
Planta de Nadela (Lugo), onde a empresa invertiu 3,2 millóns de euros
Lactalis España alcanzou en 2024 unha cifra de negocio de 1.676 millóns de euros, reflexo da súa posición de liderado no sector lácteo nacional, cun mix no que o leite representa o 51% do negocio, seguido dos queixos (24%), iogures e sobremesas (15%), manteiga e natas (9%), ingredientes nutricionais (6%) e outros produtos (1%).
Segundo se recolle no seu Informe de Responsabilidade Social Corporativa 2024, a multinacional francesa propiedade da familia Besnier comprou leite a 1.458 ganderías en 13 comunidades autónomas, recollendo 993 millóns de litros de leite en 2024, dos cales o 97,7% estaban certificados en Benestar Animal.
Galicia é a principal zona de aprovisionamento de leite de Lactalis en España
En Galicia, onde Lactalis iniciou a súa andaina en España en 1983 coa compra da planta de Vilalba, a empresa recolleu o ano pasado 515 millóns de litros de leite (o 98,8% certificados en benestar animal) en 1.148 granxas. O 54% do leite comprado en España en 2024 procedía de Galicia.
8 centros de produción e 2.617 traballadores

Lactalis é líder mundial en produtos lácteos, con presenza en 150 países e 266 centros de produción. En España opera desde 1983 con 8 plantas industriais: Nadela e Vilalba en Galicia, Zamora e Peñafiel en Castela e León, Marchamalo e Villarrobledo en Castela-A Mancha, Mollerussa en Cataluña e Granada en Andalucía.
A nivel mundial, o queixo representa o 39% da facturación da compañía
A compañía conta con 2.617 empregados en España, un 3,1% máis que o ano anterior. O 93,8% dispón de contrato indefinido e a rotación mantense por debaixo do 2,1%, o que evidencia un modelo de relación laboral estable e con vocación de permanencia. Aínda que o entorno industrial continúa masculinizado (74% homes, 26% mulleres), o equilibrio xa é unha realidade en oficinas e outras localizacións (52%-48%), e as novas iniciativas están orientadas a fomentar a presenza e o liderado feminino en todas as áreas da compañía.
Lactalis dá emprego a 165 persoas en Vilalba e 131 en Nadela
Lactalis conta en Galicia con 341 empregados e investiu 5,44 millóns de euros nas súas plantas industriais: 2,17 millóns en Vilalba e 3,26 millóns en Nadela. Lactalis dá emprego a 165 persoas en Vilalba (121 homes e 44 mulleres) e 131 en Nadela (108 homes e 23 mulleres).
Redución de emisións nas granxas
Lactalis España recolleu en 2024 993 millóns de litros de leite de vaca, ovella e cabra (949 millóns de vaca, 32 de ovella e 12 de cabra), procedentes de 1.458 ganderías situadas en 415 concellos de 13 comunidades autónomas. O 97,7% do volume contou con certificación en Benestar Animal.
En colaboración co CSIC, a compañía puxo en marcha un proxecto piloto en 16 granxas para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro na orixe antes de 2030, actuando sobre a xestión de residuos, a alimentación e a eficiencia enerxética nas granxas.
A nivel industrial, as emisións directas de CO₂ (alcances 1 e 2) reducíronse un 69,3% desde 2019. Tamén se avanzou no desenvolvemento dun envasado máis responsable: o 80% dos envases xa é reciclable por deseño e acádase un 30% de material reciclado nos mesmos. En 2024 elimináronse 92 toneladas de material e lanzouse, xunto a Tetra Pak, o primeiro Tetra Brik do mercado español con plástico 100% reciclado na gama de leite adaptada Puleva Vita Calcio.
Novos produtos

O liderado de Lactalis España tamén se traduce na súa relación coas persoas consumidoras: máis de 12 millóns de fogares españois inclúen os seus produtos na cesta da compra, con marcas como Puleva, Président, Galbani, Flor de Esgueva, El Ventero, Gran Capitán ou Chufi, e as xestionadas pola joint-venture Lactalis Nestlé: Yogures Nestlé, La Lechera, NescaféLatte ou YAOS, entre outras. En 2024, a compañía lanzou 26 innovacións e superou as 1.000 referencias activas, apoiándose nun modelo de I+D+i que combina o coñecemento local cunha rede internacional de 470 investigadores en 29 países.
Máis de 12 millóns de fogares confían nas marcas de Lactalis España, que lanzou 26 novas referencias en 2024
Este esforzo foi recompensado con varios premios de ámbito estatal —Cincho de Ouro para Flor de Esgueva; e un dobre recoñecemento (ouro e bronce) nos Premios Villa de Mora para Don Bernardo— e internacional —8 medallas nos World Cheese Awards—.
Cambios organizativos
“Nun entorno complexo e cambiante, en 2024 consolidamos unha organización máis conectada, transversal e orientada ao futuro. Reforzamos a cohesión interna, avanzamos en eficiencia e creamos as condicións para un crecemento rendible, responsable e sostible. Todo isto sen perder de vista o esencial: a nosa capacidade de xerar valor para as persoas, o entorno e o sector lácteo no seu conxunto”, afirma David Saliot, conselleiro delegado de Lactalis España e Portugal.
Esta visión baséase nunha estrutura organizativa que culminou unha etapa de cambios en 2025 coa designación de David Saliot como conselleiro delegado de Lactalis España e Portugal. Saliot lidera un equipo composto polos directores xerais de cada unidade de negocio: Daniel Isart (Lactalis Puleva), Borja Galindo (Lactalis Forlasa), Miguel Chapa (Lactalis Foodservice), Javier Estrada (Lactalis Nutrición) e Miguel Romao (Lactalis Portugal). Pola súa parte, Lluís Farré continúa como conselleiro delegado da joint-venture Lactalis Nestlé para a elaboración de iogures e sobremesas.
Dinamización da economía rural
En 2024, Lactalis reforzou a súa posición como dinamizador da economía española desde a categoría de alimentación, cunha contribución directa ao tecido social e económico español de 1.059 millóns de euros, tal e como recolle o seu Informe de Responsabilidade Social Corporativa 2024. Esta achega engloba investimentos nas súas 8 plantas, en I+D+i, no desenvolvemento de marcas e produtos, compras de leite e outras materias primas a provedores locais, emprego directo, así como a contratación local de servizos e o pago de impostos, tanto directos como xestionados.
España é o sexto mercado para a multinacional, tras Francia, EEUU, Canadá, Brasil e Italia
Boa parte dese impacto concentrouse nos territorios con presenza industrial, maioritariamente en contornos rurais. De feito, o 73,4% do investimento industrial destinouse aos centros situados en municipios de menos de 25.000 habitantes, consolidando o arraigamento territorial do grupo e a súa visión a prol da soberanía alimentaria de cada país no que está presente.
Galego









Control OJD