“O 90% de Mazaricos depende do sector lácteo, sen el non hai futuro”

Entrevista a Juan José Blanco, alcalde de Mazaricos (A Coruña), o concello galego máis dependente do sector lácteo. Con apoio municipal ven de constituírse a Asociación de Gandeiros de Mazaricos, a primeira que crea a nivel de concello en Galicia.

“O 90% de Mazaricos depende do sector lácteo, sen el non hai futuro”

Juan José Blanco, alcalde de Mazaricos

O peregrino que fai o camiño de Santiago ata Fisterra sorpréndese ao pasar por Mazaricos pola súa campiña perfectamente coidada, que se asemella máis a un paisaxe agrícola de Francia ou de Alemaña que ao abandono que sofren amplas zonas rurais de Galicia. A clave deste rural vivo é o leite, con máis de 360 explotacións gandeiras para un concello de 4.200 habitantes.

E é que Mazaricos, como outros concellos galegos, vive case en exclusiva das explotacións gandeiras, que permiten que a xente moza non emigre do medio rural. Por iso, cando como agora, o prezo do leite cae por debaixo dos custos de produción ou cando as industrias lácteas ameazan aos gandeiros con deixarlles de recoller o leite, o que está en xogo é futuro do propio concello, dos seus habitantes.

Para apoiar ao sector, o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, ven de impulsar a creación da Asociación de Gandeiros de Mazaricos, a primeira que se constitúe a nivel municipal en Galicia.

¿Que foi o que levou ao concello a impulsar a constitución da asociación Gandeiros de Mazaricos?
Decidimos impulsar esta asociación para darlle apoio aos gandeiros, tendo en conta que Mazaricos é un concello altamente dependente do sector lácteo.

Temos que ter en conta que somos un concello de 4.200 habitantes con 360 explotacións gandeiras. Se calculamos que en cada explotación traballan entre 3 e 4 persoas podemos concluír que o 75% da poboación activa de Mazaricos traballa no sector gandeiro, e o 25% restante dedícase ao sector servizos, talleres…etc, que tamén dependen indirectamente do sector lácteo. Somos o concello de Galicia que máis depende do sector lácteo, polo que se non apoiamos aos gandeiros Mazaricos non ten futuro.

¿Cales son os obxectivos desta asociación?
O gran problema dos gandeiros en Galicia é a súa falta de unión e o que pretendemos con esta iniciativa é, a nivel municipal, unilos nunha asociación por riba de siglas partidarias ou sindicais para, co apoio do concello, intentar mellorar a súa situación.

É certo que dende o noso concello non podemos concederlles axudas porque non temos capacidade económica para iso, pero si podemos asesoralos xuridicamente para constituír a asociación Gandeiros de Mazaricos, ou apoialos para acceder a cursos de formación, para trasladar as súas reivindicacións a outras administracións…etc.

Tratándose o Xallas dunha das comarcas con produción láctea de Galicia, ¿Segue habendo falta de cursos de formación para os gandeiros?
Os nosos gandeiros son xente que fixo os deberes, que se formou e que ten unha alta cualificación para xestionar as súas explotacións. Pero tamén é certo que a gandería de leite esixe nestes momentos unha formación continua.

Sen embargo, vemos que, por parte da Xunta, non hai un achegamento da formación ás zonas gandeiras. Así, non se entende que os nosos gandeiros teñan que desprazarse ata Silleda ou ata Bergondo para facer un curso de fitosanitarios ou que a ITV para os tractores veñan a pasala ao noso concello no mes de maio, xusto cando os gandeiros teñen máis traballo coas máquinas nas labores agrícolas. Isto leva a que haxa tractores sen pasar a ITV. A administración debe adaptarse ao gandeiro e non ao revés.

 “Non hai un achegamento da formación ás zonas gandeiras”

Neste sentido, unha das primeiras medidas que ten previsto poñer en marcha a plataforma é solicitar a homologación necesaria para que na localidade se impartan actividades formativas, como as de capacitación agraria, benestar animal ou aplicador de produtos fitosanitarios.

¿Cando empezará a traballar a asociación?
A asociación Gandeiros de Mazaricos xa está constituída e acabamos de enviar os estatutos á Xunta para o seu rexistro e autorización. Agardamos que nun prazo máximo de dous meses xa estea oficialmente rexistrada. Neste momento preto de 200 explotacións gandeiros de Mazaricos xa se uniron á asociación e agardamos que dentro de dous meses logremos que se apunte o 100%.

A principios do 2016 está prevista a celebración dunha asemblea ordinaria na que se convocarán eleccións e na que se elixirán os membros da xunta directiva para os seguintes catro anos. Ata daquela, o o presidente da entidade será Óscar Blanco Riveiro, un gandeiro mozo do lugar de Lago.

¿Como estades a notar no concello a crise de prezos do leite?
Dende o concello queremos estar ao lado dos nosos gandeiros, apoiándoos. Como cidadán, non como político, vexo que tanto a Xunta como o Ministerio están dándolle esquinazo aos gandeiros, minimizado a difícil situación na que se atopan moitas explotacións, e así non se resolven os problemas.

“Como cidadán paréceme que Xunta e Ministerio están dándolle esquinazo aos nosos gandeiros”

Que tomen nota de Francia, onde tanto o presidente como o ministro se poñen ao fronte do problema, conseguen sentar a negociar a todas as partes e logran solucións reais.

¿Consideras que esta asociación de gandeiros pode ser extrapolable a outros concellos de Galicia?
Desde logo que si. Non é o mesmo ter 360 explotacións sen organizar, onde para poder convocalas a todas para un curso sexa moi difícil, que ter unha asociación, cunha base de datos onde dándolle a un click xa lles envías un correo ou unha mensaxe para avisalos dun curso ou dunha convocatoria.
A asociación permitirá estar en contacto directo con todos os gandeiros e, dende o concello, ofrecerlles a todos por igual axuda e información.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información