Óscar López Sánchez ten 44 anos e colleu o relevo do seu pai á fronte da explotación familiar cando este se xubilou no ano 2012. Desde entón, aumentou o número de cabezas e foi mellorando no posible as instalacións. “O establo é antigo e leva reforma tras reforma”, recoñece.
Para aliviar a carga gandeira e a saturación de camas, alugou o establo a un veciño que se xubilou para trasladar a el a recría, pero o crecemento orgánico da granxa é tal que o espazo volve quedar escaso. “O meu veciño Manuel sempre me di que o meu é o establo máis rendible por metro cadrado de Galicia”, bromea Óscar.
É consciente de que o principal factor limitante da súa explotación son as instalacións coas que conta. Na nave de produción os pasillos son estreitos, igual que os cubículos. A das xovencas tamén ten limitacións de espazo, polo que habilitou patios para que poidan saír ao exterior, algo que tamén poden facer as vacas secas e mesmo as que están en produción.
O meu veciño Manuel sempre me di que o meu é o establo máis rendible por metro cadrado de Galicia
Están a muxir entre 180 e 190 animais, cunha produción total no ano 2025 de 2,4 millóns de litros de leite. Entregan á cooperativa Aira, da que son socios, e que lles proporciona a maioría de servizos no día a día da granxa, desde a alimentación do gando, os servizos veterinarios, o control da recría, a podoloxía, a xestión económica, etc.
Cátering para as vacas e as xovencas

Un dos tres lotes de vacas en produción cos que conta a explotación, que reciben mestura húmida diariamente
Gandería Escaleira atópase en Veiga de Louseiro (Sarria), a uns 5 km das instalacións nas que a cooperativa fai a mestura húmida que subministra a unhas 40 explotacións da zona. Diariamente, ás 7 e media da mañá, o camión de Aira chega á explotación e deposita a comida directamente no pesebre a cada un dos tres lotes de produción cos que conta a granxa.
Un robot arrimador encárgase despois durante todo o día de achegar a mestura para facilitar a inxesta por parte das vacas, que no ano 2025 comeron unha media de 49 quilos por vaca e día (cunha inxestión de entre 26 e 26,5 kg de materia seca por vaca e día), o que equivale a uns 9.000 kg de mestura húmida diarios.
Para as vacas secas elabora a ración por medio do carro mesturador da CUMA de Sarria
Un sistema semellante, pero de mestura seca, que facilita que a ración se poida conservar durante varios días, é o que utiliza para as xovencas de recría. Aira sírvelle tamén unha terceira ración de preparto para as vacas secas e xovencas próximas. Este sistema descarga a Óscar de moito traballo. A propia cooperativa é tamén a que se encarga de recoller e ensilar a forraxe que producen as fincas da explotación.
Crecemento constante coas instalacións como limitante

Nave alugada para a recría, con patio para a saída das xovencas ao exterior
Óscar leva xa 21 anos á fronte da explotación, nos que o crecemento foi constante. “Empezaron os meus pais e eu collina cando se xubilaron, incorporeime con 23 anos”, conta. Daquela contaban con 40 vacas en muxido e un censo total de animais de 90 cabezas. Hoxe, o censo total é de 364 animais, dos que 217 son vacas adultas e 147 xatas e xovencas de recría.
Para alixeirar a carga de animais no establo destinado hoxe a produción, que estaba moi saturado de vacas e non contaba con cubículos para todas, fai ano e medio alugaron unha nave situada a uns 200 metros, pertencente a un veciño que se xubilou e que a tiña pechada desde o ano 2010, para trasladar alí a recría. “Antes mandara un total de 33 xatas ao Rancho Las Nieves de Zaragoza, porque xa non me collían”, recoñece Óscar.
A taxa de reposición da granxa é do 34%, cunha lonxevidade media de 2,7 partos e unha idade ao primeiro parto nas xovencas de 24 meses
Malia que o establo da recría está a tan só 200 metros e a contar nel con cámaras de videovixilancia que pode controlar desde o teléfono móbil, a detección de celos caeu como consecuencia do cambio de ubicación das xatas en idade de inseminar. “Imos 4 veces ao día a velas, pero non é o mesmo que telas na nave principal”, recoñece Óscar.
Por iso, actualmente o 80% das inseminacións da xatas prodúcense tras tratamento hormonal e só o 20% con celo visto. “Estamos mirando de poñer colares para mellorar a detección de celos porque a fertilidade caeu”, admite.
Dous empregados

