“O acortellamento obrigatorio en Ternera Gallega Suprema vai excluír a moitas granxas familiares da IXP e beneficiar aos cebadoiros”

A gandeira de Becerreá María Osorio vén de ser elixida nova responsable do sector da carne do Sindicato Labrego Galego. Falamos con ela sobre a situación de prezos e sobre ameazas como a dermatose nodular contaxiosa ou a competencia da carne importada de Mercosur

María Osorio, coas súas vacas vianesas en Fontarón (Becerreá)

María Osorio, coas súas vacas vianesas en Fontarón (Becerreá)

María Osorio é a nova responsable do sector da carne do Sindicato Labrego Galego. A súa granxa, Vianesas D’Acolá, leva o nome da casa familiar, situada no lugar de As Cabanas, na parroquia de Fontarón, en Becerreá.

María reivindica o valor las casas de labranza tradicionais galegas e a pervivencia dun modelo que produce alimentos de calidade ao tempo que coida da paisaxe e o territorio, crea actividade económica e asenta poboación no rural.  

María incorporouse no ano 2021, cando se xubilou o seu pai. “Tiña 30 vacas estabuladas de carne rubias e limusinas. Ao prever que se ía xubilar foi reducindo e cando me incorporei eu tiña 15. Ao principio mantiven o rabaño que había semiestabulado e empecei a meter outro lote de vianesas, cun manexo diferente, que se adaptara aos meus condicionantes e ao final acabei desfacéndome das vacas rubias e limusinas e metendo todo vianesas”, explica.

Hoxe conta con 27 reprodutoras e un total de 50 cabezas contando os xatos e o touro vianés que ten de semental. O gando está todo o ano fora en extensivo, pero reformou o establo para que no máis duro do inverno poda vir comer dentro e refuxiarse das inclemencias meteorolóxicas, xa que a casa está a 950 metros de altitude na parte da serra de Becerreá.

A granxa atópase a 950 metros de altitude

Xunto co cambio de raza e de sistema de manexo, cando se incorporou, María optou tamén por facer a conversión a ecolóxico. Xestiona en total unhas 20 hectáreas divididas en varias pezas ao redor da casa e atende a granxa ela soa.

Cara ao final da primavera (nesta zona o ensilado é tardío), recolle forraxe para o inverno. “Facemos dous cortes en xuño e principios de xullo, dependendo de cómo veña o tempo”, explica.  

As crías están coas nais até que marchan da explotación. “Vendo bastantes lotes de xatas para vida, porque é unha raza en perigo de extinción e hai demanda de recría e tamén algún xato para semental”, conta.

Os xatos están coas nais até que saen da explotación

Os que non logra vender para vida son sacrificados pasado o ano e vendidos a particulares. “Saen para matadoiro con 12-13 meses. Non poñen grandes cantidades de quilos. Cebo con pasto en épocas de pasto abundante para que vaian engraxados e con boa condición corporal. Manexo só un lote e está o touro con elas, pero veñen parindo normalmente en marzo-abril aínda que non fago concentración de partos”, explica.

 “Nesta raza a produción é un pouco diferente e engraxa bastante ben sen cereal, pero non me pecho a acortellalos os meses finais e cebar con algo de cereal. Xa tiven fóra tolbas con penso no pasto pero vou tentar este ano probar a separar lotes e gardar os xatos”, avanza.

María teme que a obriga de cebar a cuberto durante os dous meses finais os xatos marcados como Ternera Gallega Suprema poida desincentivar a continuidade de moitas granxas dentro da IXP e pide centrar os esforzos en diferenciar a carne producida en extensivo da dos cebadoiros. Falamos coa nova responsable do SLG tamén de relevo xeracional, de Mercosur e da nova PAC.

Rabaño de gando de Vianesas D'Acolá

Rabaño de gando de Vianesas D’Acolá

– Como ves a situación do sector vacún de carne en Galicia neste momento?
– A situación nos últimos anos é flutuante. Sempre o foi, pero vivimos desde o ano 2021 unha serie de flutuacións no sector que fai que esteamos traballando sempre moito no aire. Nos últimos anos a sensación da xente é que necesitas máis volume de gando e de facturación para facer fronte aos gastos que tes. Estamos nun contexto no que soben os insumos, como o gasóleo agrícola, que está disparado, e cos cereais tamén á alza, o que inflúe na nosa produción porque o prezo que che custa sacar un xato cada vez é maior.

