O Acordo lácteo, bo rumbo, pouco gas

O sector valora de xeito positivo a folla de ruta marcada polo pacto que suscribiron hai un ano industrias, distribución, produtores e Ministerio; pero cuestiona a incertidume e inestabilidade que seguen a presidir o sector

O Acordo lácteo, bo rumbo, pouco gas

Reunión da comisión de seguemento do acordo lácteo na tarde de onte.

O primeiro ano do Acordo lácteo, suscrito en setembro do 2015 entre industrias, produtores, distribución e Ministerio de Agricultura, sáldase con un balance de luces e sombras. O sector gandeiro considera positiva a folla de ruta que establece o pacto, pero advirte de que son necesarios maiores avances. A formación dunha cadea de valor sostible desde a granxa ata o punto de venda final continúa a ser o principal reto, aínda sen resolver.

“Precisamos estabilidade. Non pode ser que no campo hai un mes ningunha industria che quería levar o leite e que agora anden pelexándose por el” -cuestiona Román Santalla, de Unións Agrarias-Upa.- “Temos un país no que a maior parte da produción emprégase en leite líquido e queixos, polo que hai marxe para ter un acordo interno que nos dea estabilidade a todas as partes e que non se vexa afectado pola volatilidade dos mercados internacionais”, reflexiona.

“Hai un mes non che quería o leite ninguén e agora andan pelexándose por el. Necesitamos máis estabilidade” (Román Santalla, Unións Agrarias)

Prezos de cesión da industria á distribución
Un dos puntos de conflicto do sector sitúase na contratación entre industrias e cadeas de supermercados. O Ministerio de Agricultura, tal e como comprometera no Acordo lácteo, está a recabar desde o pasado mes de xuño os datos dos prezos de cesión do leite entre industrias e distribución, de cara a analizar se hai cadeas de supermercados que están presionando á baixa os prezos, tal e como se denuncia desde o sector.

Os datos individualizados de cada grupo de distribución non poden trascender pola normativa de Competencia, se ben Agricultura anunciou a elaboración dun informe xenérico sobre a contratación entre industrias e distribución. O sector agarda a coñecelo e pide tamén a intervención do Ministerio para resolver os problemas que vaia detectando.

Agricultura xa dispón dos datos dos prezos de cesión do leite entre industria e distribución

“Agora que o leite comeza a subir no campo, o lóxico é que as cadeas de supermercados paguen máis por el, pero preguntei na comisión de seguemento do Acordo lácteo que tivemos onte e o Ministerio di que os prezos entre industria e distribución mantéñense estáticos” -apunta Santalla-.
“Se queremos unha cadea de valor sostible, ten que haber unha traslación de prezos ó longo de toda a cadea”.

Identificación da orixe
Outro foco de conflicto radica na identificación da orixe do leite e dos produtos lácteos. As organizacións agrarias avogan por unha identificación obrigatoria, a imaxe do que xa se está a facer en Francia, pero desde o Ministerio hai reticencias a esa obrigatoriedade e destácanse os avances na sinalización voluntaria. Hai un ano, os folletos promocionais dos supermercados só identificaban a orixe do 15% dos lácteos. Agora esa porcentaxe subiu ó 62%.

O Ministerio destaca que en España os prezos no campo caíron un 3% no último ano, cando a media na UE foi do 13%

O Ministerio de Agricultura, de todos os xeitos, traballa nun real decreto sobre a etiquetaxe dos lácteos que lle trasladará ó sector previsiblemente este outono.

Prezos no campo
O balance que se fai do primeiro ano do acordo lácteo por parte do Ministerio é máis positivo. Agricultura incide en que os prezos do leite no campo en España resistiron mellor a crise. En Europa, a caída media de prezos no último ano foi do 13%, en tanto en España a caída quedouse no 3%. Por primeira vez nos últimos anos, o prezo medio do leite en España sitúase por riba da media da Unión Europea, segundo destaca o Ministerio.

A redución das ofertas de leite a baixos prezos nas cadeas de distribución é outro dos logros sobre os que incide Agricultura.

O punto que si obtén a unanimidade de todos os axentes da cadea apunta á necesidade de impulsar campañas de promoción de consumo. Agricultura anunciou na reunión de onte unha campaña de consumo nas escolas que todo o sector coincidiu en considerar como positiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información