Leanne Aantjes é investigadora e profesora de Xestión de Pastos e Ciencia do Pastoreo en Aeres Hogeschool, en Dronten, Holanda, un país que está a recuperar o pastoreo para as gandarías de vacún de leite, pola crecente demanda dos consumidores de produtos lácteos con benestar animal e respectuosos co medioambiente.
Ademais de profesora, Leanne tamén traballa na súa gandaría familiar, onde conta con 100 vacas en muxido, das que 85 son Holstein Roxa e 15 Holtein Negra, xunto a 120 ovellas para produción de carne.
O pasado mes de xuño visitou Galicia xunto a 17 estudantes holandeses para coñecer como traballan as explotacións lácteas da comunidade.
Como che empezou a interesar a gandaría e o estudo do pastoreo en particular?
Nacín nunha granxa leiteira e desde moi nova tiven interese polo gando. Posteriormente orientei a miña formación cara ao sector e licencieime en gandaría leiteira na Universidade de Ciencias Aplicadas de Aeres, para posteriormente continuar os meus estudos de máster en Administración, Economía e Estudos do Consumidor na Universidade de Wageningen. No futuro gustaríame tomar o relevo na granxa leiteira dos meus pais.
Desde hai dous anos traballo na Universidade de Ciencias Aplicadas de Aeres como investigadora e profesora en pasteiros, pastoreo e produción de forraxe.
Como avanza a implementación da Convención de Weidegang nos Países Baixos? Cantas vacas están a pastar e cales son os obxectivos?
A Convención de Pastoreo ten como obxectivo estabilizar a porcentaxe de granxas leiteiras nos Países Baixos que practican o pastoreo, en descenso nas últimas décadas a favor dun modelo de estabulación intensiva. Asi, despois dun período de diminución, a porcentaxe agora aumentou novamente, de forma que en 2018 o 82% das granxas holandesas de vacún de leite xa practicaban pastoreo, o que está moi por riba do obxectivo do 81,2%.
Por que se está volvendo a levar as vacas a pacer nos Países Baixos?
Os gandeiros recoñecen cada vez máis os beneficios de volver ao pastoreo, non só desde o punto de vista ambiental ou de benestar animal, senón que tamén ven o valor económico que achega. Isto débese á prima de pastoreo que ofrece a industria láctea en Holanda -uns 1,5 céntimos por litro-, pero tamén ao saber tradicional de bo manexo do pasto que, con técnicas modernas, conduce a mellores resultados económicos.
Porén, en países como Estados Unidos ou Alemaña, cada vez o gando leiteiro sae menos a pacer. Cales crees que serán as tendencias nos próximos anos?
Nos Países Baixos o pastoreo aumentará aínda máis nos próximos anos, aínda que é certo que só lixeiramente, xa que para algunhas granxas o pastoreo é imposible (por exemplo, debido ao feito de que teñen unha pequena base territorial de pradarías preto do establo). Nos Estados Unidos, a porcentaxe de pastoreo é baixa e seguirá sendo minoritario. Tamén é certo que na maioría dos países do noroeste de Europa, a porcentaxe de pastoreo está a diminuír.
Sen embargo, nalgúns países prodúcense tendencias de volta ao pasto, como nos Países Baixos, pero tamén por exemplo en Alemaña, onde recentemente varias organizacións asinaron unha carta de pastoreo co obxectivo de aumentar esta práctica.
Hai expertos que consideran que o pastoreo é menos eficiente que o sistema intensivo con ración unifeed e vacas estabuladas, ademais de que non permite unha alta produción de leite. Que dirías?
Esta pregunta ten dous aspectos importantes. Por unha banda, se o gandeiro opta por realizar o maior pastoreo posible, haberá unha posibilidade de diminuír a produción de leite por vaca, pero doutra banda, tamén é posible reducir o custo da alimentación, polo que a rendibilidade económica da granxa non ten por que baixar.
Doutra banda, se a granxa ten unha produción realmente alta de leite por vaca e gustaríalle mantela, moitos agricultores elixen un mínimo de 6 horas de pastoreo en 120 días ao ano. Isto daralles a oportunidade de seguir alimentando o gando con ración unifeed ou outros alimentos no establo. Tamén en días realmente húmidos ou cálidos poden optar por manter ás vacas na corte. Neste caso, a produción anual de leite será bastante estable na maioría das situacións.
Cales son as principais dificultades ou obstáculos para implementar o Convenant Weidegang?
O Convenant Weidegang baséase en que moitas organizacións acordan un plan cada ano sobre o que farán para estimular o pastoreo nas súas áreas específicas de traballo. Desta forma, anualmente redáctase un informe sobre os obxectivos alcanzados e o que fixeron no último ano. Así, visualízase como as organizacións progresan para lograr estes obxectivos de pastoreo.
“No acordo dos pastos de Holanda cada ano fíxanse uns obxectivos para cada parte e compróbase a súa evolución”
Como profesora de Pastoral Management e Pastoral Science en Aeres Hogeschool Dronten, é difícil para os gandeiros volver ao pastoreo? Onde están os principais problemas?
O meu traballo consiste máis ben en informar os estudantes sobre o pastoreo e o o seu manexo, así como das vantaxes que achega. Se se senten cómodos co manexo do pastoreo, será máis fácil de implementar na súa propia granxa. Tamén trato de facer moitos cálculos económicos para que os estudantes poidan ver que a miúdo é unha boa opción para aumentar a rendibilidade.
Cal é a diferenza de leite producido polo pastoreo?
Realizáronse algunhas investigacións sobre o pastoreo e a calidade do leite. Nos Países Baixos, o leite de pastoreo ten éxito de vendas fundamentalmente porque os consumidores valoran o benestar animal e que os gandeiros manteñan a imaxe dos Países Baixos como unha terra de vacas pacendo felices. En canto ás propiedades, para a produción de queixo e manteiga, o leite de pasto ten un sabor diferente e afírmase que é máis “suave”.
“Gran parte do leite e as sobremesas dispoñibles nos supermercados de Holanda xa son leite de pastoreo”
O Weidegang Convenant require que as vacas estean polo menos 120 días ao ano ou 6 horas ao día no pasto, pero non se menciona a porcentaxe de materia seca para alimentar a unha vaca que ten que pacer. Non é o Convenant Weidegang só unha medida de mercadotecnia?
É certo que só o tempo de pastoreo é importante, máis ben por benestar animal. Non obstante, a inxesta de materia seca pastada, e a porcentaxe que debe supor sobre a ración total, non se menciona como medida para este programa.
Como están a responder o mercado e os consumidores ao acordo de pastoreo?
Gran parte do leite e as sobremesas dispoñibles nos supermercados de Holanda xa son leite de pastoreo. O consumidor ten máis opcións, pero cada vez menos porque aos supermercados gústalles pór en valor a súa imaxe anunciando que só venderán produtos amigables cos animais. A Convención de Weidegang non é específica para os consumidores, senón máis para os gandeiros e para alcanzar a meta da porcentaxe de pastoreo.