Caixa Rural Galega celebrou a súa Asemblea Xeral anual este sábado coa presenza do Consello Reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e os representantes das Xuntas Preparatorias. O punto máis relevante da orde do día foi a aprobación das contas do exercicio 2021, das que destaca un beneficio neto que acadou os 6,32 millóns de euros, o que supón un incremento do 10% respecto do ano anterior.
Deste xeito, Caixa Rural Galega enlaza nove anos consecutivos medrando na cifra de resultados, concretamente desde o ano 2013 que supuxo o primeiro exercicio con incremento de resultado neto tras a crise financeira de 2008. As contas recollen uns activos que superan os mil setecentos corenta millóns de euros e que supoñen un crecemento do 18% respecto do ano anterior.
Os depósitos de clientes superan os mil cincocentos millóns de euros e a inversión crediticia acada preto de setecentos sesenta e oito millóns de euros, o que supón para ambas partidas crecementos do 20% e do 11% respectivamente. A morosidade pechou o exercicio no 2,65% cunha baixada de preto dun punto respecto do exercicio anterior na liña dos últimos anos.
Precaución e cambio de tendencia
Desde a entidade, prevese un cambio de tendencia debido ao freo da recuperación económica froito das incertezas ocasionadas polo conflito bélico en Ucrania, a evolución dos prezos e os problemas nas cadeas de subministracións. A ratio de solvencia acada o 15,24% cumprindo, como en anos anteriores, os requirimentos do regulador e incrementándose en preto dun punto respecto do exercicio precedente.
O presidente da corporación Manuel Varela destacou que “o panorama global actual está cheo de cambios, retos e incertezas debido a sucesos moi diversos como o Brexit, a pandemia, o estalido do conflito en Ucraína, unido á maior revolución tecnolóxica da humanidade. Este avance imparable da tecnoloxía afectou especialmente ao colectivo da xente maior, que se sentiu inxustamente tratada nun servizo fundamental como é a banca. É neste punto no cal a entidade adquire o seu verdadeiro valor xa que o primeiro obxectivo de Caixa Rural Galega é serlle útil á xente, sempre sen abandonar a senda da rendibilidade para poder seguir medrando”.
Unha situación económica positiva
En relación ao estado actual, Varela afirma que “tras a enorme caída da produción en 2020, o ano 2021 comezou cunha relevante recuperación, pero sucesivos brotes de Covid, e un brusco, intenso e de momento persistente aumento da inflación, entre outros factores, frearon a recuperación, deixando a España entre os países máis atrasados neste sentido. Esta situación ten un impacto directo sobre a capacidade real de gasto dos fogares e as marxes empresariais, e a súa duración dependerá do conflito no leste de Europa e de como se comporte o turismo, entre outros factores”.
Igualmente, o presidente fai fincapé en que “Caixa Rural Galega volve presentar cifras récord tanto en investimento crediticio como en depósitos, con crecementos sostibles ano tras ano, e é no crecemento destes últimos no que se pode ver a confianza que os clientes veñen depositando na entidade”. Doutra banda, detalla que “o cambio de rumbo da autoridade monetaria debido á inflación, suporá subidas de tipos de interese na segunda metade deste ano, que se espera sexan moderadas, pero permitirán ao sector mellorar a rendibilidade dos activos e con iso fortalecer a solvencia”.