que potencian e melloran estes caldos.

O caíño branco é unha variedade que cada vez se cultiva máis e que nos pode axudar a adaptarnos ó cambio climático

– Volvendo á vendima, explícanos as hectáreas que manexades de viñedos e as variedades de uva que traballades.
–  Nestes momentos o viñedo que ten a nosa adega suma unhas 52 hectáreas: 44 hectáreas produtivas e 8 máis que están a punto de producir para o ano que vén.

Temos neste viñedo as cinco variedades máis importantes de Galicia: o albariño, que é a variedade máis importante en Rías Baixas e unha das máis importantes do mundo, como gran variedade que usamos como base, e sempre reforzada, potenciada e mellorada por outras 4 variedades que teñen tamén un gran potencial vitícola. Estamos falando da loureiro e a caíño branco, que son variedades que están a crecer nesta zona e que son dun gran potencial vitícola. E despois, por suposto, tamén a godello e a treixadura, cada unha coas súas peculiaridades, sempre aportando, mellorando e facendo que Santiago Ruíz siga a ser un viño da categoría que ten.

– Como foi este ano a nivel sanitario?
–  O nivel sanitario da uva este ano foi excelente. A verdade é que foi nese senso un ano espectacular. A brotación foi moi boa e despois houbo aí unha unha semana en maio onde houbo certa presión de mildeu, pero non foi complicado combatelo e o resto do ano foi perfecto. A verdade é que practicamente non tivemos problemas fitosanitarios de pragas de fungos, xa que foi un ano excelente nese senso.

O nivel sanitario da uva este ano é excelente; temos unha colleita moi boa en calidade e cantidade

E despois a nivel meteorolóxico foi un ano moi tranquilo: nin xiadas, nin granizo nin fortes ventos. A verdade é que os problemas meteorolóxicos e de pragas e fungos foron case inexistentes e, unido a unha floración tamén moi boa e con boa temperatura, con ausencia de chuvia, contribuíu a que teñamos unha colleita moi boa en calidade e cantidade.

– Na vosa adega traballades cunha ensamblaxe de 5 variedades de uva. Explícanos como vos decidistes por esta combinación tan complexa e que vos aporta cada uva.
– O máis característico desta adega é traballar con cinco variedades que son as máis importantes e características do que é a viticultura en Galicia. Partimos dunha zona onde historicamente se orientou ó albariño en mestura con loureiro e treixadura porque se podía facer pola climatoloxía que tiña. Estas variedades adaptáronse ben é climatoloxía e logo despois incrementamos outras variedades como a godello e a caíño branco, que é unha variedade que se cultiva pouco porque é unha variedade de ciclo moi longo.

É unha variedade que fai tempo era difícil de cultivar, pero que hoxe en día co cambio climático e co adiantamento das vendimas é unha variedade que nos pode aportar moito de cara ao futuro, porque ten moita acidez. Trátase dunha variedade que é moi parecida a albariño, é pequena e aromática, pero ten unha acidez moi importante que nos pode axudar a combater de cara ao futuro problemas que podemos ter, como o de perder frescura.

O caíño branco pode axudarnos a combater a perda de frescura dos viños de Rías Baixas no futuro

Entón, ao ter estas cinco variedades para nós é unha forma de entender o viño como o como unha forma de ter complexidade e diferenciación. Para nós é o albariño como base, como variedade referente, co poder que ten albariño para dar estrutura e para ser unha variedade aromática e afroitada, e despois as outras catro, cada unha aportando os seus superpoderes, porque todas teñen as súas peculiaridades. Entón facemos un viño espectacular, de moita calidade, porque é o albariño axudado por outras catro variedades moi boas.

adega santiago ruiz– Fálanos dos viños que sacades ó mercado e das súas características principais.
– Neste momento estamos sacando tres viños. Temos o Santiago Ruiz, que é un viño de ano que é o noso referente, que é un plurivarietal, con esas cinco variedades de uva típicas. É un viño fresco, aromático, con boa estrutura e moi gastronómico.

Logo facemos un albariño 100% que se chama Rosa Ruíz, que é un albariño no que buscamos ese poder do albariño, un viño estruturado, potente, con capacidade de guarda e evolución.

E despois estamos facendo un proxecto que se chama xardín de variedades, porque consideramos que o noso viñedo é un xardín con todas esas variedades que temos. Temos un viñedo moi coidado, moi traballado, con cada variedade e que é bonito de ver.

Temos xa un loureiro 100% no mercado e nos próximos anos sacaremos monovarietais de cada unha das variedades de uva que traballamos

Dentro deste proxecto de xardín de variedades neste momento xa temos un loureiro 100% no mercado e nos próximos anos sacaremos tamén monovarietais de cada unha destas variedades que son a nosa diferenciación na viña.

– A nivel comercial, valora tanto a expansión de Rías Baixas a nivel internacional, como o posicionamento voso e das adegas do Rosal dentro desa expansión.
– A nivel internacional a verdade é que somos unha adega que exporta moi ben e temos uns niveis de explotación moi bos, sobre todo a Latinoamérica. Estamos dentro dunha D.O., Rías Baixas, que é unha denominación moi exportadora. Dentro do mundo da globalidade somos unha zona pequeniña, pero temos un viño de moita calidade.

Os Rías Baixas son viños frescos e afroitados que están dentro do que realmente o mercado reclama. Entón temos moitas posibilidades de estendernos de cara ao futuro. Esperamos que isto siga crecendo e que os nosos viños sexan máis coñecidos no futuro para seguir estendendo a liña de comercialización dos nosos viños.

– Este ano, hai unha certa polémica no contexto da Denominación, máis na zona do Salnés, por unha tendencia progresiva a aumentos da colleita total da denominación. Hai temor tanto de viticultores como de adegas a excedentes de uva e posibles excedentes de viño. Como valorades a situación?
– Este ano temos unha colleita moi abundante. A verdade é que este ano as condicións que se deron de nacemento de uva e de ausencia de problemas no ciclo vitícola estamos falando dunha colleita, aparte de moi temperá, tamén moi importante en volume e en cantidade. De feito, falamos de que podemos superar récords e chegar aos 50 millóns de quilos.

Este ano podemos superar récords de colleita na Denominación e chegar aos 50 millóns de quilos

Levamos xa varias colleitas moi importantes na denominación, e aínda que Rías Baixas si que vai medrando en vendas dunha forma paulatina, a oferta vai por encima da demanda. Pouco a pouco gañamos mercados, vendemos máis, pero estes excedentes van creando un stock nas adegas.

O 20% da nosa uva mercámoslla a viticultores. Temos que defendelos e continuar manténdolles un prezo bo pola uva porque para nós son moi importantes

Loxicamente, co volume de uva que vén, pois pode xerar un problema. Nós somos resilientes cos viticultores de sempre, temos os nosos viticultores de toda a vida, que nos rodean. O 80% da nosa uva é propia e o 20% restante de viticultores. Para nós son importantes e temos que defendelos.

De feito, este ano imos pagar a 1,70€ máis IVA o quilo da uva, que penso que é un prezo moi bo e que temos que defender, porque para min é importantísimo a defensa do viticultor de cara ao futuro, porque temos que pensar non en hoxe, senón de cara aos próximos anos, porque sempre están aí para axudarnos cando faga falta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información