O Araño acolle a terceira xornada de transformación de madeira en Rianxo

A Plataforma pola Defensa do Monte impulsa esta actividade, que busca consolidar o aproveitamento sostible da madeira local e fortalecer a xestión comunitaria do monte

Publicidade
O Araño acolle a terceira xornada de transformación de madeira en Rianxo

Serradoiro móbil Logosol.

Este sábado 10 de maio celebrarase no Centro Cultural A Capela, no Araño (Rianxo), a terceira xornada de transformación de madeira organizada pola Plataforma pola Defensa do Monte. A iniciativa conta coa colaboración das comunidades de montes do Araño e Baroña, e da Asociación Cultural A Carballeira de Baia.

A xornada enmárcase nun ciclo de eventos promovido polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza, co obxectivo de impulsar o uso da madeira local e visibilizar a súa transformación no propio territorio.

Durante a actividade haberá demostracións de maquinaria forestal, un faladoiro con profesionais do sector e a presentación de avances do Laboratorio en materia de aproveitamento sostible do monte.

A primeira das xornadas deste ciclo tivo lugar o pasado 22 de abril en Leiro (Rianxo). Nela, o serradoiro móbil da Comunidade de Montes de Baroña mostrou a súa capacidade para transformar madeira local. O evento contou coa participación de máis de 50 persoas, incluíndo alumnado e profesorado de obradoiros de emprego de Ribeira, Porto do Son e Boiro.

Veciños e veciñas achegaron madeira para a súa transformación en directo, promovendo o ciclo curto e comunitario. Asunción Piñeiro, titora do obradoiro de forestal no Tahume, destacou a utilidade da experiencia para o alumnado.

A segunda xornada tamén se celebrou en Leiro e centrouse na transformación de madeira para mellorar as infraestruturas destinadas ao gando mancomunado. Esta actividade puxo en valor o uso práctico da madeira local e o traballo colectivo.

Rafael Saco, presidente da Plataforma pola Defensa do Monte, subliñou a importancia de apostar pola transformación da madeira nos propios montes, co fin de mellorar o aproveitamento local e destacar os recursos comunitarios.

A terceira xornada no Araño busca afondar nesta liña, promovendo o coñecemento arredor da transformación sostible da madeira. A experiencia permitirá comprender o ciclo completo da madeira: desde a produción ata o uso final, en aplicacións como mobiliario, peches para o gando ou embarcacións tradicionais.

No faladoiro “A madeira do monte ao mar” participarán profesionais como Ramón Collazo, carpinteiro de ribeira e presidente de AGALCARI; Rodrigo Mosquera, artesán ebanista e fundador de TresOficios; e Pepe Suárez, do Serradoiro Hijos de Vicente Suárez.

Tamén estarán presentes Ovidio Queiruga e Emilio Saborido, presidentes das comunidades de montes de Baroña e O Fieitoso, respectivamente, ambos con traxectoria no ámbito da xestión forestal sostible.

PROGRAMACIÓN

10:00 h Demostración de uso do serradoiro móbil Logosol. Coordinada pola Comunidade de Montes de Baroña

11:00 h Presentación dos avances do proxecto do Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Con intervencións de:

  • Lucía Saborido | Comunidade de Montes de Araño
  • Rafael Saco | Plataforma pola Defensa do Monte
  • Adrián Capelo | Fundación RIA

12:00 h Faladoiro “A madeira do monte ao mar”. Con intervencións de:

  • Ramón Collazo | Estaleiro Catoira de Rianxo
  • Rodrigo Mosquera | TresOficios
  • Ovidio Queiruga | Comunidade de Montes de Baroña
  • Emilio Saborido | Comunidade de Montes de O Fieitoso de Taragoña
  • Pepe Suárez | Serradoiro Hijos de Vicente Suárez

16:00 h Demostración de uso do serradoiro móbil Logosol. Coordinada pola Comunidade de Montes de Baroña

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información