En moitos casos hai que arrimar outro traballo para que a actividade sexa viable

Hai unha perda de poder adquisitivo nas granxas e nas familias que nos adicamos a isto que é moi preocupante. É un contexto que tería que solucionarse para que a xente tivera como opción incorporarse. Deberiamos poder cubrir custos de produción e ter maior seguridade en canto a rendibilidade. En moitos casos hai que arrimar outro traballo para que a actividade sexa viable.

– Os prezos caeron uns 50 céntimos nas últimas semanas pero segue habendo demanda. Teñen as gandeiras e gandeiros algún poder de negociación fronte á industria e os matadoiros á hora de establecer eses prezos?
– Non temos ningún poder de negociación. Dentro do sector primario somos quizais a parte máis vulnerable. Hai outros sectores que polo menos teñen contratos e mecanismos para agarrarse a ese prezo que pactaron. A nós chéganos o tratante e é o que ofreza.

Moitas veces véndense xatos sen prezo previo, van a matadoiro e dinche os prezos despois, a posteriori de seren sacrificados. Traballas con total inseguridade e é ilegal. Debería cumprirse a Lei da Cadea Alimentaria, pero non se cumpre. Todos os elos da cadea se están aproveitando do traballo do produtor e por parte da Administración non hai tampouco vontade para que se cumpra.

Moitas veces véndense xatos sen contrato nin prezo previo; é algo ilegal pero séguese facendo

En cantos aos prezos actuais, nos últimos dous anos houbo unha suba de prezos que non sabemos se é coxuntural ou se se vai manter no tempo. Entre as causas está a escaseza de animais pola elevada mortalidade debido a enfermidades como a EHE e polas poucas incorporacións de xente nova ao sector.

Segue habendo demanda de animais, pero nos últimos tempos xa baixaron os prezos. E non é que fora un prezo desorbitado, é que estabamos cobrando unha miseria. Cando eu me incorporei cobrabas os xatos a 5 euros; iso non che cubre os custos de produción baixo ningún concepto.

– Credes que a IXP Ternera Gallega está cumprindo coa súa función ou habería que facer cambios?
– Na nosa casa sempre se produciu dentro da IXP e eu sigo dentro do selo, pero Ternera Gallega para o meu modo de produción actual non se adapta. So se poden vender xatos aleitados até os 8 meses e no caso de cebar tería que vender antes dos 10 meses e, polo tanto, con menos quilos.

Ternera Gallega non se adapta ao meu modo de produción actual

A IXP está en transición e hai elementos novos que hai que ver como se implementan. Desde o Sindicato Labrego sempre mantivemos unha postura discordante dentro do Consello Regulador no tocante ao acortellamento obrigatorio porque se logras un grado R2 de engraxamento sen acortellar, por que tes que acortellar obrigatoriamente e cebar con cereal?

O selo ten moitísimos máis problemas e máis graves como para andar excluíndo producións e granxas familiares

Para cumprir con esa nova obriga, haberá xente que terá que adaptar instalacións o mesmo facelas de novo. A intención é que se non acortellas vendas os xatos antes, de pasteiros, para que os aproveiten os cebadoiros, cando para min a maior ameaza que ten o selo son os cebadoiros, que se aproveitan da marca de Suprema para vender a súa carne. Hoxe nos lineais dos supermercados é difícil de diferenciar. Esa confusión á industria venlle ben, porque a industria estase aproveitando da foto do xato mamando na vaca no prado.

O relevante é que houbera unha diferenciación maior entre Suprema e carne de cebadoiro. E que o prezo estivese en consonancia con iso, cunha diferenza moito maior para a Suprema en relación á de cebadoiro.

Un xato se vai engraxado, aínda que sexa inflado de penso, é mellor que un xato que vai do pasto?

O selo ten moitísimos máis problemas e máis graves como para andar excluíndo producións e granxas familiares que están traballando no territorio. Están buscando un problema onde non o hai, porque non deron as cifras de que porcentaxe de xatos non cumprían cos mínimos esixidos. E despois está o debate da calidade da canal, que é moito máis amplo. Porque, un xato se vai engraxado, aínda que sexa inflado de penso, é mellor que un xato que vai do pasto?

– A diferenza de prezo para o produtor de carne ecolóxica tamén é pequena. E esta unha alternativa rendible?
– Eu estou en ecolóxico. As ganderías de carne en extensivo galegas fan un manexo moi racional. Con moi pouquiñas modificacións, máis formación que outra cousa, practicamente todas as granxas familiares do país poderían producir en ecolóxico. Pero a forraxe e o cereal en ecolóxico son máis caros e ese incremento de custos de produción debería verse reflectido no prezo.

