O bo estado das viñas evita os últimos tratamentos preventivos contra mildio e oídio de cara á próxima campaña

Publicidade
O bo estado das viñas evita os últimos tratamentos preventivos contra mildio e oídio de cara á próxima campaña

Acios con danos por golpes de sol. // Foto. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

A poucos días xa para que comece a vendima de xeito xeralizado en toda Galicia, os viñedos atópanse nun moi bo estado sanitario debido, sobre todo, ó tempo seco e solleiro dos últimos meses. Tal e como recolle o derradeiro boletín fitosanitario para a campaña emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, as elevadas temperaturas están a favorecer tamén a maduración dos acios. Nas uvas Albariña analizadas polo persoal técnico de Areeiro esta mesma semana, o grao alcólico sitúase por encima dos 11 graos, cun valor mínimo de 11,21 nunha viña do Rosal e un máximo de 13,11 graos nunha parcela solleira do Salnés.

A baixa incidencia de patóxenos coma o mildio ou o oídio en boa parte da campaña e nesta recta final permite que tampouco sexa preciso aplicar un tratamento cúprico postvendima para reducir o nivel de inóculo para o próximo ano. Esta é unha práctica habitual para tentar reducir os danos de cara á próxima campaña nos anos de gran incidencia de ambas pragas.

Tampouco se están a detectar danos por botrite en boa parte dos viñedos. A falta de humidade está a ser determinante para que non se propague a praga. Como sinalan dende Areeiro, nin tan sequera detectaron danos nos acios de variedades de pel fina, as uvas coa pel rachada ou aquelas con danos por paxaros ou pola vespa asiática, que serían máis propensas a sufrilos.

A uva tampouco rexistrou danos pola avelaíña do acio nesta campaña. Pese a que a semana pasada se capturaran unha destacada cantidade de machos desta especie nas trampas que Areeiro ten distribuídas, esta semana o número volveu reducirse e segue sen ser preciso ningún tratamento.

Pendentes dos ácaros na vindeira campaña

Nesta última semana da campaña, o persoal de Areeiro observou un elevado número de viñas con gromos terminais de cor escurecida e entrenós curtos, síntomas característicos de ataques de trips e acariose. As análise revelaron que a maior parte deles estaban afectados por ácaros. Neste senso, dende Areeiro, recoñecen que este ano detectaron unha maior incidencia de acariose nas viñas, que achacan á particular climatoloxía rexistrada. Os profesionais de Areeiro apuntan a que será preciso estar pendentes dos ácaros na brotación da próxima campaña.

Nesta recta final da campaña e dada a incidencia da calor, seguen a detectarse nos viñedos danos por golpe de sol nos acios, plantas ou brazos mortos por alteracións da madeira e síntomas de estrés hídrico. Ademais, esta semana detectaron un novo agromo de erinose e danos pola incidencia da vespa asiática.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información