Ata entrado o outono, as patacas da Limia van permanecer baixo terra medrando para chegar ao mercado. Un mercado que neste comezo do verán presenta numerosas incógnitas polo stock que aínda hai de pataca vella en toda Europa, pola entrada de pataca mediterránea todo o ano e pola incerteza sobre os prezos. Falamos con especialistas da Limia para afondar nestes aspectos
Condicionantes climáticos
Tan só na derradeira semana de xuño se puido completar a sementeira da pataca na comarca da Limia, a gran produtora de Galicia e das máis grandes de España. Nun ano normal estarían botadas entre mediados de abril e finais de maio. O motivo, as chuvias da primavera que deixaron exceso de humidade na terra. As 40 toneladas por hectárea de colleita, que é a media habitual, semellan difíciles de acadar.
Esta situación podería derivar nunha merma na colleita. “A pataca ten que botar catro meses na terra en pleno estado vexetativo, por eso non habería problema. Pero cando a temperatura sobe de 30 graos a planta detén o crecemento, porque é un mecanismo de autodefensa para non secar. E, cando baixa a temperatura outra vez, ten que volver arrincar. Ese para-arrinca, para-arrinca leva a unha perda produtiva.”, explica Servando Álvarez, director técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia, pertencente ao INORDE (Deputación de Ourense).
Coas máis que probables paradas vexetativas, a recollida poderíase ir nalgunhas parcelas ata novembro, co conseguinte risco de que lles caian xeadas. Por outro lado, a semente mercouse a comezos de ano ante o temor de que houbera desabastecemento -algo que finalmente non sucedeu- e, co retraso na sementeira, foi perdendo calidade.
A calor está a queimar os brotes máis novos e pode provocar paradas vexetativas. A colleita virá máis tarde e será máis reducida do habitual. (Servando Álvarez, INORDE)
E a calor de finais de xuño queimou moitos dos brotes acabados de nacer. Aínda que volva rebrotar, supón máis demora no ciclo do cultivo. Unha demora que ten consecuencias na xestión agronómica da pataca e pode telas tamén na comercialización, en función de como estea o mercado cando chegue a colleita, di Álvarez.
Polo de agora non xurdiron pragas que estean a afectar o cultivo, máis alá do nematodo, que é endémico na Limia. “O nematodo xa é algo crónico. Para combatelo ou máis ben frealo, pódense sementar castes máis resistentes ou acudir a produtos fitosanitarios, que fan subir os custos de produción.

As chuvias da primavera demoraron a sementeira da pataca
Álvarez aínda engade outro problema nesta campaña: as malas herbas. “Estamos a ter un exceso de maleza. Hai que erradicala ou con medios mecánicos específicos ou con herbicidas. O caso é que os herbicidas só son efectivos cun nivel suficiente de humidade na terra, que agora non temos pola calor que está a facer. E os medios mecánicos tamén supoñen un incremento de custos.”
Non nos axudou en nada a humidade. Primeiro apareceu para atrasar a sementeira e despois desapareceu cando é necesaria para o uso de herbicidas.
Custos de produción
Se a colleita é de pouca calidade pode haber mermas nas compras da industria, é decir, rexeitarán aquelas patacas que non cumpran cos criterios de aspecto, peso e calidade requiridos. “Cando eso sucede, pode afectar especialmente os produtores que venden as patacas baixo contrato porque poden non chegar nin á cantidade nin á calidade que asinaron no contrato. Todas as condicións quedan recollidas nos documentos, incluídas as penalizacións. Nese caso, terán que acudir ao mercado libre e a pataca irá a outros usos, mesmo para alimentación do gando.”, sinala Amador Díaz, Vicepresidente da IXP Pataca de Galicia.
A parte boa é que os encoros da zona están nuns niveis altos para a esta época do ano e non semella que vaia haber problemas para a rega cando sexa necesaria. E tamén é positivo que xa hai meses que se esgotou a pataca vella da Limia polo que o mercado está en condicións de absorbela en canto se recolla.