Con moi pouquiñas modificacións, practicamente todas as granxas de vacún de carne de Galicia poderían producir en ecolóxico

O que non me parece ben tampouco é que se especule co prezo dos alimentos polo feito de que teñan o selo de ecolóxico. Non considero que o produto ecolóxico teña que ser un produto de luxo, ten que poder acceder a poboación a el. Non podes ter comida a prezos desorbitados, porque é un produto de primeira necesidade, non un luxo.

Somos dos que temos menos superficie en ecolóxico cultivada no contexto europeo. Estaba o obxectivo de chegar ao 20% pero aínda estamos lonxe de logralo. En Galicia perdemos superficie agraria , tanto en ecolóxico como en convencional, e hai que facer unha chamada de atención sobre iso.

– Temedes que o acordo entre a UE e os países do Mercosur prexudique ás granxas galegas?
– Evidentemente. Nós estamos producindo cunha normativa diferente. Non queremos cargar contra ningún produtor, do país que sexa, pero parécenos unha competencia desleal para a nosa carne. Esa carne vai vir sen aranceis e a un prezo menor ao que nós producimos, e suporá tirar os nosos prezos para baixo.

Malia a importante mobilización do sector, finalmente non se logrou paralizar o acordo e entrou en vigor de xeito provisional o pasado día 1 de maio. E estase recibindo xa carne de fóra.

Non ten sentido levar a nosa carne a Madrid e estar aquí comendo carne que vén conxelada de Mercosur

Iso evidentemente vai supoñer para nós outra ameaza máis. De feito, nas últimas semanas entrou xa carne de polo desde Brasil e houbo xa algunha alerta sanitaria polo medio.

Pero máis aló do prezo, debemos preguntarnos como consumidores se estamos dispostos a aceptar carne que vén conxelada desde o outro lado do mundo, cando podemos facer un consumo moito máis racional.

– Sempre reivindicades desde o SLG a venda directa e os circuítos curtos de comercialización. Debería a Administración dar exemplo mediante a compra pública para escolas ou hospitais, por exemplo?
– A compra pública sería unha saída moi boa para o noso produto. Faltaría que as Administracións implementaran ese camiño que noutros lugares está a funcionar ben, como por exemplo en Navarra.

Non ten moito sentido andar transportando alimentos dun lado para outro cando tes consumidores preto de ti e impactaría positivamente nos produtores da zona. Non ten sentido, por exemplo, levar a nosa carne a Madrid e estar aquí comendo carne que vén de Mercosur conxelada.

Aquí houbo algún intento tímido de fomentar a venda directa e os circuítos curtos de comercialización co matadoiro móbil, pero o bovino quedou finalmente excluído. Habería que investir en matadoiros e salas de despece comarcais.

– Estamos ás portas dos meses de calor e vimos coa EHE que iso favorece a propagación de enfermidades transmitidas por mosquitos. Corre risco a cabana gandeira galega pola posible chegada da dermatose nodular contaxiosa? Que medidas habería que adoptar?
– O meu rabaño pasou a EHE pero non tiven casos graves. Houbo vacas que estiveron con moco e algo postradas durante uns días, pero non tiven grandes problemas. No caso da dermatose é moito peor, porque leva ao sacrificio obrigatorio de todo o gando, polo que habería que adoptar medidas preventivas e estar vixiantes do que está pasando noutros lugares para anticiparse.

A Administración debería poñer en marcha algún tipo de medida preventiva máis

Estas enfermidades ao final son un síntoma de algo que está pasando a nivel global. Imos ter que ter presente na nosa produción e no noso día a día como traballadores no agro a mudanza climática. E non somos aínda conscientes até que nivel.

Aquí este ano estámolo notando á hora de ensilar. Non para de chover e temos temperaturas baixas de 10 grados pola noite e a herba resíntese porque non medra. Todas estas enfermidades están relacionadas con iso, pero son cousas novidosas ás que o sector non se enfrontara nunca.

– Pensades que son desproporcionados os sacrificios masivos e os baleirados sanitarios ante a aparición dun caso positivo nunha granxa e que se debería modificar este criterio?
– Parécenos algo excesivo, sobre todo cando se trata dunha enfermidade que non se sabe a virulencia que vai ter nin como se vai desenvolver se chegase a Galicia. Xa pasa na tuberculose tamén, podes ter dous CEAs separados pero se das positivo nun, vanche a sacrificar toda a cabana.

Se a dermatose chegase a Galicia, sería unha estocada grande para o sector

Administrativamente iso pásache por enriba como un rodillo e tal como está a normativa, sería unha estocada grande para o sector. Temos no sector unha media de idade entre os titulares de explotación de 55 anos. Se che entra unha cousa destas, a inestabilidade emocional e económica fai pechar moitas granxas, porque moitas veces non te plantexas volver a recuperar a produción, porque é algo que non se fai dun día para outro, lévache 4 anos poder volver a vender o xato: 2 anos criar unha xovenca, 1 máis que paira e outro engordar e cebar o xato para vendelo.

