O aumento das importacións de leite portugués a Galicia preocupan cun mercado á baixa

Durante o 2025, as entradas de leite do mercado luso aumentaron un 75%, chegando ás 140.000 toneladas, a cifra máis alta desde o fin das cotas

O aumento das importacións de leite portugués a Galicia preocupan cun mercado á baixa

Durante a crise de prezos do 2016, gandeiros galegos inspeccionaron e boicotearon cisternas lusas que exportaban lácteos a Galicia. / Arquivo.

Estes días, a organización agraria vasca Enba lanzou unha alerta tras detectar nunha gran superficie de Pamplona leite dunha marca galega envasado con etiquetado de “orixe UE”. A entrada de leite luso ás industrias galegas, que se convertera en anecdótica anos atrás, cunha media de arredor de 16.000 toneladas / ano no periodo 2019 – 2021, volveu repuntar estas últimas campañas, en especial no 2025, que se pechou con 140.000 toneladas importadas a Galicia procedentes de Portugal, un 75% máis que o ano anterior.

O aumento da entrada de leite portugués preocupa no sector, ao coincidir cunha tendencia á baixa dos prezos, tanto nos produtos lácteos industriais como no campo.

Se ben este último mes o mercado dos lácteos apunta a unha estabilización, desde o verán os prezos experimentaron fortes caídas, como no caso da manteiga, que pasou de máis de 700 euros / 100 Kg. a pouco máis de 400 euros (- 43% no último ano). O leite en po desnatado, que se está a recuperar estas últimas semanas, segue un 11% máis baixo que hai un ano, en tanto os queixos (edam, cheddar, gouda) móvense en prezos entre un 20 e un 33% máis baixos que 12 meses atrás.

En consecuencia, os prezos no campo tenden á baixa no conxunto de Europa. Tras chegarse a un pico de prezos en setembro (53,38 de media en Europa en setembro), as cotizacións acumulan catro meses de baixadas consecutivas, ata unha media de 47,23 céntimos / Kg. en xaneiro.

España, cun importante mercado de leite líquido, menos suxeito ós vaivéns das cotizacións dos lácteos industriais, aguantou polo de agora en prezos altos. De feito, España é o Estado de toda a UE que mantivo en decembro un prezo máis alto en comparación con decembro do 2024 ( + 10%), cando a media da UE ese mes foi dun diferencial do – 12%, en comparación con decembro do 2024.

Vívese así unha situación inversa á de hai un ano, cando os prezos dos lácteos industriais estaban altos, pero España non se beneficiara da suba de prezos no campo que xa se rexistrara en Europa.

Diferencia de prezos con Portugal e importacións
A situación actual no campo é a que segue. Fronte ós 52,62 céntimos de prezo medio en España (Dato do Observatorio do sector lácteo europeo), nos países veciños as cotizacións sitúanse uns 5 céntimos por baixo (Portugal, 47,63 céntimos e Francia, 47,35 céntimos). Os maiores prezos do leite español, unidos a problemas de aprovisionamento de leite en España por parte dalgunhas industrias, desencadearon no último ano un importante aumento das importacións, que medraron un 75% en comparación co 2024.

Un dos focos de atención do sector gandeiro sitúase na planta de envasado de Leche Celta (Pontedeume), propiedade da cooperativa lusa Lactogal, pois Celta perdeu o pasado ano importantes volumes de leite na súa recollida en Galicia, como foi o caso da cooperativa Xallas, que pasou a Reny Picot, e tivo que substituír os volumes perdidos por compras de cisternas no mercado galego, existindo tamén o temor no sector a que importase maiores volumes de leite de Portugal.

Se ben Leche Celta seguiu envasando exclusivamente leite español nas súas marcas principais, o sector está atento tanto ós movementos de Celta como de CoRural, a alianza que lanzaron a cooperativa Clun e Celta, pois unha segunda marca tradicional de Clun, como é Xoia, comezou a etiquetarse con “orixe UE”, segundo a alerta que lanzou esta semana a organización agraria vasca Enba.

Desde CLUN aclaran que o feito de que o envase de Xoia inclúa un etiquetado con “orixe UE” trátase dun “erro involuntario no proceso de deseño do envase, que non afecta en ningún caso á procedencia real do produto, que procede integramente de ganderías españolas da cooperativa”.

A cooperativa subliña que en canto tivo coñecemento da situación, procedeu á corrección inmediata do deseño do etiquetado, así como a reforzar os controis internos no proceso de revisión e validación de envases.

CLUN, por último, subliña que mantén un compromiso firme “coa calidade, a trazabilidade e a defensa do sector lácteo do noso país. Seguiremos actuando con total responsabilidade e transparencia para garantir a máxima confianza das persoas consumidoras”.

Consultada sobre a actual coxuntura Unións Agrarias, a organización advirte de que é fundamental que “as industrias respeten o envasado con leite de orixe nacional”. “A identificación da orixe do leite no envasado fora un logro das mobilizacións do 2015 e 2016, polo que coas industrias que vexamos que non manteñen a orixe nacional do produto, procederemos a un sinalamento público”, subliña Óscar Pose, de Unións.

Aumento das entregas de leite en Europa, caída en España

Durante o 2025, as entregas de leite medraron un 1,6% no conxunto de Europa (+1,9% se se axusta o ano bisiesto). A suba foi máis importante na última parte do ano, cun + 5,7% en decembro, nun contexto mundial onde os principais produtores, como Nova Zelanda, Estados Unidos ou Australia tamén están aumentando produción.

Entre tanto, os mercados de exportación semellan non asumir eses aumentos de volumes, pois no periodo xaneiro – setembro do 2025, as exportacións da UE baixaron un 1%, medidas en leite equivalente, se ben en valor foron un 6,6% superiores ás do mesmo periodo do ano anterior.

O aumento das entregas e a perda de tirón dos mercados levou nos últimos meses á baixada das cotizacións dos produtos lácteos industriais, unha tendencia que se está a trasladar en cadea tamén ó campo. Se se mira un termómetro habitual dos prezos, o do leite movido en cisternas, compróbase o cambio de escenario. Durante o verán, en Italia os prezos das cisternas (leite spot) rondaban os 65 euros / 100 Kg. e na actualidade móvense arredor de 25 euros / 100 Kg.

Situación en España
España pechou o 2025 cunha caída da produción do 0,23%, unha situación diferencial en Europa, se ben no caso galego as entregas subiron un + 0,8%, manténdose como unha das poucas comunidades autónomas nas que o sector lácteo tende ó crecemento.

Esta contención das entregas a nivel español, xunto a unha maior dependencia do valor do leite líquido nos supermercados, levou a que por agora os prezos no campo se mantivesen altos, aínda que as industrias lácteas xa anunciaron baixadas para os contratos de primavera, que se terán que concretar ó longo do mes de marzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información