Máis aló do que pase nesta campaña, Álvarez sinala que nos últimos anos a calor fixo que non se volveran acadar os picos de 55 toneladas de pataca por hectárea dos mellores anos. Incluso nas castes de alto rendemento como a agria.
“A pataca da Limia vai na súa inmensa maioría para fritos, snacks ou precociñados, e podemos chegar a ser deficitarios porque a demanda é alta e a produción está baixando polo clima.” Ata as últimas campañas, a media de produción na Limia era de 120.000 toneladas de pataca recollidas en entre 3.800 e 5.000 hectáreas, dependendo da rotación co cereal que haxa cada ano.

A pataca da Limia vai maioritariamente para a industria de fritidos e elaborados
Os prezos que se pagan na primavera pola pataca nova andaluza soen ser indicativos de cal vai ser o que se cobre na Limia, que é a última colleita que se recolle en España. Se ben arrincaron con prezos semellantes aos do ano pasado, posteriormente foise moderando e hoxe, fálase de que a de contrato está a 0,30 € e a de mercado libre a 0,22 €. “Por ser a última colleita podemos beneficiarnos se a campaña é frouxa en Castela-León e Andalucía, porque cando nós recollamos non haberá moita pataca no mercado. Polo que sabemos, os problemas derivados do clima déronse en todas as zonas produtoras. Xa veremos.”
O prezo inflúe na rendibilidade igual que o custo de produción. Este ano os fertilizantes, fitosanitarios e combustible están relativamente baixos. Pero o custo da semente disparouse. “Nos anos seguintes á pandemia houbo déficit de produción de pataca de consumo. E moitos produtores de semente decidiron vender o froito para consumo. Porque a pataca de semente ten que pasar unhas certificacións de calidade. Os produtores optaron por asegurar o alto prezo que se daba en consumo e non arriscar a que non lles certificaran como semente.”
Os custos de amortización de maquinaria son moi elevados. Porque as máquinas son caras e traballan moitas horas en moi poucos días. Amador Díaz, IXP Pataca de Galicia
Amador Díaz di que a maquinaria agrícola tamén dispara os custos. “Aquí danse casos de ter tres tractores para traballar 50 hectáreas. E sempre temos todas as máquinas necesarias para o cultivo, aínda que só traballen 15 días ao ano. A colleita son dúas ou tres semanas e tes que ter os remolques suficientes para estar sacando pataca toda a xornada. E as empresas de servizo non chegan para atender todo ese traballo concentrado en tan pouco tempo.”
Así, sinala Díaz, os custos de amortización da maquinaria e apeiros son dos máis elevados de España polas poucas horas de traballo que teñen e polo caros que son. “Hai máquinas moi dixitalizadas e moi especializadas que son de moi alto prezo e ademais tardan en entregalas.”
A Limia en cifras
A comezos deste ano a sensación era a de que volvería haber desabastecemento de semente. As empresas que a venden sacaron partidas reducidas ao mercado e reservaron unha parte. Como os agricultores temían quedar sen ela, pagárona moi cara e comprárona moi cedo. Pero, finalmente, houbo máis da que se agardaba e mesmo segue habendo moita almaceada en Países Baixos, Escocia ou Dinamarca.
Nesta campaña, a pataca da Limia volverá ir nun 70% para a industria dos fritos e elaborados. E a agria seguirá sendo a caste maioritaria, se ben van gañando terreo a babylon, rumba e donata. No 30% que vai para consumo en fresco, a kennebec segue a ser de lonxe a que máis sementan os agricultores.
Unha explicación para esa orientación industrial da pataca da Limia é que a súa apariencia en fresco non é agradable. “O consumidor quere a pataca que non lle manche a encimera. E a pataca galega, polos solos onde se cultiva e que a dotan desas propiedades organolépticas únicas, requiriría de moito lavado para ir a fresco. O sabor é único pero quen manda é o consumidor.”, indica Álvarez.

