O agro mantén a espera polos resultados do acordo lácteo

As organizacións agrarias sitúan como primeiros pasos para a revalorización do leite a aprobación dun modelo de contrato tipo e o control público dos prezos de venda da industria á distribución

O agro mantén a espera polos resultados do acordo lácteo

O sector agarda melloras nos prezos do leite no agro.

O acordo lácteo, en vigor desde o 4 de outubro, continúa sen plasmarse en melloras significativas a pé de campo, máis alá dos anuncios de subas do prezo por parte de contadas empresas, como Celta ou Entrepinares. Ante esta situación, as organizacións agrarias demandan maior axilidade no cumprimento do pacto por parte de Administración e empresas. O sector non descarta novas mobilizacións en canto remate o ensilado do millo.

Os gandeiros agardan que o acordo se traslade ós prezos que perciben polo leite, pero a maioría de empresas, con Lactalis á cabeza, continúa polo de agora sen mover ficha, o que está a xerar malestar no agro. Estes días mesmo trascendeu unha baixada de 7 euros por tonelada que está a aplicar Danone, se ben trátase dun descenso motivado por un contrato anual indexado a índices de mercado, non froito de novos contratos.

“Dá a impresión de que as mobilizacións para o que serviron é para que a industria gañe máis” (Xabier Gómez)

Así as cousas, as organizacións agrarias demandan unha pronta resolución para dúas cuestións principais: o modelo de contrato tipo entre gandeiros e industrias e un decreto por parte do Ministerio de Agricultura que estableza un seguemento obrigatorio dos prezos de cesión do leite entre industria e distribución. O control dos prezos de cesión permitirá coñecer se as cadeas de supermercados están pagando un prezo polo leite que lle deixe marxe ás industrias para mellorar o valor do produto no campo.

Valoracións
Polo de agora, parte dos supermercados xa elevaron os prezos de venda ó consumidor das súas marcas blancas de leite e outros comprometéronse a subir os pagos que lle realizan ás industrias sen incrementar o prezo de venda ó público. Esas melloras, coa excepción das empresas que traballan con Mercadona –Entrepinares, Celega, Iparlat, etc.- non están chegando de momento ó gandeiro. “Dá a impresión de que as mobilizacións para o que serviron é para que as industrias gañen máis”- valora Xabier Gómez, do Sindicato Labrego.- “O acordo lácteo baseábase na boa vontade das partes, pero máis ben estamos vendo pouca vontade”.

“Esperamos que en breve se regule o seguememento do prezo de venda da industria á distribución” (Javier Iglesias)

O responsable de Gandaría de leite de Unións Agrarias, Javier Iglesias, coincide tamén en que o acordo está “verde”, pero matiza que aínda é cedo para comprobar os avances. “Contamos con que na primeira quincena de novembro estea publicado o decreto que permitirá coñecer o prezo de cesión do leite da industria á distribución, que é unha cuestión básica para avanzar”, valora.

A Organización de Productores de Leche (OPL), pola súa banda, critica a lentitude coa que marcha a aplicación do acordo, no que ve sobre todo “incumprimentos”, e advirte de que se convocarán mobilizacións en novembro se non se producen maiores progresos.

A OPL propón a convocatoria de mobilizacións a partir de novembro se non hai maiores avances

O sector espera que as melloras que se están a rexistrar nos contratos e nos prezos entre distribución e industria se trasladen ó campo. Ese é en teoría o compromiso das industrias, se ben xera desconfianza no agro que parte das empresas lácteas lle estean a presentar ós gandeiros contratos a varios meses sen ningunha mellora. Desde as organizacións agrarias, agardan que eses contratos se sustitúan en breve.

Primeiros compradores

Outra cousa é o escenario que presenta o ‘burato negro’ dos primeiros compradores, intermediarios entre gandeiro e industria, que quedaron á marxe do acordo e que seguen pagando prezos moi por baixo dos medios no mercado. Hai casos mesmo de impagos de varios meses, con gandeiros que se están vendo apurados en comarcas como a de Santa Comba.

“O lóxico sería que a Administración regulase esta figura dos primeiros compradores e que fose necesario o depósito dun aval para facer fronte a posibles impagos. Non pode chegar calquera e facerse primeiro comprador”, valora Xabier Gómez, do Sindicato Labrego, que tamén considera que as industrias son as grandes beneficiadas pola presenza de intermediarios no mercado que baixan os prezos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información