O 58% da superficie mobilizada pola Xunta a través dos polígonos agroforestais está na provincia de Ourense

O 58% da superficie mobilizada pola Xunta a través dos polígonos agroforestais está na provincia de Ourense

O conselleiro visitando o polígono agroforestal de Cualedro

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, supervisou esta mañá os traballos de roza que se están levando a cabo no futuro polígono agroforestal deste municipio ourensán.

Alí destacou que a provincia de Ourense aglutina preto do 58% da superficie total que está sendo mobilizada a través dos polígonos agroforestais, que impulsa a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Na visita tamén estivo presente o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez.

Neste senso, o conselleiro lembrou que Galicia conta –a día de hoxe- cun total de 21 polígonos agroforestais que se atopan en distintas fases. Estes suporán a mobilización de case 8.800 hectáreas distribuídas en algo máis de 26.400 parcelas propiedade duns 7.250 veciños.

No tocante á provincia de Ourense, José González indicou que son 15 os polígonos declarados, os cales mobilizarán algo máis de 5.000 hectáreas. Precisamente, un deles é o de Cualedro, que contempla unha superficie de 64 hectáreas repartidas en 72 parcelas propiedade de 70 veciños, cuxo principal uso sería a gandaría en extensivo e cultivos complementarios. Amais, nesta mesma comarca, están tamén os polígonos de Monterrei, Riós e Oímbra.

Nesta liña, o titular de Medio Rural puxo en valor este tipo de figuras, coas que se consegue recuperar terra abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándose aos incendios forestais. A mobilización de todos estes terreos faise co consentimento dos propietarios e que a Administración controlará -en todo momento- o acaparamento de terras con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado.

Así mesmo, a Lei de recuperación establece que cos polígonos agroforestais poderanse producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.

Aldeas modelo

Xunto a estes 21 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, das cales 14 están na provincia de Ourense. Precisamente, unha delas está no municipio de Cualedro, en Carzoá, que tamén visitaron hoxe. Dita aldea conta cunha superficie de case 54 hectáreas arredor do núcleo a dinamizar repartidas en 389 parcelas de 215 propietarios. O seu uso principal perfílase para os cultivos de horta e de ciclo curto, ademais da explotación gandeira.

Polo tanto, destacou José González, desde que entrou en vigor a Lei de recuperación -en maio de 2021-, en Galicia estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de superficie de boa calidade para promover a súa posta en valor, entre polígonos agroforestais, aldeas modelo e permutas de interese agrario.

Neste senso, o titular de Medio Rural lembrou que nos orzamentos deste ano da Consellería destínanse 5,9 millóns de euros para o desenvolvemento de instrumentos de recuperación da terra agraria, un 11 % máis ca en 2022.

Axudas dinamización núcleos

Cabe lembrar que a Consellería sacou unha liña de axudas para levar a cabo proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais. Así, a convocatoria deste ano 2023 -a cal está aberta a día de hoxe- conta cun orzamento de dous millóns de euros.

Precisamente, o concello de Cualedro foi beneficiario de dúas subvencións correspondentes á convocatoria de 2022, cun orzamento total de case 57.000 euros. A primeira axuda correspondeuse a mellorar as instalacións da Casa da Cultura de Cualedro, que se atopa na zona de influencia do polígono agroforestal, mentres que a segunda achega foi para a mellora das redes de saneamento e abastecemento do núcleo da propia aldea modelo de Carzoá. Con estas axudas, búscase mellorar a calidade de vida e a contorna habitada dos núcleos rurais vinculados aos instrumentos de recuperación, ao tempo que se melloran infraestruturas para o desenvolvemento de actividade económica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información