Ter camas de colchoneta reduce as necesidades de man de obra e abarata os custos de mantemento
A media de produción de leite que vai ao tanque é de 36 litros, cun 3,71% de graxa e un 3,40% de proteína (media de todo o 2025), cun promedio por lactación normalizada a 305 días de 11.720 kg (10.442 kg nas vacas de primeiro parto e 12.533 kg nas vacas adultas).
Entre os plans futuros está a robotización do sistema de muxido e a instalación dunha amamantadora
Ademais de Óscar, a explotación é atendida por 2 traballadores contratados: Abdul, que leva 12 anos, e Medi, que leva 3. Gandería Escaleira busca sobre todo estabilidade na man de obra, pero aínda así, de cara ao futuro, pensa na robotización do muxido e do aleitamento das becerras de recría para facilitar a labor do persoal e reducir as necesidades de persoal.
43 kw de placas solares
Moxen dúas veces ao día, ás 6 da mañá e ás 5 da tarde, nunha sala traseira de 2,8 puntos e lévalles unhas 3 horas. “Modifiquei un pouco os horarios para aproveitar un pouco máis as placas solares pola tarde”, explica Óscar.
A explotación conta con 43 kw de placas solares, instaladas con subvención do INEGA. “Monteinas en dúas fases. As primeiras no 2016, cun total de 13,5 kw e as últimas no 2020, cando pasei a 43 kw”, detalla.
Producimos unha cuarta parte da enerxía eléctrica que consumimos na granxa en todo o ano
“Produzo máis ou menos unha cuarta parte da enerxía eléctrica que consumo na granxa ao ano”, destaca Óscar. A produción das placas fotovoltaicas da granxa no ano 2025 foi de 38,5 MWh. O 72% destinouse a autoconsumo e o restante 28% foi verquido á rede.
Secado selectivo

Zona de vacas secas da granxa
Traballan na actualidade con tres lotes de produción, con 48, 64 e 67 vacas cada un. “Nos lotes 2 e 3 podo chegar a 72 vacas, para un total de 192 vacas en lactación”, indica. No primeiro lote están as de primeiro parto, e no terceiro as máis vellas e as recén paridas. “Cando seco vacas é cando modifico a composición dos lotes”, explica.
A porcentaxe de vacas un reconto celular alto ao secado é do 23%
Fai 6 anos cambiaron o protocolo de secado, pasando de poñer cánula con antibiótico a todos os animais a non facelo inicialmente en ningún, poñéndolles tan só tapón de secado, pero nos seguintes meses experimentaron un incremento de células que lograron controlar implantando o secado selectivo con antibiótico naquelas vacas con reconto máis alto ou problemas de mamite. A porcentaxe de vacas un reconto celular alto ao secado é do 23% e o reconto medio anual de células somáticas do ano 2025 foi de 227.000.
As vacas en produción teñen a posibilidade de saíren a un patio exterior desde mediados do mes de maio até outubro
Teñen cama de colchoneta, á que dúas veces ao día botan por enriba carbonato con serrín como produto secante. Tamén instalaron ventiladores fai uns 7 anos, tanto nos distintos lotes de produción coma na sala de muxido, para mellorar o confort térmico do gando. “Agora non baixan tanto ao leite no verán”, asegura Óscar.
“O meu establo é moi antigo, ten os teitos baixos e todos os defectos que un se poida imaxinar”, recoñece. Por iso, tanto a recría como as vacas secas teñen acceso libre a un patio exterior, mentres que no caso dos tres lotes de vacas en produción poden saír a fóra tamén desde o final da primavera até o que veñen as primeiras choivas do outono.
Touros de Xenética Fontao

Zona de parideira, onde as becerras permanecen coa nai para encalostrarse
O 100% dos touros que empregan na explotación proceden de Xenética Fontao, a través das campañas anuais de Africor Lugo, que se encarga tamén da realización dos acoplamentos. Nas xovencas poñen seme sexado e nas vacas adultas maioritariamente seme convencional, cunha porcentaxe importante de carne.
Desde fai 7 anos só inseminan con touros A2A2
O intervalo parto-parto nesta gandería sitúase en 442,3 días, con 87,4 días entre o parto e a primeira inseminación e 165,5 días de media entre o parto e a inseminación fecundante, con 2,3 doses de seme empregadas por xestación. Contan con podómetros nas vacas, que queren cambiar por colares para ter máis datos e máis precisos.
50 hectáreas de superficie agraria

Cisterna con aplicadores para o purín
Gandería Escaleira conta cunhas 50 hectáreas de superficie agraria, entre fincas propias e outras alugadas. Todas as forraxes producidas, tanto o millo como a herba, son vendidas ao centro de alimentación de Aira, agás a herba seca, que recollen eles mesmos e usan para alimentar o lote de vacas secas.
A explotación dispón de pouca maquinaria propia, tan só a imprescindible para o día a día, como unha pala telescópica ou unha cisterna con tubos colgantes para sacar o purín. Parte dos apeiros para recoller a herba seca, coma o hilerador por exemplo, ou outros que só traballan puntualmente, coma o revolvedor do purín, a sulfatadora ou o remolque para mover o gando desde o establo de recría ao de produción, Óscar mercounos a medias co seu veciño Manuel, que ten outra explotación leiteira a menos dun quilómetro de distancia.
Se estás no campo non estás no establo e acabas desatendendo o gando
“Nin eu nin Manuel somos moi partidarios de ter moita maquinaria e hai apeiros, como o xuntador da herba, que só traballa dous días ao ano para cada un e o revolvedor do xurro catro; é absurdo que teñamos cada un o seu”, xustifica.
Pero ademais, Óscar é cada vez menos partidario de facer el o traballo agrario “porque acabas desatendendo o gando”. “Se estás no campo non estás no establo e ao final se por facer a campaña perdiche unha vaca ou dúas é mellor pagar por facer o traballo”, di.
As vantaxes de pertencer a unha cooperativa

