“O aumento do diferencial de prezos entre granxas é unha estratexia das industrias para abaratar o custo medio do leite que compran en Galicia”

Agromuralla considera inxustificado que existan diferenzas de até 9 centimos no prezo final entre explotacións e acusa ás empresas de utilizar a vía das primas por volume para aforrar cartos, en vez de aplicar unha suba xeral máis importante a todas as granxas a través do prezo base

José Luis Pérez Barreiro, presidente de Agromuralla, na súa explotación no concello da Pastoriza

José Luis Pérez Barreiro, presidente de Agromuralla, na súa explotación no concello da Pastoriza

Agromuralla considera que o prezo dos contratos do leite que se asinen este mes para a súa entrada en vigor a partir do día 1 de agosto “debería situarse nos 53 céntimos, en sintonía co resto de España e de Europa”. Defenden ademais que as subas se apliquen no prezo base, para que beneficien a todas as explotacións, e acusan ás industrias de “aumentar o diferencial entre granxas como estratexia para abaratar o custo medio da materia prima que mercan en Galicia”. 

A Executiva da asociación de gandeiras e gandeiros analizou este martes as cláusulas dos novos contratos propostos polas industrias lácteas para a compra do leite ás granxas en Galicia a partir do mes que vén, e que incorporan con “subas limitadas”, din, que “consolidan a discriminación das granxas galegas e non recortan o diferencial de prezos co resto de España e Europa”.

“As industrias, que até agora asinaban contratos a curto prazo (4 meses) están propoñendo agora contratos de maior duración (8 meses), tratando de amarrar ás granxas porque intúen que o prezo vai seguir subindo nos vindeiros meses”, argumenta a asociación de gandeiros.

Agromuralla considera que deben pagarse primas en función da calidade do leite pero non polo volume de entregas

No relativo ás condicións propostas, din, “as granxas galegas seguimos recibindo unha retribución polo noso leite inferior ao do resto de comunidades e estanse incrementando cada vez máis as diferenzas entre granxas veciñas”.

Os contratos das industrias que máis leite recollen en Galicia (por esta orde, Lactalis, Larsa e Leite Río) inclúen diferenzas de prezo de até 9 céntimos en litro, unha horquilla que Agromuralla considera “desproporcionada e inxustificada”, oscilando os prezos de 42,5 a 50,7 céntimos no caso de Lactalis; entre 43 e 50,3 en Larsa e entre 44 e 53 no caso de Leite Río.

“A finalidade de Agromuralla é defender ao conxunto do sector, sexan grandes ou pequenos produtores”, aclaran, polo que piden que as subas se trasladen ao prezo base para que cheguen a todas as explotacións.

Diferenzas inxustificadas entre granxas grandes e pequenas

Para Agromuralla, a decisión das empresas de basear o prezo final do leite que cobran as explotacións no volume de entregas supón “unha maneira de castigar ás granxas pequenas e medianas, a maioría das que hai en Galicia, e de abaratar por esta vía o custo medio do leite que as industrias compran na comunidade que máis leite produce de España”.

“A prima por cantidade que recollen a maioría dos contratos non se trata dunha bonificación ás granxas que máis producen, senón dunha penalización encuberta para o resto”, argumentan. O diferencial de prezos segundo o tamaño da explotación incrementouse coas últimas renovacións de contratos até acadar os 9 céntimos de diferenza, explican.

Esiximos á Xunta que non se limite a ser un mero observador no proceso de renovación de contratos, senón que exerza as súas responsabilidades e impida as prácticas abusivas das industrias

A asociación de gandeiras e gandeiros pide á Administración galega “que non se limite a actuar de mero observador” ante o actual proceso de renovación de contratos e “que non permita prácticas abusivas no seu territorio”, controlando o diferencial de prezo que teñen as granxas galegas a respecto do resto do Estado e tamén entre si, “non permitindo que se castigue inxustificadamente ás granxas pequenas”.

