“O arborado precisa pastizais intercalados que fagan barreira contra o lume”

A gandería de Iván González e Carlota Simón (Pazos de Borbén) sufriu en primeira persoa o lume que calcinou este mes arredor de 750 hectáreas no monte Galleiro. Boa parte dos pasteiros que empregan no monte quedaron afectados, ademais de perder animais. A única nota positiva é que se demostrou que a superficie pastada polo gando serviu para frear o avance do incendio

O monte Galleiro, situado a cabalo de Pazos de Borbén, Redondela e Ponteareas (Pontevedra), viviu a comezos de abril o primeiro gran incendio da tempada en Galicia, con 750 hectáreas calcinadas, 550 delas arboradas e outras 200 de monte raso e pastizais, que en boa parte eran xestionados pola Gandería GS.

Carlota Simón e Iván González montaron a gandería GS tralos grandes incendios do 2017, na idea de recuperar o monte Galleiro. O seu traballo serviu para frear o avance do lume no monte e defender as vivendas, na parte baixa, se ben tamén se viron seriamente afectados polo incendio. Falamos con Iván González sobre o que pasou e sobre o que se pode facer para mellorar a prevención de grandes lumes.

Cóntanos que animais tedes a día de hoxe e que manexo facedes do gando?
Contamos con aproximadamente 113 cabezas agora mesmo; temos gando vacún e cabalar. Cabalar serían algo máis de 30 animais, que son de monte, e despois en vacún temos dúas razas, Cachena e Asturiana de la Montaña (casinas).

Nós temos todo en extensivo. Temos unha nave e no inverno algún animal que o precise, pois é cando se garda. Tamén facemos alí o remate dos xatos e o resto témolo todo en extensivo.

Que superficie empregades e como se divide?
Nós temos un peche, que foi o que máis se viu afectado, na comunidade veciña de Padróns (Ponteareas), que son 135 hectáreas. Despois temos aquí en Pazos de Borbén, parcelas de pequenos pastizais de unha ou dúas hectáreas e fincas particulares máis pequenas.

dron o galleiro restaurante

Como vos afectou o incendio, que superficie vos queimou?
A totalidade… Non sendo parcelas pequenas onde as vacas pasan o inverno, que son ás que máis lles costa pasar invernos duros como este. Baixámolas para aquí, para as fincas, e son as parcelas que se salvaron, porque están recén limpas. O resto, practicamente a totalidade ardeu.

Houbo perigo para os animais ou casas?
Precisamente para a nosa casa. Contamos cun pequeno bar tapería e é onde temos tamén a nave e os bens gandeiros. Estivemos rodeados nalgún momento… E animais, pois perdimos catro cabezas, dúas eguas e dous becerriños pequenos.

Que impacto ten para vós o incendio a nivel da gandería?
Total. Tanto eu como miña muller tiñamos outros traballos, que deixamos no 2017 para incorporarnos, tanto ela como gandeira como eu co tema do bar, e quedarnos aquí e apostamos pola recuperación do que era o Galleiro, porque no incendio do 2017 quedou devastado. Apostamos todo e ver que outra vez o lume foi algo parecido, costa moitísimo.

“No 2017 esta parcela estaba chea de toxos e as fincas veciñas estaban case abandonadas. Agora fixéronlle un fronte ao lume importantísimo”

No caso deste incendio, cres que os pastizais contribuíron a frear o lume, a evitar que fose a máis?.
No 2017, esta parcela onde estamos agora estaba toda chea de toxo e non se chegaba ás parcelas veciñas que hai máis abaixo, pois estaban tamén practicamente abandonadas. Agora fixéronlle un fronte ao lume importantísimo. De feito, a vista de páxaro, en todo o queimado mírase unha franxa verde de cincuenta metros de ancho por un quilómetro de longo que impresiona vela verde no medio no medio do queimado, e foi grazas ao gando.

Fóra dos pequenos pastizais arredor da aldea, todos os pasteiros do monte ardéronvos. Como ides resolver nos próximos meses a alimentación do gando?
Pois a verdade é que por parte da Administración parece que se están involucrando bastante. Vannos servir uns camións de herba seca para intentar polo menos que os animais teñan alimento durante este tempo que o monte non produce nada. Pero temos que buscar unha solución.

Tamén nos arderon os peches e a manga gandeira, e temos que ver que solucións pode haber.

