O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas remodelou a finais de novembro parte da súa dirección, elixindo a María Ferreiro, até agora responsable da Secretaría das Mulleres da organización, como nova secretaria xeral en substitución de Isabel Vilalba, que ostentara o cargo os últimos 13 anos.
María Ferreiro é titular dunha explotación de vacún de carne en Teixeiro, no concello coruñés de Curtis, e leva ligada ao SLG máis de 20 anos, con responsabilidades internas desde o ano 2012.
Agora, afronta esta nova etapa convencida da necesidade da autoorganización dos produtores e produtoras ante ameazas para o sector como a sinatura do acordo da Unión Europea cos países do Mercosur, a redución dos fondos da PAC ou o peche de granxas en Galicia por falta de relevo xeracional.
– Accedes á secretaría xeral dunha organización con máis de medio século de vida. Supón isto unha responsabilidade engadida?
– En certa medida si. O Sindicato Labrego nace no 1973 na época aínda da clandestinidade, polo que fixo 50 anos no 2023, cumprindo medio século de vida e historia. Ocupar este cargo avalada por unha organización de tantos anos supón un respaldo fundamental pero tamén unha responsabilidade.
O Sindicato Labrego nace naquel momento pola necesidade de autoorganización das persoas labregas e esa autoorganización, reivindicación e defensa segue sendo unha das tarefas 52 anos despois.
– Nos últimos anos en distintos sectores, como o leite ou a carne, teñen aparecido distintas organizacións cunha mentalidade dos produtores quizais máis empresarial e que cuestionan o papel dos sindicatos tradicionais. Están en crise?
– É un discurso moi doado tentar desprestixiar aos sindicatos e introducir a idea na sociedade de que están en crise. Con iso estase introducindo un discurso moi claro do sistema porque canto a xente máis individualizada estea, ou menos organizada, máis doado despois é aplicar políticas que non teñen nada que ver cunha gran parte do sector e máis ben benefician a grandes grupos comerciais e transnacionais.
Os sindicatos non están en crise pero temos que ver novas formas de organizarnos para seguir construíndo camiño
Os sindicatos non están en crise e eu creo que do que podemos falar é de como seguimos construíndo camiño. Non ten moito que ver a situación do ano 1973 coa do ano 1980 ou 1990 e moito menos coa de hoxe en día. Por iso, temos que ver como afrontamos as novas formas de organizarnos.
– No espectro nacionalista, o SLG convive coa Fruga. Ves factible nalgún momento unha reunificación?
– O Sindicato Labrego ten unha traxectoria e toda unha bagaxe durante estes 50 anos, durante os cales, en determinados momentos, ten feito actividades e tecido alianzas con diversidade de colectivos. Nós, como organización soberana e autónoma que somos, iremos vendo e avaliando o que se vaia dando no futuro. Non é algo que agora mesmo estea sobre a mesa como unha necesidade ou unha demanda, pero haberá que ir vendo os tempos e os momentos.
– Os produtores de Ourense iniciaron mobilizacións contra o Mercosur, das que os sindicatos e outras organizacións vos mantivestes á marxe ó comezo. Por que?
– O SLG plantexa a súa propia folla de ruta pero iranse vendo todos os contactos ou alianzas que poidan xurdir en función de como evolucione a situación. Nunha reunión urxente o mércores 7 de xaneiro pola tarde a Dirección Nacional do Sindicato Labrego, ante a premura e os rumores de sinatura do acordo de Mercosur o luns 12, decidiu plantexar un acto na Coruña ese mesmo día. Por unha parte, por estar alí a Delegación do Goberno e estar o Goberno español e o ministro Luis Planas avalando e apostando por que este acordo se asine. Doutra banda, tamén por estar a carón do porto de Coruña, despois de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ofrecese os portos galegos para a entrada das mercadorías prodecentes do Mercosur logo deste acordo.
– Dis que tratados coma o do Mercosur son unha ameaza para a soberanía alimentaria de Europa. Cales serían as súas consecuencias?
– Seria moi negativo. Non é un acordo que apareza agora, da nada, senón que xa vén do ano 1999, pero que por diferentes motivos se foi adiando e non foi para adiante. Pero agora volveron a poñelo nas mesas de negociación e na axenda política. Nese acordo entran outros moitos intereses estruturais e xeopolíticos e a alimentación sempre se pon como moeda de cambio.