“Resulta inxustificado que dúas granxas veciñas da mesma parroquia, que entregan o leite á mesma empresa, unha cobre o leite a 53 céntimos e a outra a 44 cando o camión que lles recolle o leite é o mesmo”, argumenta Agromuralla, que explica que “a nivel loxístico, as pequenas granxas tamén son útiles ás industrias para completar os camións de recollida” polo que consideran “unha falacia o argumento do incremento de custos de transporte para penalizar ás granxas pequenas”.

Unificar a conformación dos contratos

Agromuralla defende “un prezo base igual para todos”, cunha unificación das actuais disparidades na conformación de prezos nos contratos establecidos polas distintas empresas, así como nas distintas esixencias (punto crioscópico), e primas en base á calidade do leite entregado e non polo volume de entregas realizado.

“Os incentivos deben establecerse pola calidade hixiénico-sanitaria (graxa e bacterioloxía) e as porcentaxes de graxa e proteína contidas no leite. O esforzo do gandeiro en mellorar en cuestións como instalacións, manexo do gando ou alimentación ten que ser valorado”, defende Agromuralla, algo que é independente do volume de entregas ou o tamaño da explotación.

Así llo trasladará á conselleria do Medio Rural no Pleno do Observatorio Lácteo Galego, que se celebrará no mes de setembro, e do que Agromuralla pasa a formar parte como entidade representativa do sector.

Escenario proclive á suba de prezos do leite

O escenario actual e de cara aos vindeiros meses é favorable á suba de prezos do leite, argumenta Agromuralla, debido ao mantemento do consumo e das cotizacións dos produtos industriais nos mercados internacionais. Tamén como consecuencia da caída da produción tanto en Galicia como nos principais países produtores europeos, onde están a subir con forza os prezos neste momento, por exemplo en países como Alemaña, Holanda ou Irlanda.

Por iso, destacan os seguintes puntos en relación a situación actual de mercado de cara á renovación de contratos do leite:

  • En maio, o prezo medio en Galicia foi de 48,8 céntimos, cando a media española se situou en 50,1 céntimos e comunidades como Cataluña (50,7), Andalucía (50,9), Castela e León (51,1) e Asturias (52) situáronse claramente por enriba do prezo que cobramos en Galicia.
  • O prezo nos principais países produtores europeos está subindo con forza. En maio o prezo medio da UE foi de 53,03 céntimos, con subas significativas de máis do 15% en Dinamarca (+19,8%), Holanda (+19,6%), Alemaña (+18,6%), Irlanda (+17,9%), Polonia (+15,5%) e Italia (+15,2%).
  • O valor dos produtos lácteos industriais nos mercados internacionais mantéñense elevados: a manteiga cotiza a 7.400 euros a tonelada e os queixos a 4.800 euros na UE.
  • Nos 5 primeiros meses deste ano a produción de leite caeu en Galicai case un 2%, un descenso superior incluso ao vivido no conxunto de España (-1,72%). A caída foi significativa en abril e maio, os meses tradicionalmente máis produtivos, e deixarase notar tamén con forza en xuño debido ao calor.
  • No último ano pecharon en Galicia 359 granxas leiteiras (658 no conxunto do Estado). Neste momento, tan só hai 5.135 ganderías dando leite en Galicia e 9.085 no conxunto de España.
  • O censo de gando diminuíu: contabilízase un 2,4% menos de vacas e un 1,9% menos de xovencas en xaneiro de 2025 respecto ao mesmo mes de 2024 en España.
  • Non hai excedente de leite en Europa. Segundo os datos do Observatorio Lácteo Europeo, nos catro primeiros meses deste ano (xaneiro-abril) a produción caeu no conxunto da UE un 1%. Entre as caídas máis significativas están as de Alemaña (-2,9%), Holanda (-2,3%), España (-2,3%), Francia (-1,8%), Dinamarca (-0,9%).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información