Un verán máis, sucédense en Galicia os incendios nos que se declara a situación 2 de alerta, é dicir aqueles lumes que poñen en perigo vivendas e núcleos de poboación. Os últimos, estes días en Ponteareas e Moaña (Pontevedra). O de Moaña mesmo obrigou onte a cortar a autovía do Morrazo, pois as lapas chegaron á beiravía e o fume invadiu a calzada.
Así as cousas, repasamos a normativa forestal sobre distancias e outros criterios de prevención e xestión, que ata o de agora tiveron máis éxito no papel que na práctica. A dimensión do monte en Galicia (2 millóns de hectáreas), unida á existencia de 30.000 núcleos de poboación, ó minifundio e ó envellecemento e despoboación do interior galego, complican a xestión do territorio.
Galicia conta desde o 2007 cunha normativa de prevención de incendios, se ben, os criterios endurecéronse a partir do 2018, trala vaga de lumes do 2017, que deixara máis de 150 vivendas afectadas. Este 2022 volveron repetirse as escenas de aldeas queimadas ou ameazadas, en especial nos incendios de xullo do Courel e Valdeorras.
- Distancia do monte a vivendas e núcleos de poboación. Arredor do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable debe manterse unha franxa de 50 metros rozada e libre de piñeiros, eucaliptos e acacias. Esta franxa de 50 metros ten que respetarse tamén en teoría arredor de campings, gasolineiras e parques industriais.
Na franxa de 50 metros poden manterse frondosas caducifolias (carballos, bidueiros, castiñeiros, etc.), que só deben gardar unha separación de 2 metros co solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable. - Prazos de xestión da biomasa. A xestión da biomasa deberá realizarse antes do 31 de maio cada ano e en caso de ser requirido, o propietario dispón por Lei dun prazo de 15 días prorrogable en casos debidamente xustificados. A obriga de rozar o terreo é do propietario e poderá contratalo ou elixir o sistema que considere oportuno.
En caso de que o propietario non responda ó requerimento da Administración, esta poderá executar as rozas e cortas de xeito subsidiario, cargándolle os custos ó propietario.
- Distancia do monte a solo agrario. En solos de especial protección agropecuaria, o arborado ten que manter unha distancia de 10 metros, en tanto nos labradíos que non sexan de especial protección agraria, as frondosas poderán estar a 4 metros.
- Xestión do monte arredor de instalacións eléctricas. A normativa establece que o propietario forestal ten que manter rozados 200 metros de perímetro arredor de cada aeroxenerador eólico, unha cuestión que suscitou no seu momento as críticas das asociacións forestais, que entenden que este criterio é especialmente gravoso para os propietarios. Tamén deben xestionar en teoría unha franxa de 5 metros paralela ós tendidos eléctricos.
- Xestión do mato e do arborado arredor de vivendas fóra de ordenación. A normativa de prevención de incendios no caso das edificacións fóra de ordenación, feitas sen licenza, establecía ata o 2018 que era responsabilidade do propietario da construcción a xestión da biomasa arredor da súa edificación. Para esa xestión, o propietario tiña servidume de paso ás fincas colindantes, co obxectivo de poder facer as rozas pertinentes. No caso de que houbese que facer unha corta de árbores, esta tiña que ser feita pola persoa propietaria do terreo, podendo requerirlle o correspondente lucro cesante (compensación) ó titular da vivenda.
Desde xaneiro do 2019, establecéuse que, de acordo co artigo 153 da Lei do Solo 2/2016, a situación cambiará transcorridos seis anos desde a finalización das obras da edificación que estea fóra de ordenación. Ese prazo de seis anos é o tempo que ten o Concello correspondente para incoar un expediente de reposición da legalidade. Pasado ese prazo, a obriga da xestión da biomasa corresponderalle ó propietario das parcelas forestais próximas á edificación. - Distancia de novas edificacións ó monte. Outro caso é o das novas edificacións con licenza que non gardan a distancia de 50 metros a masas arboradas de piñeiros ou eucaliptos. Nos últimos anos, déronse casos de Concellos que se negaron a actuar ante estas situacións, pois entendían que o arborado era anterior á presenza da edificación. Outra cuestión é por que se lle concedeu a licenza a esas construccións se non cumprían coa obriga de “asegurar a existencia dunha franxa perimetral de protección”, tal e como establece a lei.
- Forestación de terras agrarias. Só poderán cambiar de uso os terreos agrícolas en solo rústico que leven máis de dez anos en estado de manifesto abandono e que posteriormente se adscribisen ao Banco de Terras de Galicia, consonte os prezos de arrendamento de referencia oficiais, por un período de polo menos dous anos. Pasado ese prazo, poderanse forestar sempre que estean nun destes supostos:
– Que estremen con terreos forestais, cando se utilicen frondosas caducifolias.– Que constitúan enclaves de ata 5 hectáreas en superficie arborada, utilizando frondosas caducifolias.
- Novas plantacións de eucaliptos. O eucalipto está vetado en terras agrarias e masas de frondosas caducifolias, en tanto nas zonas de Rede Natura non pode aumentar a súa actual distribución. Desde o ano pasado, prohíbese tamén sustituír masas de piñeiro ou zonas de monte raso con plantacións de eucalipto.
Igualmente, a especie está vetada en montes públicos ou de xestión pública (montes veciñais conveniados).
Piel de gallina 🙏 (Moaña) pic.twitter.com/3ZFMTND8cw
— MORRAZO (@morrazzo) August 22, 2022
O Consello de Ministros declara as zonas afectadas por emerxencias de protección civil
Dadas as graves perdas provocadas este ano polo lume en todo o país, o Consello de Ministros acordou a declaración de zona catastrófica para os incendios rexistrados este verán na maioría de comunidades. En virtude desa declaración, o Goberno habilitará as seguintes axudas, complementarias ás das Administracións autonómicas e municipais.
• Axudas por destrución total da vivenda habitual ata unha contía máxima de 15.120 euros.
• Axudas por danos que afecten á estrutura da vivenda habitual, ata o 50 por cento da súa valoración técnica e cun límite de 10.320 euros.
• Axudas por danos que non afecten á estrutura da vivenda habitual, ata o 50 por cento da súa valoración técnica e cun límite de 5.160 euros.
• Axudas por destrución ou danos nos bens domésticos de primeira necesidade da vivenda habitual, para a súa reposición ou reparación, cun límite de 2.580 euros.
• Axudas por danos en elementos comúns de uso xeral dunha comunidade de propietarios en réxime de propiedade horizontal, ata o 50 por cento da valoración técnica efectuada polo Consorcio de Compensación de Seguros e cun límite de 9.224 euros.
• Axudas a persoas físicas ou xurídicas que realizasen prestacións persoais e de bens: o importe total dos gastos.
• Axudas aos titulares de establecementos industriais, mercantís e de servizos, incluídos os agrarios, marítimo-pesqueiros e turísticos: ata 9.224 euros.
Tamén se prevé que se poidan habilitar, por parte dos Ministerios correspondentes, exencións no IAE, no IBI e bonificacións da Seguridade Social para persoas e empresas afectadas. Igualmente, o Consello de Ministros decidiu apoiar ós Concellos na reposición de instalacións e equipamentos municipais danados polo lume.