A empresa Hitraf acaba de recibir o primeiro premio no Concurso de Innovación Tecnolóxica de Galiforest 2024, celebrada no monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón). O seu cabrestante móbil de tracción “T-Winch” foi recoñecido como a mellor innovación na feira.
O “T-Winch” de Ecoforst é unha máquina auxiliar deseñada para maximizar a seguridade do operario e da máquina forestal en terreos escarpados, ademais de minimizar os danos ao chan. A súa versatilidade permite a adaptación a diferentes tipos de maquinaria forestal, converténdoo nunha ferramenta esencial para o traballo en condicións difíciles.
Ademais do “T-Winch”, o concurso recoñeceu outras tres innovacións destacadas:
- Mención I: Guantes anticorte e antivibración clase 2 de Pattones Robert´s, deseñados para labores profesionais de poda e roza.
- Mención II: RoboPlus de Murat – Energreen, a primeira máquina radiocontrolada do mundo con motor Stage V de 100 CV, que opera en pendentes de ata 55º.
- Mención III: Unha procesadora taladora de eucalipto e piñeiro de Forest Pioneer, que combina a eficiencia dunha máquina Premium forestal cun prezo competitivo.
Os premios foron entregados por un destacado panel de autoridades, incluíndo a Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte; José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal; Antonio Crespo, xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra; Ovidio Rodeiro, alcalde de Boqueixón; e Ricardo Durán, director da Feira Internacional de Galicia.
Este evento non só serve como plataforma para o recoñecemento da innovación, senón tamén como unha oportunidade para avanzar no fomento da I+D+i no sector forestal. A competición deste ano contou coa participación de 21 innovacións, avaliadas por un xurado composto por oito expertos de sete institucións e entidades relevantes no ámbito forestal.
As novidades presentadas na feira están dispoñibles para ser vistas na área de exposición do monográfico, onde as empresas participantes teñen a oportunidade de mostrar as súas últimas innovacións ao público e aos profesionais do sector.