A amortización da maquinaria supón un custo moi elevado para os pataqueiros da Limia
A día de hoxe, a proporción nas fórmulas de comercialización na Limia estímase nun 40% baixo contrato homologado e un 60% que se manexa no denominado mercado libre. Unhas porcentaxes moi diferentes ás de hai cinco anos, cando os contratos abranguían o 70% da produción e o mercado libre quedaba co 30%. Malia a suba da semente, o custo de produción podería volver estar esta campaña na contorna dos 0,18-0,20 € o quilo.
En canto ao mercado, o 70% da colleita -o que vai para a industria- destínase ás grandes elaboradoras de snacks e elaborados que hai en España e o 30% que vai para consumo queda case integramente en Galicia. Polas características físicas, a pataca da Limia non serve para lavar porque o lavado dálle un aspecto escuro que o consumidor rexeita.
Na Limia avanzouse moito na maquinaria, pero quedan os retos de mellorar na almacenaxe e na industrialización da pataca
Independentemente desta colleita, Álvarez aposta por unha profesionalización da almacenaxe na pataca na Limia. “Temos un enorme parque de maquinaria altamente dixitalizada e con todo o que se require para o cultivo. Na almacenaxe tamén deberiamos ir nesa liña, Mellorar as instalacións e dixitalizalas para manter a pataca máis tempo e en mellores condicións. Poden ser investimentos elevados pero é unha ferramenta que se fai indispensable nun mercado tan cambiante. Aparte de que servirían para pataca de consumo e pataca de semente, mellorando moito as producións.”
E tanto Álvarez como Díaz ven necesarios máis proxectos industriais aparte dos xa existentes para que a pataca adquira valor engadido e para poder ter máis opcións de mercado por se fallan as tradicionais. “Tortillas, chips, snacks, pre-elaborados…son mercados en auxe porque o consumo en fresco decae nos fogares. É unha oportunidade que deberamos aproveitar, como xa están facendo outros.”, explica Díaz.
Pataca vendida con contrato ou no mercado libre?: opinións e perspectivas de mercado
Nun webinario organizado polo grupo El Mundo de la Papa, que encabeza Fernado Alonso Arce – enxeñeiro agrónomo e consultor especializado no sector da pataca- abordáronse os aspectos que van condicionar a campaña de 2025 en España e en Europa. Se ben as expectativas non son as mellores, cren que non é lóxico crear alarma.
Contexto europeo e internacional
Paco Moya, da empresa francesa Vitalis, cre non se pode anticipar aínda como vai evolucionar nin a produción nin o mercado nos vindeiros meses. No centro e norte de Europa hai aínda moito stock de pataca vella. O motivo é que na pasada campaña se sementou moita máis cantidade da habitual porque estaba moi ben pagada.
Moya, que forma parte da directiva de Europatat, a principal asociación empresarial do sector en Europa, destaca que hai proxectos empresariais que se están constituíndo pero que aínda non están en funcionamento. Por eso, opina que a medida que comecen a traballar irán desaparecendo os stocks e haberá unha volta ao equilibrio oferta/demanda nos países europeos.
O mercado global da pataca está moi segmentado e pode haber sectores que funcionen moi ben e outros que atravesen unha crise nesta campaña. Paco Moya, Vitalis
Por outro lado, sinalou que dende a pandemia aumentou a compra de produto local. Pero ese produto ten que ir moi ben presentado. Por eso recoñeceu que hai unha importante merma no envasado xa que se desbota o que presenta deformidades e, sobre todo no caso da pataca nova, a que non ten a pel acabada de conformar.
O directivo de Viltalis non comparte o pesimismo xeneralizado que hai respecto a vindeira campaña. Asegura que o sector está moi segmentado e haberá liñas que vaian mellor ca outras en canto a prezos en orixe e en consumo final. As variacións entre pataca limpiada e lavada ou entre a destinada a consumo en fresco e a que vai para elaboración poden ser moi amplas. Pero non necesariamente negativas.
