Pasado un ano da sinatura do Acordo lácteo, é tempo de balances. Das opinións que trascenderon estes días, a do Ministerio é a máis positiva, en tanto as organizacións agrarias ven máis sombras que luces. A asociación Terra e Leite, creada para reivindicar a importancia estratéxica do sector lácteo galego, é tamén das que atisba poucos progresos na situación do sector. Nun texto publicado na súa web, Terra e Leite incide en que o Acordo lácteo non se está a materializar, no curto prazo, en melloras para os gandeiros.
“O Acordo non aportou nada ou moi pouco. Complicou a xestión da compra tanto para o gandeiro como para a industria, unha parte dos contratos segue a facerse por periodos moi curtos e segue habendo gandeiros sen contrato”, analizan desde a asociación. “En xeral o balance non é bo. A normativa publicada pola Administración conseguiu desvertebrar aínda máis a relación entre gandeiros e industrias, co agravante de deixar libre á distribución na súa estratexia”.
“A normativa desvertebrou aínda máis a relación gandeiro – industria, co agravante de deixar libre á distribución”
Os problemas de fondo da cadea láctea continúan sen afrontarse, segundo a visión de Terra e Leite. “O sector lácteo carece de estratexia e semella que se espera a que os problemas se resolvan sos. Os principais actores da cadea van por libre e as diferentes administracións públicas limítanse a capear o temporal”, valoran.
“Como xa dixemos no seu momento, é imprescindible dotar de transparencia á cadea de valor ao longo de todos os seus ellos, de tal xeito que, igual que coñecemos todo entre industrias e produtores, coñezamos tamén o prezo real que a distribución paga a industria, incluíndo cargos extras”, sinala a asociación na súa web, nun texto elaborado inicialmente para o xornal El Progreso.
“No ánimo de ver aspectos positivos, o seguemento do Acordo pode facilitar un marco de diálogo para os axentes do sector”
Terra e Leite conclúe que o Acordo polo de agora non tivo influencia no día a día das explotacións lácteas. “No ánimo de ver aspectos positivos, o seguemento do Acordo pode constituír un marco de diálogo entre os axentes do sector, e o feito de que se incorporara unha organización que non asinara inicialmente, a UPA, valorámolo positivamente”.
Perspectivas
En canto ás perspectivas do sector para os próximos meses, a asociación incide en que hai que esperar unha recuperación, tanto pola redución da oferta global de leite como pola suba dos prezos internacionais de materia graxa e proteína.
Terra e Leite enmarca a crise láctea en Galicia nun contexto global e sinala que a recuperación producirase de xeito global. “Os prezos en España están nos niveis de Europa. É máis, se comparamos con algúns países como Alemaña, Irlanda, Holanda ou Polonia temos un prezo superior. Estamos no nivel de Francia”.