O agro inicia mobilizacións ante a falta de garantías de recollida do leite

Máis de trescentas persoas concentráronse en Teixeiro (Curtis) en solidariedade cos afectados polo abandono de Leche Río nunha protesta convocada hai a penas 24 horas

O agro inicia mobilizacións ante a falta de garantías de recollida do leite

A concentración de hoxe en Curtis contou coa asistencia de máis de 300 persoas.

Os ánimos están quentes entre os gandeiros logo de que Leche Río abandonase a recollida dunha vintena de explotacións sen previo aviso. Moitos dos afectados tiveron que tirar o leite e entregarlle a produción a quen lla quixese levar, sen ningunha garantía de prezos nin tampouco de que esa recollida se manteña máis alá do próximo martes. En Curtis, unha das comarcas con explotacións afectadas, máis de trescentas persoas concentráronse hoxe en demanda de medidas por parte das Administracións. A protesta foi convocada por gandeiros da localidade hai a penas 24 horas.

A mobilización de Teixeiro contou coa presencia de varios dos gandeiros afectados directamente polo abandono de Leche Río. Todos eles coincidiron en calificar de “mentiras” os argumentos da empresa para deixarlles de recoller o leite. “Por parte de Leche Río nunca se nos dixo que houbese un problema por ter baixa a graxa do leite. É máis, fai uns meses un inspector da empresa falou con nós e indicounos que podiamos aumentar a produción e que coa graxa non había ningún problema”, explica Pablo Ares Vilariño, un dos afectados que pertence á cooperativa San Cidre (Curtis).

“Río nunca nos pediu que subísemos a graxa. É máis, asegurounos hai uns meses que non había ningún problema coa graxa”

Leche Río argumentara que está a cancelar a recollida dos gandeiros que baixan do 3,50 de graxa, pero os afectados coinciden en sinalar que nunca tiveran coñecemento dese problema. “No noso caso, estabamos introducíndonos ademais en Leyma Natura, que por contrato ten fixado un estándar de graxa do 3,40”, apunta José Manuel, de Casa Castro, un dos produtores individuais que se atopou antonte, sen previo aviso, con que o camión de Río lle comunicaba que tiña orde de non recollerlle o leite.

Tres dos produtores afectados.

Tres dos produtores afectados.

Os produtores explican que os seus contratos con Río establecen un estándar de graxa (3,80 no leite convencional e 3,40 no ‘Natura’) a partir do que se aplican primas se o leite ten máis graxa ou penalizacións no prezo en caso de ter a graxa máis baixa. Que a empresa decidíse de súpeto cancelarlles a recollida, a tan só 5 días do remate do contrato nalgún caso, é unha decisión que non se explican. “Nunca houbera ningunha comunicación por parte da empresa indicándonos que nos deixaría de recoller se non subiamos a graxa. Eso é unha mandanga”, valora outro dos afectados, José Antonio Ares, que forma parte da directiva da cooperativa de San Cidre.

A cooperativa San Cidre conta con arredor de 70 gandeiros que lle viñan entregando todos eles a súa produción a Leche Río. Foron produtores da propia cooperativa os que convocaron a concentración de hoxe en solidariedade cos afectados da zona, parte da cooperativa e parte non.

“Os gandeiros que deixou Río non protestaran nada; así que isto pódenos pasar a calquera, protestemos ou non”

Ao longo dos últimos meses, os gandeiros recoñecen que no sector vivíase un ambiente de desmoralización e de medo á protesta, por temor a posibles represalías das empresas, pero esa barreira xa parece ter quedado atrás: “Estes gandeiros que quedaron sen recollida non protestaran nin reclamaran nada e mira o que lles pasou; así que esta situación pódenos pasar mañá a calquera de nós, protestemos ou non”, valoraba un produtor na concentración.

concentracion teixeiro 2 estandar

O acto contou co apoio e presencia de representantes de organizacións agrarias como Unións Agrarias ou o Sindicato Labrego, que xa anunciaron estes días que convocarán mobilizacións en breve. Tamén asistiron á protesta alcaldes de concellos da zona como Sobrado, Toques ou Vilasantar, así como representantes da oposición. Foron tamén deputados do Parlamento galego por parte do Bloque Nacionalista Galego e de Alternativa Galega de Esquerda. Doutro lado, a Consellería de Medio Rural anunciou que manterá mañá luns unha reunión coas industrias lácteas, segundo informou hoxe a Televisión de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información