O aumento dos custos de produción deixa contra as cordas ás granxas avícolas

Coag advirte da crítica situación do sector avícola pola subida dos pensos e a enerxía, que dilapida as marxes de rendibilidade. Solicitan unha reunión urxente co Ministerio de Agricultura para esixir que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria e medidas de apoio

O aumento dos custos de produción deixa contra as cordas ás granxas avícolas

Alertan que a suba dos costes de produción está a afectar á viabilidade das granxas de polos e de galiñas poñedeiras.

A Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (Coag) advirte da crítica situación que atravesan os gandeiros avícolas españois ante o incremento dos custos de produción, disparados polo aumento dos prezos de gasóleo (+40-60%), enerxía (luz e gas +150%), plásticos (+50%), auga (+30%), fertilizantes (+100%), e pensos (+25%) durante os últimos meses.

A produción avícola de carne require un consumo de enerxía moi elevado (luz, gas, gasóleo ou biomasa) para manter unha atmosfera favorable de temperatura, humidade e luz as 24 horas, e garantir o benestar duns animais moi vulnerables a estas condicións. Para os produtores de ovos (avicultura de posta, un sector moi tecnificado), o prezo da electricidade e os envases (+25%) están a afectar gravemente á rendibilidade das explotacións. A situación pode verse agravada no verán, cando se intensifica o uso de aparellos de ventilación e humidificadores.

GráficoMárgenesAvicultura

“É demencial que a cadea de valor do sector avícola se fundamente nunha produción a perdas para os gandeiros. Un aumento do 30% dos custos de pensos e enerxía dilapidou as estreitas marxes de rendibilidade no que se moven normalmente as pequenas e medianas explotacións. Espéranse peches masivos de granxas se nas próximas semanas os prezos non reflicten a escalada de custos”, afirma Eloy Ureña, responsable do sector avícola de Coag.

A organización agraria lamenta tamén que o pito se siga utilizando como produtor reclamo por parte das cadeas de distribución. “Este tipo de prácticas comerciais tensionan aínda máis a cadea de valor, afundindo as cotizacións do pito en orixe”, subliña Ureña.

Medidas de apoio para evitar peches

COAG vai solicitar ao Ministerio de Agricultura unha reunión urxente para abordar a situación e reclamar un paquete de medidas de apoio que eviten o peche de granxas. ”Os prezos pagados aos gandeiros teñen que reflectir o aumento de custos, tanto nos contratos dos gandeiros que traballan con integradoras como nos daqueles que operan de forma independente. É unha das condicións ás que obriga a Lei de Cadea Alimentaria”, remarcou o responsable avícola de COAG.

Unhas 5.000 granxas avícolas atópanse nunha situación crítica ante a subida dos prezos de produción

Esta organización advirte que, se non se corrixen estes desequilibrios, de cara ao verán a falta de rendibilidade das explotacións pode chegar a provocar un desabastecemento no mercado de carne avícola e ovos de proximidade, o que fomentará as importacións de países terceiros, que non cumpren coas esixentes normativas e altos estándares en materia de sanidade, calidade e benestar animal da UE. Apuntan que unhas 5.000 granxas avícolas atópanse nunha situación crítica ante a subida dos custes de produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información