No acordo con Mercosur entran outros moitos intereses estruturais e xeopolíticos e a alimentación sempre se pon como moeda de cambio
Sería un acordo nefasto para o sector. Para a agricultura e ganderías galegas non aporta nada en positivo, senón todo o contrario. O que faría sería inundar o noso sector de producións doutros países con ningún ou moi poucos aranceis para a súa chegada e con importacións obrigatorias. Como consecuencia teriamos unha baixada importante dos prezos que nós obtemos polo que producimos.
Sería prexudicial para os labregos e labregas galegas e tamén para os produtores a nivel europeo. Permitiría a entrada masiva de produtos doutros territorios que teñen capacidade produtiva, con grandes producións industriais que están xa orientadas cara á exportación, que non é a realidade galega e a doutros moitos territorios da UE. Non estariamos competindo en igualdade de condicións en normativas medioambientais, sanitarias, de uso de praguicidas, condicións sociais, etc.
– En canto á nova PAC 2028-2034, deberían seguir cobrando axudas as persoas xubiladas?
– A nosa primeira análise da proposta da PAC e dos anuncios que fixo a Comisión Europea é negativa. O marco financeiro diminúe no global entre un 20 e un 22%, despois estará ver como se reparte, pero que baixe o orzamento global xa é algo negativo. A Política Agraria era unha política europea consolidada pero a vindeira PAC deixa de ter un pouco este marco e ese concepto.
Na vindeira PAC a política agraria perde o carácter de política estratéxica para Europa
O que producimos son alimentos e nós entendemos a alimentación como un dereito básico e universal que todos e todas deberiamos ter garantido, polo que un retroceso neste camiño preocúpanos.
Sobre o tema concreto dos xubilados, para nós as axudas sempre deben ir ligadas ás persoas que están producindo, polo tanto, ligadas ao mantemento dunha actividade e ao coidando o medio. Tanto que se fala de manter un medio rural vivo, pois iso só se logra con proxectos agrarios, gandeiros e de persoas. É dicir, as axudas, tanto as da PAC como as doutro tipo, sempre deben ir ligadas a que se manteña unha actividade produtiva.
As axudas da PAC deberían ir ligadas ás persoas que están producindo, ao mantemento dunha actividade e ao coidado do medio
– A produción agraria galega segue moi centrada na produción de leite e de carne de vacún, mentres somos deficitarios en produción de horta, por exemplo. Habería que diversificar para non ser tan dependentes dos alimentos que veñen de fóra?
– En liñas xerais, e polas características que ten o territorio no que estamos, danse condicións para ter case todos os tipos de producións e temos que ir camiñando cara outro tipo de producións máis diversificadas.
Pero hai unha dificultade, que moitas veces son os programas de axudas, nas que tes que escoller unha orientación produtiva principal, onde tes que fixar todos os teus esforzos e a túa aposta ao incorporarte.
Deberiamos camiñar cara outro modelo, o da diversificación, a transformación e a venda en mercados directos aos consumidores
Pero a pregunta é por que non podemos camiñar cara outra diversificación e a implantación doutros modelos, por exemplo cara a transformación, para dar valor ao que producimos, ou o acceso a mercados máis directos cos consumidores. Por que non podemos camiñar cara unha compra pública se temos escolas, centros de maiores, hospitais onde todo o que se consuma ou unha parte poida ser mercado directamente a produtores locais?
– Cales son os principais retos aos que se enfrontan as granxas galegas neste momento?
– O Mercosur aínda o podemos ver como algo lonxano, pero de ir para diante suporía a entrada masiva de alimentos, e que a produción deixe de considerarse unha política central da UE na nova PAC tamén é moi preocupante, pero a nivel xeral o peche de granxas é quizais o principal reto actual en Galicia. Afecta a todos os sectores: vacún de leite, vacún de carne, ao sector da horta, viño, etc.
As granxas de leite baixaron este ano das 5.000. Son datos que nos deberían poñer a pensar e a actuar porque as perspectivas de futuro aínda son peores. De cada 10 persoas que se xubilan só 3 acceden ao sector e zonas que queden poboación poden non ter xa un posible retorno.
