O agro presenta alegacións masivas contra o decreto de xurros

O Sindicato Labrego trasládalle ó Goberno unha proposta con 40 puntos a modificar do borrador da normativa. Unións Agrarias inicia unha campaña de sinaturas e ultima as súas alegacións

Publicidade
O agro presenta alegacións masivas contra o decreto de xurros

Equipo inxector de xurros. / Arquivo.

O decreto de fertilización sostible que prepara o Ministerio de Agricultura está a xerar unha oposición unánime no agro galego. Estes días, todas as organizacións agrarias e as cooperativas ultiman as súas alegacións ó borrador da normativa. Así, o Sindicato Labrego anuncia que lle trasladará ó Goberno unha proposta con 40 puntos a modificar, en tanto Unións Agrarias inicia unha campaña de recollida de sinaturas contra a normativa e presentará as súas alegacións a próxima semana.

Estes movementos súmanse ás alegacións xa anunciadas por outras organizacións, como a Asociación Agraria de Galicia ou a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). O malestar do agro céntrase nunha serie de puntos principais, como a aplicación das mesmas medidas a todo tipo de granxas, independentemente da especie que manexen e de se son intensivas sen terra ou extensivas.

Desde o Sindicato Labrego presentan unha serie de contrapropostas ó borrador da normativa para axeitala ás condicións de Galicia. Entre elas, figuran as seguintes:

  • Flexibilizar o decreto para as granxas ecolóxicas e pequenas explotacións familiares que practiquen unha agricultura sustentable, con uso tradicional de estercos ou traballo en zonas de alto valor natural.
  • Reducir as obrigas para os estercos, en comparación cos xurros, pois os estercos teñen menores perdas de amoniaco, maior contido de carbono orgánico e unha mineralización máis lenta.
  • Fixar maiores restriccións para as granxas que empreguen lodos de depuradora ou residuos da industria agroalimentaria. A organización agraria considera que os niveis de metais pesados permitidos para estes produtos son obsoletos, pois algunhas comunidades xa estableceron niveis máis restritivos.
  • Establecer unha normativa máis estrita para granxas sen terra, como as de porcino intensivas, pois son as responsables da maioría de emisións de amoniaco á atmósfera.

    O Sindicato Labrego tamén pide que se teña en conta nos cálculos de emisións do Ministerio que un 61% das granxas de vacún de leite practican o pastoreo con parte do seu rabaño (vacas en produción, lotes de secas, xovencas, etc.). Este manexo xera unha menor emisión de gases á atmósfera, polo que debería ter menos restriccións, segundo a organización agraria.

  • Diferenciar as características edafoclimáticas dos distintos territorios do Estado, pois non todos teñen o mesmo tipo de solo e clima. Galicia, por exemplo, a diferenza da maioría das comunidades, non presenta zonas vulnerables ós nitratos agrícolas.
  • Reducir as obrigas burocráticas que introduciría o decreto, como obrigatoriedade de asesoramento para o abonado, inspección técnica de equipos, obriga de análises de solos e de xurros, restriccións ó amoreamento, etc. “Serían obrigas que afectarían a tódolos sectores agrogandeiros profesionais, desde unha pequena horta ata un cultivo de mazá de sidra” -cuestiona o Sindicato Labrego-. “De aprobarse o decreto, sería interesante ver como fan en zonas de orografía difícil, como a Ribeira Sacra, para amorear os estercos e enterralos nas 4 horas seguintes a súa aplicación”, ironizan.

Campaña de recollida de sinaturas

Unións Agrarias anuncia pola súa banda o inicio dunha campaña de recollida de sinaturas na súa rede de oficinas que se prolongará ata o 30 de outubro. En paralelo, a organización prepara para a semana a presentación dunha táboa de alegacións e propostas ó borrador do decreto.

A oposición anunciada por Unións comparte argumentos coas alegacións doutras organizacións, pois cuestiona o impacto da norma nas granxas de montaña, así como os cambios de maquinaria ós que obrigaría a esixencia de utilizar tubos colgantes ou inxectores para aplicar o xurro.

Una idea sobre “O agro presenta alegacións masivas contra o decreto de xurros

  1. Raul Río Díaz

    O que debían mirar e prohibir é botar nos prados eses xurros cheirentos que saen dos hospitais e que teñen materiais pesados

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información