“Os Plans de Mellora están deseñados para as explotacións intensivas e de maior tamaño”

VIANESAS DACOLA (Becerrea) Maria Osorio1– Cal é a función de granxas coma a túa, situadas en zonas da montaña de Lugo e Ourense ou do interior de Galicia?
– A nosa labor vai moito máis aló de producir carne, facemos un traballo de custodia e de xestión do territorio e se esta xestión non existe hai, incendios, hai monte, hai xestión caótica do medio e acaba por non haber ninguén.

Se este ecosistema de granxas pequenas desaparece, nestas zonas non queda nada, polo que é importante recoñecer o labor destas granxas pequenas e familiares, máis aló da produción sustentable de alimentos. Non só estamos producindo comida, senón mantendo a rede social e económica do rural. E as vilas están vivindo tamén desa economía.

– A nova PAC a partir de 2028 prima suficientemente esta labor ou temedes un recorte de fondos importante para as granxas en extensivo?
– Están ameazando cun recorte do segundo piar, que é onde se inclúen neste momento o groso dos fondos que reciben este tipo de granxas: axudas para zonas desfavorecidas e alta montaña, razas autóctonas, agroambientais, produción ecolóxica, etc. Todo iso é o que impacta realmente no noso sector.

Ademais, queren mandar os fondos da PAC cara un fondo multisectorial e nós defendemos que ten que haber un fondo específico para a produción de alimentos.

Pero a PAC é unha política fracasada, porque todos aqueles obxectivos que a PAC quere fomentar ou desenvolver non se cumpriron. Xusto se conseguiu o contrario: non se fixa poboación, non se respectan prezos, etc.

Moitas veces se impedimos que as persoas xubiladas sigan cobrando a PAC esa granxa pecha

Estamos demandando que se faga unha definición do que é traballador activo do rural e que as axudas non vaian ligadas á superficie e á extensión senón que vaian para quen realmente produce e vive no rural.

– Quere dicir iso que deixen de cobrar a PAC os xubilados?
– Moitas veces se impedimos que as persoas xubiladas sigan cobrando a PAC esa granxa pecha. Racionalizar eses fondos é complicado.

– Neste momento hai en Galicia unhas 15.000 granxas de vacún de carne. É inevitable unha reconversión do sector da carne como a que xa se deu no vacún de leite?
– O modelo de produción tradicional galego de pequenas granxas cumpriu a súa función. Ese modelo e esa base hai que modernizala e darlle proxección de futuro, non acabar con el. É un sector bastante competente, resiliente e solvente, pero se moitas desas granxas se achegan á xubilación sen relevo, ese modelo acábase.

A tendencia é a concentrar máis cabezas nun número cada vez menor de explotacións

Cal é o modelo que se nos ofrece no canto diso? A tendencia é a concentrar máis cabezas nun número cada vez menor de explotacións. O que queren é concentrar a produción en cebadoiros e nós opoñémonos.

– Relacionado con isto do relevo xeracional, que medidas habería que adoptar?
– Primeiro garantir rendibilidade e seguridade. Se hai perda de poder adquisitivo nestes traballos, a xente vai tirar cara outros sectores. A gandería é un traballo bastante vocacional e solitario e hai un nulo recoñecemento social desa labor de produción de alimentos e coidado do medio por parte da sociedade.

A nosa función como representantes é recoller as demandas das produtoras e produtores e mellorar a vida a nivel laboral e social, tratando de que nos acompañe a sociedade para que se recoñeza a importancia e a funcionalidade da nosa profesión.

– Teñen algunha posibilidade as ganderías de vacún de carne á hora acceder a Plans de Mellora competindo coas explotacións leiteiras dun maior tamaño?
– Non. Os Plans de Mellora e as Axudas de Incorporación están deseñadas para grandes explotacións. As granxas pequeniñas temos dificultades. Se partes de cero xa é imposible. Pídenche un crecemento da explotación que moitas veces non é posible neses prazos.

O modelo de granxa que se quere tamén se deseña nos despachos; os fondos sempre van orientados a explotacións de maior tamaño

As políticas públicas sempre se orientan a explotacións máis intensivas e de maior tamaño, embarcando ás persoas incorporadas en grandes investimentos en maquinaria ou instalacións. O modelo de granxa que se quere tamén se deseña nos despachos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información