– En canto ao relevo xeracional. Están ben enfocadas as medidas ou, pola contra, están a ser pouco efectivas para atraer a mozos e mozas ao sector?
– Os trámites, prazos e burocracia non axudan, senón que son un atranco. Hai unha cuestión que sería simplemente de vontade: as axudas de incorporación deberían estar abertas todo o ano ou, cando menos, máis tempo. Noutros territorios xa o fan.
En Galicia o prazo de solicitude é só dun mes e nunca se sabe moi ben cando van saír. O ano pasado saíron en pleno verán. Son axudas de certa complexidade e o prazo é moi escaso porque estás elaborando un proxecto produtivo pero tamén de vida e son infinidade de cousas que tes que decidir. E logo case un ano para saber se tes a aprobación ou non e nese tempo non podes iniciar o proxecto.
Os trámites, os prazos e a burocracia non axudan á incorporación de mozos e mozas
Despois está a cuestión dos cumprimentos. É certo que ten que haber control, porque son cartos públicos e hai que saber para onde van, pero ten que haber certa flexibilidade á hora de cumprir os requisitos, porque no prazo de 2 anos acadar todos os criterios de viabilidade esixidos empezando de cero ás veces é complicado.
– Pensas que as axudas de incorporación e os Plans de Mellora se deberían enfocar cara ás granxas máis pequenas para lograr o seu redimensionamento fronte ás grandes explotacións?
– Para nós esa é unha das problemáticas importantes. Na convocatoria de fai dous anos moitísimos expedientes quedaron fóra porque só 30 expedientes leváronse case todo o orzamento e quedaron fóra moitas outras explotacións máis pequenas. Cremos que quen vai a un investimento de 1 millón de euros ten que ter capacidade de investimento por si só, sen ter que recorrer a investimento público.
Os criterios de reparto dos Plans de Mellora deberían buscar chegar ao maior número de beneficiarios e non que as axudas se concentren nunhas poucas granxas moi grandes
Moitas veces ese investimento pídese para pasar de 500 a 800 vacas. Estariamos dacordo se fose para adaptarse a cuestións medioambientais pero non para seguir medrando indefinidamente. Canta poboación máis vai fixar ese investimento nese entorno rural? Un empregado ou dous máis.
Os criterios e o reparto deberían ser doutro xeito e buscar chegar sempre ao maior número de persoas e non concentrar as axudas en poucos beneficiarios.
– Antes de ostentar o cargo de secretaria xeral do SLG, nos últimos 13 anos eras xa a responsable da secretaría das Mulleres. O peso feminino sempre foi fundamental nas casas de labranza galegas pero estivo, en certa medida, invisibilizado. Houbo avances?
– Avances houbo pero por desgraza non todos os necesarios e aínda queda camiño por facer. O propio Plan Estratéxico que se elaborou para a PAC actual fala de máis de 50.000 mulleres que traballan en explotacións agrogandeiras en España que poderían ser beneficiarias da titularidade compartida.
O dato fala por sí mesmo: só 1.500 mulleres, 56 delas galegas, accederon á titularidade compartida desde o ano 2012 das 50.000 posibles: o dato fala por si mesmo
A propia lei cando se aprobou no ano 2011 falaba de 60.000 mulleres traballando en explotacións, das que 30.000 poderían ser galegas. Desde entón só accederon á titularidade compartida 1.500 a nivel estatal, das que 56 son galegas. O dato fala por el mesmo. A lei entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2012, van aló xa 14 anos. Por que non se aplican medidas para reverter esta situación á vista de que a lei non funcionou como tiña que funcionar?
Necesitamos visibilizar e que todas esas mulleres teñan dereitos e estean de alta nas cotizacións e na toma de decisións. Cando se pide algo tan xusto como é que todas e todos teñamos os mesmos dereitos e a mesma consideración non faría falta estalo pedindo e reivindicando todos os anos. Quédanos un camiño por facer de consolidación de todos eses dereitos.
“No 2021 falábase de que un terzo da superficie total de Galicia fose terra agraria, pero estamos moi lonxe diso”

María Ferreiro, na súa granxa de vacún de carne en Teixeiro (Curtis)
– A dermatose nodular contaxiosa supón un risco evidente para a cabana gandeira de vacún, tanto de leite coma de carne. Son dabondo as medidas establecidas até o momento?
