“O branco en barrica valórase máis no estranxeiro”

Visitamos os viñedos de Aguiuncho, en Sanxenxo, unha adega que leva unha década complementando os viños novos con elaboracións en barrica e leas, orientadas á exportación. En 2025, o seu viño do ano gañou a Festa do Albariño

Publicidade

Falamos con Manuel Troncoso, xerente de Bodegas Aguiuncho, que vén de celebrar o seu 25 aniversario coa medalla de ouro da Festa do Albariño 2025. O seu viño novo, embotellado baixo a marca Mar de Ons, convive con elaboracións máis complexas, en leas e barrica de carballo, unha liña que a empresa leva máis dunha década explorando.

¿Con que viñedos propios contan actualmente?
Nós traballamos 11 hectáreas de viñedo e todas están distribuídas no concello de Sanxenxo. En total temos 54 fincas diferentes e cada unha achega as súas características diferentes ao viño.

¿Como é o manexo do viñedo?
Facemos todo, desde o tratamento do solo ata a poda, controlamos todo para ter unha boa calidade do produto.

¿Compran tamén uva a outros viticultores?
Case nada. Colaboramos con dous viticultores, aos que lles compramos algo de uva, e sempre pautamos uns mínimos de calidade.

¿Que liñas de viño estades traballando na actualidade?
Temos 3 gamas de viño: o viño do ano, que é un viño fresco con boa acidez. E despois temos un sobre leas e outro fermentado en barrica de carballo. Son características diferentes. O que máis se vende é o do ano pola característica de que é para chateo, ao que a xente está máis afeita. E o de leas e o de barrica están máis ben pensados para a exportación.

¿Que posibilidades lle vedes ás elaboracións máis complexas en Rías Baixas (barrica, leas)?
Fomos un dos primeiros en facer en barrica. Tamén fomos elixidos como o mellor branco galego en barrica, o primeiro, hai xa 10 anos que fomos elixidos. E a raíz de aí, empezaron todas as adegas a facer barrica. Aquí en España o mercado de branco en barrica é máis difícil, pero fóra, no estranxeiro, valórano máis que aquí.

vinhos bodegas aguiuncho

Os tres tipos de viño que elabora Bodegas Aguiuncho

No ano 2025 recibiron o máximo galardón na Festa do Albariño. ¿Que características destacaría desa colleita e dos viños que comercializaron o pasado ano?
Para nós foi un ano moi bo de calidade, pero non contabamos co premio… Bueno, contabamos porque o viño o vale. Significa facer un bo traballo no campo e ao final sae o froito e contabamos con estar aí, nesa altura, pero non chegar ao premio. Xa levabamos varios anos chegando á final, significa que estaremos facendo as cousas ben.

¿Como valorades a situación actual do mercado do viño das Rías Baixas en xeral, e no voso caso en particular?
Nós imos ben en vendas, aínda que tamén hai que dicir que temos unha adega pequena; pero no sector, polos comentarios que oio, hai casos nos que o están pasando mal. Non sei como evolucionará isto, non sei se é que hai demasiada produción ou se ampliamos zonas en Rías Baixas que non se deberían ter permitido.

Está agora a debate un posible cambio de regulamento en Rías Baixas, ben para limitar novas plantacións, ben para regular o rendemento da uva por hectárea. ¿Que opinión lle merece esta cuestión?
Eu penso que houbo zonas ás que non se debía ter permitido ampliar a denominación, e aí hai plantacións grandes, e ao final iso nos castiga a todos. Entendo que as adegas grandes buscan o seu negocio, pero nós temos que defender o noso, a calidade, porque ao final un bo albariño ten que ser traballado por pequenos viticultores, non grandes superficies.

¿A que destinos chega principalmente o voso viño?
Nós estamos vendendo moito tanto en España como no resto de Europa, e aparte estamos vendendo tamén en Sudamérica bastante ben. Cada ano estamos medrando en países e en vendas tamén.

En canto ao enoturismo, ¿como está evolucionando e que importancia ten nas vosas vendas, ao ser unha adega pequena?
Nós grazas ao enoturismo vendemos moito, xa que vén moita xente á adega porque estamos nunha zona moi turística, que é Sanxenxo, e ademais estamos moi céntricos. Inflúenos moito o turismo.

bodegas aguiuncho

Instalacións de Bodegas Aguiuncho en Sanxenxo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información