
O alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro, durante a reunión mantida coa conselleira María José Gómez
O alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro, reuniuse este mércores coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que puxo en valor que preto do 80% do territorio municipal da Pastoriza está concentrado. En total, son 21 as parcelarias rematadas neste concello, que, en conxunto, abranguen unha superficie de case 14.000 hectáreas, dentro dun termo municipal de algo máis de 17.500.
Na reunión avaliáronse estes datos, que evidencian a clara vocación agrogandeira dunha localidade que se sitúa nos primeiros lugares dentro de Galicia en produción de leite e en número de explotacións gandeiras de vacún.
A reunión serviu tamén para reforzar a colaboración entre a Consellería e o Concello en materia de mellora de infraestruturas e camiños rurais. Cómpre lembrar, neste sentido, que A Pastoriza recibirá preto de 81.000 euros ao abeiro do Plan Camiña Rural para as anualidades de 2025 e 2026. Con esta achega, o orzamento destinado pola Xunta desde o ano 2020 para a construción e mellora de infraestruturas rurais neste municipio supera os 700.000 euros.
A Pastoriza recibirá 81.000 euros para mellora de camiños nas anualidades 2025 e 2026
Estes fondos permitiron actuar tanto en vías municipais en diferentes parroquias como acondicionar os accesos a diversos núcleos, mediante a súa pavimentación ou alimpeza de gabias. Así, leváronse a cabo intervencións de reforma, adaptación e mellora en camiños de parroquias como Bretoña, Rigueira, A Pousada, Baltar, Cadavedo ou Saldanxe. Ademais, pavimentáronse os accesos aos núcleos das Fontes, As Maciñeiras ou O Alto, entre outros labores.
En colaboración coa Consellería do Medio Rural, o Concello da Pastoriza cedeu un espazo na casa consistorial para ampliar os servizos da oficina rural da localidade, situada nas propias dependencias municipais, co obxectivo de achegar estes servizos aos gandeiros e facilitar a atención e a realización de trámites.
Galego








Control OJD