– Para nós, este é outro dos temas preocupantes para o sector neste momento. Cando asumín a responsabilidade da secretaría xeral foi xusto a semana na que saltou a peste porcina. Cando aparece unha nova enfermidade saltan todos os medos e preocupacións, primeiro a que chegue ao teu territorio, e despois está tamén o medo á influenza no mercado e nos prezos.
O que pedimos no seu momento con respecto á dermatose foi que, dada a complexidade da enfermidade e as consecuencias de chegar ao noso territorio, se reunira o sector con urxencia. Desde a Xunta tardouse máis dun mes en reunir ao sector e darlle directrices.
Non pasa nada ou pode ser un mal menor que se pechen determinados mercados ou se prohiba o movemento de animais con determinadas zonas. Cos movementos de gando e a globalización hoxe unha enfermidade está en Francia e ao día seguinte está aquí.
Valoramos de xeito negativo a xestión da Conselleira porque sempre demandamos que haxa unha canle directa de información co sector
Somos partidarios de paralizar os movementos e non permitilos durante un tempo até que haxa seguridade e un menor nivel de risco, aínda que o risco cero non existe. Se pola falta de medidas pode chegar a producirse un contaxio aquí, entón si que teriamos un problema maior.
– A nova conselleira do Medio Rural leva xa ano e medio no cargo. Como valoras a súa xestión?
– Valorámola como bastante negativa. Por unha parte denunciamos a principios do mes de novembro que en todo o ano non se reunira o Consello Agrario Galego, cando é un órgano oficial lexislado por unha norma do ano 2006 que tería que reunirse de xeito ordinario 4 veces ao ano. Con esta conselleira aínda non se reunira nin unha soa vez e a raíz da nosa queixa xuntouno un día á 1 da tarde como un mero trámite, sabendo que ás 2 e media tiña que abandonar a reunión porque se ía para unha inauguración. Con dous temas moi importantes sobre a mesa, como a PAC ou as enfermidades. Reuniunos pero non escoitou ao sector.
Demandamos unha conselleira que se poña ao servizo da xente e en contacto directo co sector e as súas problemáticas. Acordouse crear un grupo de traballo da PAC e aínda estamos agardando que se cree e a que nos convoquen.
– Recentemente producíronse cambios na Consellería no ámbito da xestión forestal e dos incendios. A que cres que se deben?
– Á crise dos incendios deste verán. Poderiamos dicir moitas cousas en canto á xestión e á ocultación de datos de lumes e hectáreas queimadas que houbo. Penso que por aí poden vir derivados algúns dos cambios. Pero máis alá dos nomes concretos, o que se demanda é un cambio de políticas agrarias e forestais. Se o camiño é o mesmo, de pouco vale o cambio de nomes.
Se o camiño é o mesmo, de pouco vale o cambio de nomes que se acaba de producir na xestión forestal da Consellería
– Citabas a falta de terra como un dos problemas actuais. Que opinas das condicións da prórroga na moratoria ao eucalipto?
– Aínda que a mobilidade de terras é un tema complexo que non se pode achacar a unha soa cuestión, a proliferación do eucalipto está directamente relacionado co acceso á terra de moitas granxas.
Vemos que a superficie agraria útil de Galicia baixa e que para nada estamos na media doutros países cos que ás veces nos comparamos, como pode ser Francia, onde a terra se protexe.
Cando se aprobou a Lei de Recuperación da Terra Agraria fixouse o obxectivo de acadar que un terzo da superficie galega fose terra agraria, pero estamos moi lonxe diso. Para que haxa un medio rural vivo, ten que haber acceso á terra e que non haxa terra abandonada.
Cando a terra queda abandonada, inmediatamente aparecen proxectos mineiros, eólicos ou de plantación de eucaliptos
Nesas zonas aparecen inmediatamente proxectos mineiros e eólicos. Parece unha consecuencia directa. Primeiro a xente vai abandonando e pouco despois, como quedou abandonado o territorio, aparece un proxecto destes.
E co tema dos eucaliptos pasa un pouco o mesmo. Habendo unha lei que prohibe especificamente a forestación de terras agrarias vemos que se consinte e se tolera. O mínimo é que as leis se cumpran.
Galego









Control OJD