Moya indicou tamén que China e India están aumentando moito a produción -especialmente de pataca fritida e envasada- o que supón unha competencia para a pataca europea. Pero tamén se están abrindo enormes mercados en Asia, como o xaponés e o indonesio, onde todos poden ter cabida. Ademais, a demanda global non deixa de medrar. Como exemplo citou rexións de Francia onde se están arrincando viñedos de uva tinta para sementar patacas.

Os expertos apuntan a unha suba artificial do prezo da pataca de semente
Caso aparte son Exipto e Israel, que aumentaron exponecialmente as vendas e a produción na última década pola súa capacidade para producir pataca nova durante o inverno. Eso é algo que tamén se intenta no sur de España mediante a chamada pataca verdete, aínda que polo momento non está a resultar de moito éxito para as empresas que a comercializan polo alto custo do traballo agronómico que implica e porque o clima non sempre axuda para cumprir cos criterios de calidade.
En resumo, un mercado mundial cada vez máis competitivo pero tamén máis grande e no que aspectos como a calidade dos solos e por riba de todo o acceso á auga para os cultivos van ser determinantes. Así como as variedades empregadas e a especialización que acade cada elo do sector en cada país.
O sector da pataca en España
Alfonso Sáenz de Cámara, da cooperativa vasca Udapa e directivo de FEPEX analizou as cifras do sector en España. Hai tres rexións principais produtoras que agrupan o 85 por cento das arredor de 62.000 hectáreas de cultivo pataqueiro no estado: Galicia, cunhas 17.000 hectáreas; Castela-León, con preto de 20.000 e Murcia-Valencia, con 16.000.
A produción española é de 2 millóns de toneladas. Unha cantidade insuficiente porque estamos a importar 1,2 millóns, que segundo Sáenz de Cámara equivalen a todo o consumo dos fogares en España. A importación prodúcese sobre todo nos meses de outono e inverno pola falta de abastecemento para consumo en fresco.
Logo de tres anos de fortes subas, o prezo en orixe caeu este ano. Por exemplo, a pataca nova de 2025 estase a pagar de media a 0,30 € o quilo a contratada e a 0,22 a de mercado libre, fronte aos 0,40 € do pasado ano e 0,30 €. Trátase dunha consecuencia do exceso de stock en toda Europa, que levou as industrias a anunciar que deixarían de acudir ao mercado libre e só mercarían aquela pataca suxeita a contratos.
Por moi atractivo que pareza o mercado, non hai elementos para rexeitar contratos razoables. A especulación pode ser moi negativa. Alfonso S. de Cámara, Cooperativa Udapa
Ademais, a traxectoria no que vai de século indica que un prezo moi elevado da pataca en orixe fai que o resto de actores -almacéns, industria e distribución- reduzan moito as marxes ou mesmo teñan perdas. Cando eso sucede, acúdese á importación para conseguir o froito a prezos máis asequibles. Así, o director de Udapa cre que uns prezos moderados pero rendibles conterán a importación.

O mercado da pataca é moi segmentado segundo usos, castes e países
No curto prazo, todo apunta a que haberá unha baixada xeneralizada de prezos en orixe porque a superficie cultivada con patacas en Europa este ano é maior que a de campañas anteriores. Pero hai que lembrar que a demanda a nivel mundial segue medrando por ser un alimento moi rendible e sustentable.
Para reducir as oscilacións, Cámara recomenda os agricultores que acepten os contratos que lles cubran os custos de produción e ofrezan unha rendibilidade xusta. Porque especular non sempre sae ben e poden acabar cobrando moi pouco ou perdendo. E porque os contratos cúmprense.
O membro de Udapa estima que a día de hoxe o 50% da pataca española se comercializa con contrato e o outro 50% no mercado libre. E sinalou que hai contratos con prezo fixo e outros -chamados de compromiso- que aseguran a compra pero fixan o prezo en función de diferentes factores.
O habitual é que os contratos inclúan a compra dunha cantidade fixa por hectárea. Se se supera esa cifra, o comprador pode decidir adquirir ou non o excedente e a que prezo. Dependendo das variedades, o clima e o terreo, os agricultores moi rara vez se comprometen a entregar máis de 35 ou 40 toneladas por hectárea. E é que se non chegan a esa cantidade teñen que cubrir a falta acudindo ao mercado libre, o que lles pode saír moi caro.
