Tralo Consello da Xunta de hoxe, o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou que vanse “abonar cun mes de adianto” -en relación a outros anos- 45 millóns de euros das axudas da Política Agraria Común 2024 aos produtores do agro galego. En concreto, destinaranse “10 millóns de euros para vacún de carne”, mentres que “os 35 millóns de euros restantes serán para vacún de leite”.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, lembrou pola súa banda que se trata “da contía máis alta dos últimos catro anos” e das poucas veces en que se adianta este pagamento ao mes de outubro -terá lugar na vindeira semana-, xa que no 2023 e 2022, por exemplo, o
anticipo non se executou ata finais do mes de novembro.
O obxectivo é que os beneficiarios conten cun fluxo de efectivo para facer fronte aos seus gastos operativos durante o presente ciclo agrícola. O resto de pagamentos directos da campaña 2024 terán que ser aboados obrigatoriamente a partir do día 1 de decembro, de maneira que o prazo final de pagamento sexa, como moi tarde, o 30 de xuño de 2025. Trátase dunha importante inxección económica para o vacún de leite e de carne, que representa máis do 75% das solicitudes da PAC.
As axudas da PAC están financiadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e, logo da resolución de axudas presentadas, as comunidades autónomas poden realizar o pagamento anticipado entre o 16 de outubro e o 30 de novembro. Este pagamento pode chegar este ano ata o 70%, tras autorización de Europa, que ata agora limitaba o anticipo ó 50%.
Pagos adicionais da PAC 2023
Desde a Xunta lembran ademais que recentemente os agricultores e gandeiros galegos que fixeron a solicitude única de 2023 percibiron algo máis de tres millóns de euros adicionais das axudas da PAC, correspondentes aos fondos adicionais da axuda básica á renda para a sustentabilidade, que responden ao incremento rexistrado tras a repartición de remanentes a nivel estatal.