A Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega, en Ordes, e a Asociación Maisdetres, en Brión, son dúas das 42 entidades que este ano tiveron acceso ao Programa da Deputación da Coruña dirixido a entidades asociativas, federacións e agrupacións de entidades agrarias, labregas e gandeiras para actividades neste 2024. A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou ambos colectivos na súa rolda de encontros coas entidades rurais, destacando a importancia do asociacionismo para o fomento da agricultura local e de proximidade.
Por unha banda, en Ordes, a deputada foi recibida por Miguel Souto, presidente de Ódega, detalloulle o proxecto da posta en marcha dunhas xornadas de adaptación e resiliencia do agro ante os cambios climatolóxicos. Esta iniciativa, que será financiada con 5.250 euros por parte da institución provincial a través do citado programa de axudas, forma parte do programa de traballo da asociación, que presta servizos de asesoramento de xestión empresarial e técnico agrario a profesionais e emprendedores do medio rural.
Así, o seu obxectivo é contribuír a mellorar a rendibilidade das pequenas empresas e das explotacións agropecuarias e ao fomento do emprendemento neste medio a través da implantación de procesos de calidade, protección do medio ambiente e adaptación ás novas necesidades que redunden na modernización do sector.
Transformando Brión
Por outra banda, a responsable de Mar e Medio Rural tamén acudiu a Brión para encontrarse coa Asociación Maisdetres. Alí, xunto coa responsable da entidade, Carmen Freire, e o alcalde da localidade brionesa, Pablo Lago, visitou o centro de coworking ‘Transformando en Brión’, un dos once espazos que forman parte da Rede Provincial de Coworking e que permiten poñer en marcha proxectos innovadores.
Actualmente, no Coworking de Brión conviven cinco ‘coworkers’ vinculados á produción de froitas, hortalizas, fermentados e froitos secos, así como a elaboración de produtos a partires destas materias primas.
En todos estes procesos ten un peso de articulación a Asociación Maisdetres, que conta con espazos para a produción destas froitas e hortalizas. Xunto co alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, e Freire, Cristina Capelán visitou dúas destas explotacións, dedicadas de xeito concreto á produción e recuperación de hortalizas autóctonas e cogumelos.