Aínda que en Francia a porcentaxe de pataca en orixe que se comercializa mediante contrato é inferior á de España, son os sindicatos franceses os que negocian o prezo colectivo. E no caso das vendas da industria a distribución, esíxese que haxa contrato asinado cun prezo fixo e unha recollida determinada.
Problemas en Andalucía
José Peláez, de Sevillana de Patatas, explicou a situación do sector pataqueiro no sur de España. O primeiro que destaca é que a actual campaña de recollida da pataca nova se reduciu de tres a dous meses. A escaseza de chuvias nas fases de crecemento fixo decrecer a colleita, os encoros estiveron en niveis moi baixos e estímanse perdas medias de preto do 45% da cantidade recollida respecto dun ano normal.
En Andalucía o habitual é obter entre 40 e 50 toneladas de pataca por hectárea pero nesta primavera e comezo do verán están en medias de 25 toneladas. E, sen embargo, a caída cde produción non é un problema tan grave. Porque as exportacións están moi paradas e a demanda por parte da distribución caeu nalgúns casos ata o 25%. Así, polo menos non se está a xerar un stock demasiado grande.
A colleita en Andalucía vai ser un 45% inferior ás anteriores por causa do clima. Pero a exportación está parada. José Peláez, Sevillana de Patatas
Os compradores tradicionais -Bélxica, Países Baixos, Alemania e Dinamarca- non están a comprar pataca andaluza porque aínda teñen nos almacéns moito froito vello autóctono. Ademais, as novas colleitas xa están a piques de saír neses países. Así que, polo de agora, a pataca andaluza nova e vella e tamén a de Levante permanecen en cámaras á espera de que o mercado lles fixe un destino.
Dese xeito, aínda que reducida, a produción de pataca en Andalucía vai ser suficiente a non ser que mude radicalmente a demanda nas vindeiras semanas. Máis difícil o van ter no Levante, onde a colleita foi abondosa e os custos de produción están por riba da media de España.
Conclusións
Cos diferentes gastos e investimentos, calcúlase que o custo medio por hectárea é de 10.000 €, aínda que con notables diferencias entre unhas zonas de España e outras por causa do clima, as variedades sementadas, o terreo ou o mercado no que se opere.
Os especialistas están dacordo en cifrar nun 35% o custo da semente no cómputo total do custo de produción. E en que os fertilizantes e fitosanitarios baixaron de prezo nos últimos dous anos ata ser plenamente asumibles, se ben no caso dos fitosanitarios hai que utilizar máis cantidades por ter perdido eficacia a causa da supresión de certos principios activos. Calcúlase que os abonos e fitosanitarios comportan un gasto de 1.800 € por hectárea (700 e 1.100 € respectivamente)
Noutros 1.800 € cifran os custos de maquinaria. Son máquinas que teñen unha duración non moi alta e que contan cunha electrónica cara de manter. Aparte de que se calcula en 600 litros o gasóleo por hectárea necesario para sacar adíante o cultivo. Sen esquecer que un bon equipo (tractor + tanque) de aplicación de tratamentos pode irse a 200.000 €. Se o laboreo hai que subcontratalo, o prezo tamén é moi alto. Ademais, a man de obra escasea cada vez máis e por eso ten un custo máis alto.
No que coinciden todos os técnicos é en que, malia as restricións impostas pola UE ao uso de produtos fitosanitarios habituais no cultivo da pataca, a día de hoxe o estado sanitario dos cultivos é altamente positivo en todo o continente.
No sector produtor hai queixas polos estritos criterios que se están a aplicar para desbotar patacas que non chegan ao mercado. Cífrase que só o 70% do froito que se recolle acaban nos lineais. Eso é algo que penaliza o agricultor. Sen embargo, dende as industrias sinalan que os consumidores rexeitan os produtos con mala apariencia e a distribución non está disposta a adquirir un produto que non vai poder vender.