Como era a situación do monte. Fálanos un pouco de como estaba.
Estamos nunha zona que non é tradicionalmente gandeira e tanto para particulares como para as comunidades de montes costa ter esa visión de gando. Aquí todo é máis forestal, dirixido a plantacións, e creo que se tiña que facer máis uso da gandería, é dicir, combinar máis as plantacións coa gandería porque do contrario queda todo moi abandoado.

incendio o galleiro becerro

E como cambiou o monte nas últimas décadas, esta situación vén xa de sempre?
O do 2017 foi un dos peores incendios que houbo. Pasou algo moi parecido, pero foron moitas máis hectáreas. Fora no mes de outubro e arrastrábase moita sequía.

Neste incendio, o factor que axudou un pouco foi que estamos no mes de abril e aínda hai unha relativa humedade no chan. E despois que se se ve o incendio, eucaliptos e piñeiros arderon seguidos, pero na parte da nosa explotación, os pasteiros axudaron moito a que o lume fora minguando e freouse. Volveu logo tocar en zonas de eucalipto e propiedades, e xa se sabe, desmándase, pero os pastizais si que serviron para frear o lume.

As pavesas dos eucaliptos ían plantando lume a un quilómetro ou máis e iso dificultou moitísimo a extinción do incendio.

“Como gandeiros a título principal, só estamos nós nos tres concellos da redonda, e case non queda xente con gando nas casas”

Agora mesmo, hai máis gando no monte, a parte do voso?
Só estamos nós nos tres concellos da redonda. Hai xente con algún animal, pero non como gandeiros a título principal.

Antigamente tampouco había ganderías a título principal, pero si que había moitos particulares que tiñan as súas catro ou cinco vacas e cabalos no monte. Había outra involucración e a xente, ao ter animais na casa, limpaba e apañaba toxo e o monte estaba moito máis limpo. Hoxe en día está todo abandonado e non hai ningún tipo de xestión.

Como vivistes este lume, no comezo da primavera, esperabades un lume con esta forza a primeiros de abril?
Colleunos por sorpresa total. Nós tiñamos programada para finais do mes de marzo unha queima controlada e suspendeuse porque xa levabamos unha semana de moito vento de nordés e con esas condicións non se pode facer a queima. Nin nos imaxinabamos que a principios de abril podía haber un incendio desta categoría e moito menos co aire que estaba facendo, porque o que propiciou que todo se dificultase foi o vento.

franxa verde o galleiro

Que cres que se pode cambiar para mellorar a prevención de lumes como este?
Penso que isto é un toque de atención tanto para particulares como para comunidades de montes. Temos que darnos de conta de que o gando sempre participou no monte, sempre foi unha peza clave. Levamos uns anos reivindicando que fai falta gando, pero sempre se están poñendo moitísimas trabas e non solo pola Administración. Hoxe en día incluso a Administración é case a que máis está aportando neste tema…

“O gando sempre participou no monte, sempre foi unha peza clave. Hai que abrir os ollos e ver que temos que facer uso do gando como ferramenta de prevención”

O que pasa é que xa de por si a gandería é complicada porque non é un traballo normal de oito horas que chegues a túa casa e te olvides do problema. Estás levándoa as 24 horas como para que por enriba haxa tantas trabas. Veciños, comunidades de montes e propietarios temos que empezar a abrir os ollos e darnos de conta de que entre unha plantación de piñeiros e eucaliptos, polo medio ten que haber un pequeno pastizal, un pasteiro ou algo que faga de barreira contra o lume, con visión de que isto pode pasar en calquera momento.

Entón temos que facer uso do gando. Non hai outra maneira, xa que mecanicamente é inviable porque, por exemplo, na orografía que temos do territorio neste monte, é complicadísimo e moi custoso buscar outras vías. Temos que facer uso do gando, non queda outra.

Entrega de rolos de herba seca para o gando

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu onte á recepción de alimentación para os animais da explotación de Carlota Simón e Iván González (Pazos de Borbén), afectada polo lume do monte Galleiro.

Neste contexto, Medio Rural sinala que está a actuar para garantir a subministración inmediata de alimento para os animais desta gandaría, que conta con máis de 100 exemplares de vaca cachena en réxime extensivo. Concretamente, trátase dun primeiro cargamento de rolos de herba, alpacas e penso.

José Balseiros sinalou que nos vindeiros días proporcionaráselle máis alimentación. Cabe sinalar que a Xunta asume a totalidade dos custos derivados desta medida. A Consellería pon de relevo o seu compromiso co benestar animal e coas explotacións do rural en situacións de emerxencia.

Medio Rural lembra que desenvolveu xa actuacións deste tipo durante a vaga de incendios do pasado verán, chegando a repartir case 100 toneladas de penso ou máis de 1.560 toneladas de herba seca a explotacións gandeiras de 22 concellos galegos.

entrega alpacas o galleiro balseiros

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información