O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se establece o procedemento de inclusión dunha explotación no Banco de Explotacións, así como a as solicitudes de intermediación para o acceso a unha explotación que estea incluída no sistema. Os modelos de solicitudes habilitaranse proximamente na sede electrónica da Xunta de Galicia, e figurarán na Guía de procedementos e servizos.
O Banco ten por obxectivo permitir que as persoas titulares dunha explotación que pretendan cesar na súa actividade poidan poñela no sistema para arrendamento ou venda. Tódalas explotacións que se inclúan na plataforma estarán dispoñibles nun visor xeográfico.
O visor comezará a funcionar unha vez estean resoltas as solicitudes de inclusión e permitirá a localización e visualización das características principais das explotacións susceptibles de tramitación. Desde o momento de solicitude, a Administración ten tres meses de prazo para integrala no Banco. De non facerse esa inclusión, deberá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.
Calquera persoa interesada no arrendamento, permuta ou adquisición dunha propiedade poderá tramitar tamén a través do sistema unha solicitude de intermediación.
En paralelo ó sistema electrónico, o proceso de transmisión de explotacións estará tutelado a través da rede de oficinas rurais comarcais. Calquera persoa interesada poderá dirixirse á súa oficina rural para informarse sobre este tema e recibir asesoramento.
Prazo aberto todo o ano
Na orde que publica hoxe o DOG establécese que as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía telemática a través dos formularios normalizados dispoñibles na devandita sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación estará aberto durante todo o ano.
Aprobación previa do Consello da Xunta
O Consello da Xunta abordara este luns a posta en marcha “esta semana” do novo Banco de explotacións, “que vai promover a remuda xeracional no agro galego” e evitar “o peche” de empresas agrogandeiras, segundo a opinión do presidente autonómico, Alfonso Rueda.
A previsión é que con este instrumento se poda “facilitar a transmisión de case 140 explotacións ata 2026”.
Desde a perspectiva da Xunta, os cedentes, titulares de explotacións agrarias familiares, poderán a través do Banco complementar á súa pensión de xubilación cos ingresos xerados polo arrendamento ou venda da súa explotación. Por outra parte, os agricultores mozos ou novos agricultores poderán acceder á xestión dunha explotación en funcionamento e viable.
O sistema contribuiría a evitar ademais que se perdan os importantes investimentos que teñen acometido en instalacións numerosas explotacións gandeiras.
Axudas da Xunta para a sucesión
En paralelo á posta en marcha desta plataforma, a Xunta vai lanzar unha convocatoria de axudas á cooperación para a sucesión de explotacións. Será unha achega “de 2,1 millóns de euros” no período 2025-2029 destinada á persoa cedente da explotación e que se convocará en breve.
Ademais, as persoas cesionarias poderán acceder ás axudas planificadas dentro do Plan Estratéxico da PAC (PePAC) 2023-2027.
Outra medida adoptada para a posta en marcha do Banco é o Xesbex, unha ferramenta informática habilitada pola Consellería do Medio Rural para administrar tanto as solicitudes de inclusión de explotacións como as peticións de intermediación para o acceso a unha delas.