O agro baralla unha folga de entregas de leite

As organizacións agrarias demandan a actuación da Administración para lograr unha negociación real coa industria láctea. Se non se rexistran avances nas próximas semanas, estudan accións drásticas para maio

O agro baralla unha folga de entregas de leite

Os representantes de Sindicato Labrego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores, hoxe en rolda de prensa.

O sector gandeiro leva meses tratando de negociar coas industrias sobre prezos e contratos de compra venda do leite, pero as organizacións agrarias aseguran que é misión imposible. A última normativa do Ministerio sobre a cuestión, a reforma do paquete lácteo, tampouco mellorou as cousas. Ante esta situación, as organizacións agrarias barallan a convocatoria dunha folga de entregas do leite.

As tres organizacións agrarias tradicionais en Galicia, Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Xóvenes Agricultores, levan meses solicitando a intervención de Ministerio e Xunta para impulsar unha negociación real de prezos e contratos entre industrias e gandeiros. En rolda de prensa conxunta ofrecida esta mañá, os representantes das tres organizacións lanzaron o que semella o derradeiro ultimátum a industrias e Administracións. “Se non se corrixe a situación e se renegocian os contratos en pé de igualdade, haberá medidas drásticas”, avanzou o secretario xeral de Unións, Roberto García.

Na mesma liña se pronunciaron as outras organizacións. “A folga de entregas pode ser un marco duro para as explotacións porque implica máis perdas, pero antes que seguir na situación actual é unha medida a considerar”, valorou a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba. “Sería unha medida de impacto político. Non se trataría tanto de desabastecer ás industrias como de conseguir que as Administracións fagan cumprir a lei”, engadiu García.

Contratos, prezos e volumes
O sector aspira a negociar coas industrias contratos por un ano e cun prezo variable que estaría referenciado a índices de mercado obxectivos e independentes, de xeito que a variación da cotización do leite se deixase de decidir de xeito unilateral por parte da industria. Nada que ver coa situación actual, marcada polo que as organizacións agrarias denominan “contratos de adhesión”. “As industrias chegan co contrato e nalgúns casos danlle ó gandeiro 48 horas para asinalo coa ameaza de que se non o fai, déixanlle de recoller o leite”, explica o máximo responsable de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello.

A maioría das industrias, ademais, está trasladándolle ós gandeiros contratos por un prazo inferior ó ano e sen un sistema de indexación de prezos contrastado . “Hai industrias que están obrigando a todos os seus gandeiros a asinar a renuncia ó contrato dun ano, co cal estamos ante un fraude de lei”, valora Roberto García.

A negociación dos volumes de entrega é outra das preocupacións do sector, que está en desacordo co sistema de dobre prezo do leite implantado por algunhas industrias, polo que se fixa un menor valor para ata un 20% das entregas.

Inicio de asambleas e contactos
As organizacións agrarias iniciarán nos próximos días un calendario de contactos cos concellos das comarcas agrarias de Galicia, en busca de apoios a nivel político. Tamén realizarán asambleas cos gandeiros para valorar as posibles medidas a adoptar se non chegan a bo porto as súas demandas. Agárdanse ademais contactos de Unións, Xóvenes e Sindicato Labrego con outras organizacións do sector en busca dunha convocatoria unitaria de posibles accións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información