O apoio á revitalización do rural, liña de traballo marcada pola Fruga

A organización celebrou a súa II Asamblea Nacional, na que reelixiu a Xurxo Álvarez como presidente

O apoio á revitalización do rural, liña de traballo marcada pola Fruga

Nova xunta directiva da Fruga, saída da II Asamblea Nacional, celebrada en Lugo a pasada fin de semana.

A Federación Rural Galega (Fruga) vén de celebrar un congreso no que renovou parte da súa directiva e no que asentou as bases de traballo para os próximos anos. O evento, celebrado en Lugo baixo o lema ‘O futuro de Galicia é rural’, fixo un repaso pola situación dos principais sectores produtivos do agro e adicou un apartado de traballo específico para as iniciativas de revitalización do rural, unha cuestión central para a Fruga.

“Xa hai uns anos que organizamos unhas xornadas tituladas ‘O rural galego pide xente’ e estamos desde aquela configurando unha rede galega de persoas que se están a incorporar a actividades agrarias e gandeiras, tanto con orixe no rural como non”, explica o coordinador da organización, Manuel da Cal.

A organización abordou tamén na súa asamblea a situación do sector lácteo, así como do viñedo e da horta galega. En leite, a Fruga defende a necesidade de que as Administracións impulsen un tecido industrial propio; en tanto en viñedo a organización aposta polo impulso dos consellos reguladores das denominacións.

A Fruga, constituida no 2009, aproveitou tamén o seu congreso para demandar da Xunta que se efectivice o seu recoñecemento como organización representativa do sector agrogandeiro, de xeito que sexa convocada ás diferentes mesas de negociación sobre os asuntos que lle competen.

Renovación da directiva
A nova directiva da Fruga segue presidida por Xurxo Álvarez, con Manuel da Cal como coordinador e Xosé Antón Ledo Pan como tesoureiro. Completan a lista 24 vogais dos distintos sectores e zonas produtoras de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información