O agro insiste en Ordes en pedir unha acción política directa na crise láctea

Milleiros de persoas asisten á mobilización e tractorada gandeira. Organizacións agrarias e produtores desconfían dos posibles compromisos voluntarios que poidan asumir industrias e distribución

O agro insiste en Ordes en pedir unha acción política directa na crise láctea

Milleiros de persoas durante a lectura do manifesto final da protesta gandeira de Ordes.

O agro desconfía da liña adoptada polo Ministerio de Agricultura para buscar unha saída á crise. En Ordes, igual que nas outras cinco tractoradas comarcais, os gandeiros insistiron en reclamar unha acción política directa que permita a recuperación dos prezos do leite no campo.

As propostas ministeriais, que van no sentido de lograr compromisos voluntarios de industrias e distribución, sonan no agro a falta de interese político. “O documento que presentou o Ministerio parécenos que supón prolongar a agonía do sector. Pedir boa vontade das partes non serve de nada porque xa sabemos cal é a vontade da industria e da distribución”, valora Víctor Bello, un gandeiro de Trazo que, igual que outros máis de 500 da comarca, desprazouse en tractor ata a protesta de Ordes.

O sentir do sector sobre a insuficiencia das medidas que hai sobre a mesa é un clamor. “Cal podemos esperar que sexa a boa vontade das industrias cando nos están a presentar contratos á baixa?”, pregúntase Óscar Pose, de Unións Agrarias. “Coa boa vontade non se come” -engade a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba-. “Os políticos deberían preguntarse como se senten as familias que non teñen ingresos a fin de mes e que ven que poden perder todo por unha situación de abuso das industrias”, reclama.

“O documento que presentou o Ministerio só alonga a agonía do sector. Pedir boa vontade non serve de nada” (Víctor Bello, gandeiro)

Por parte de Asaja Galicia, o seu secretario xeral, Francisco Bello, incidiu tamén na necesidade de “implicación política” para chegar a unha proposta concreta e sinalou que ademais eran urxentes axudas directas para as máis de 2.500 explotacións galegas que están a percibir o leite por baixo dos 26 céntimos.

As intervencións políticas nas crises lácteas doutros países, como Francia, tamén foron lembradas polo sector: “Precisamos dunha acción política que force un acordo de prezos, igual que sucedeu en Francia, nin máis nin menos”, reclama Anxo Escariz, da Organización de Productores de Leche.

Xente no Campo da Feira de Ordes, á chegada dos tractores.

Leite Río
A mobilización de Ordes, na que se congregaron varios milleiros de persoas, tivo tamén moi presente as recentes declaracións do propietario de Leite Rio, Jesús Lence, que logo de dicir semanas atrás que os gandeiros se mobilizan porque lles gusta a festa, despachouse onte con outras declaracións nas que sinalaba que os produtores non estaban tan mal. “Se o señor Lence ten a situación económica que teñou eu, compadézome del” -zanxou Víctor Bello-. “Como os prezos sigan así, a final de ano teñen que pechar a metade das explotacións”, valorou.

Tampouco escaparon da crítica as declaracións da conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, nas últimas semanas. Óscar Pose, de Unións Agrarias, pediu a súa dimisión ou cese se non era capaz de buscar solucións políticas á crise de prezos do sector.

No manifesto final, que leu unha rapaza, o sector pediu dos políticos máis que palabras:“Non hai compromisos nin tempo para solucións negociadas. Só hai tempo para a actuación política en defensa da gandaría. O único que pode soster o rural son os gandeiros, máis en concreto a gandaría de leite, a miña e a vosa raíz, o noso futuro, a nosa vida”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información