O 40% do leite líquido véndese no supermercado a menos de 60 céntimos

O Ministerio de Agricultura mantivo unha reunión coa Interprofesional Láctea e coas asociacións das cadeas de distribución para abordar a situación de prezos e consumo

O 40% do leite líquido véndese no supermercado a menos de 60 céntimos

Oferta de leite nun supermercado en Galicia. / Arquivo.

Os prezos do leite no supermercado mantéñense en niveis baixos, pois un 40,7% do leite líquido véndeselle ó consumidor a un prezo que oscila entre 55 e 60 céntimos / litro, segundo o Panel de Consumo do Ministerio de Agricultura. A anormalidade do dato constátase se se compara ese prezo de venda ó público cos custos totais da industria láctea, que se sitúan en 61,71 céntimos por litro de leite procesado, segundo os números dun primeiro borrador de estudo de custos da cadea láctea, elaborado pola consultora Prodescon para o Ministerio.

As industrias levan anos apuntando ás cadeas de distribución como responsables do enquistamento dos prezos do leite no campo, pois segundo os datos que manexan, os chamados prezos de cesión, ós que a industria lle vende o leite ó supermercado, levan estancandos ou en descenso desde o 2016.

Nas contas de ingresos das industrias, hai que ter en conta tamén outros produtos complementarios, como nata e manteiga, pero sumando prezo de cesión do leite e ingresos complementarios, as industrias non cobren custos, segundo o primeiro borrador do estudo de custos encargado polo Ministerio.

Desde as cadeas de distribución adóitase defender a libertade de mercado e de competencia para explicar os baixos prezos do leite nos supermercados, sen que polo de agora fose posible unha solución ó conflicto de intereses.

Pleno do Observatorio de la Cadena Láctea
Agricultura ten previsto convocar en breve ó Pleno do Observatorio de la Cadena Láctea para someter a aprobación a versión definitiva do estudo da cadea de valor e formación de prezos do leite líquido envasado. Será entón cando se coñezan os datos consolidados do informe, que poden servir para correxir os actuais desequilibrios.

O director general de la Industria Alimentaria, José Miguel Herrero, que onte mantivo unha reunión coa Interprofesional Láctea e coas cadeas de distribución, defende a estabilidade dos prezos medios ao consumidor desde 2019, pois aínda que un 40% do leite véndese a menos de 60 céntimos, a media sitúase en 69 céntimos, cun 27% do leite comercializado no treito entre 70 e 80 céntimos.

Outro dato a ter en conta é que as vendas en supermercado subiron sustancialmente no último ano, pois o consumo de leite no fogar medrou un 7,1% respecto de 2019, segundo os datos de Agricultura.

Desde o Ministerio destácase en nota de prensa a súa vontade de facilitar o diálogo entre a Interprofesional Láctea, que agrupa a industrias e produtores (cooperativas, organizacións agrarias), coas principais asociacións das cadeas de distribución. Por parte da distribución, asistiron ao encontro de onte a Asociación nacional de Grandes Empresas de la Distribución (ANGED), a Asociación española de Distribuidores, Autoservicios e Supermercados (ASEDAS) e a Asociación de Cadenas Españolas de Supermercados (ACES).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información