Óscar fai uso da maioría dos servizos que ofrece Aira aos seus socios
Óscar é un firme defensor das vantaxes de pertencer a unha cooperativa e, no caso de Gandería Escaleira, os servizos básicos da granxa (alimentación, reprodución, recría, maquinaria, insumos, compra do leite, etc.) cúbrellos todos Aira, á que pertencen mesmo desde os tempos de Cogasar, antes da fusión que deu lugar á actual entidade.
Óscar é secretario do Consello Rector de Aira desde o ano 2018
“Ser socio dunha cooperativa coma Aira dáche tranquilidade, porque sabes que o 100% do prezo do leite é para o socio, igual que o 100% dos beneficios do resto de servizos que presta a cooperativa tamén revirten, dun xeito ou outro, no socio”, defende.
Servizo de revisión quincenal para o control da recría

Carmen, veterinaria do servizo de recría de Aira, revisando as becerras da explotación
Gandería Escaleira e unha das 20 granxas que están dentro do programa de recría Aira, que forma parte do departamento de alimentación da cooperativa. “É un servizo novo que leva en marcha un ano onde buscamos controlar toda a vida da vaca, desde o momento no que nace a xata, e mesmo antes, durante o período xestante dentro da vaca seca”, explica Carmen Iglesias veterinaria da cooperativa que se encarga de prestar este servizo.
“Fanse controis quincenais nos que revisamos a saúde das becerras en canto a saúde dixestiva e pulmonar e medimos crecementos. Buscamos comprobar se están medrando ben e se teñen algún problema detectalo e corrixilo canto antes para que non repercuta despois na súa vida adulta produtiva”, describe.
Realízanse controis quincenais mediante ecografía pulmonar, toma de temperatura, vixiancia de diarreas, revisión de ombligo e medición con cinta
Este tipo de seguemento exhustivo faise desde o momento do nacemento da becerra até o postdestete, que é a etapa máis crítica. A partir de entón e até o parto lévanse a cabo medicións seriadas en todos os lotes de xatas e xovencas para comprobar que o medre é o axeitado e en caso contrario varíanse as racións. “Todo isto facémolo para mellorar a produción e que os animais de reemprazo sexan máis rendibles na explotación que as súas nais”, conclúe Carmen.
Traballo personalizado

Folletos con consellos prácticos sobre encalostrado traducidos ao árabe para que sexan entendidos polos empregados
A recría é a grande esquecida en moitas granxas leiteiras. Moitas veces as instalacións non son as máis idóneas e e existe un problema de man de obra, pouco tecnificada e cualificada, en moitas delas.
Sempre hai que adaptarse ás circunstancias de cada explotación; tratamos de sacar os mellores resultados cos condicionantes de cada unha
“Trátase dun traballo personalizado en cada granxa, na que se analizan os puntos críticos e se forma ao persoal que atende á recría en distintos aspectos do manexo. Temos protocolos en varios idiomas, por exemplo en árabe, para que os empregados entendan na súa lingua o que teñen que facer”, exemplifica.
Mellora dos índices de mortalidade
Óscar entende a importancia que teñen as primeiras idades das becerras de recría na súa produción futura e vida útil na explotación e desde que está no servizo de recría da cooperativa, Gandería Escaleira mellorou os seus índices de mortalidade, a incidencia de pneumonías e diarreas e os crecementos dos animais.
As becerras encalóstranse na parideira coa nai, onde están entre 24 e 48 horas
As vacas do lote de preparto están en cama quente de palla, que fai tamén as funcións de parideira. Ao pariren, permanecen entre 24 e 48 horas coa becerra para garantir que toman o calostro e o leite de transición da nai. A partir de entón, pasan a box individual e comezan a tomar leite en po. “Quero incorporar unha amamantadora”, avanza Óscar, porque “as máquinas, se están ben calibradas e reguladas, non fallan, os que acostumamos fallar somos os humanos”, razoa.
Destetan a partir dos dous meses e unha semana ou dos dous meses e medio e as xatas pasan entón a un box colectivo outros dous meses e a continuación van para unha zona de cornadiza. A partir dos seis meses xa as cambian para a nave de recría alugada, onde continúan co proceso.
Galego









Control OJD