O vindeiro 30 de novembro remata o prazo para realizar solicitudes de arrendamento de parcelas do Banco de Terras de Galicia.
Os arrendamentos son por un período de 5 anos, e en caso de desexar arrendar por un período maior, o propietario deberá dar o seu consentemento. Se un propietario desexa incorporar unha parcela ao Banco de Terras pode realizar os trámites ao longo de todo o ano.
Existen uns prezos de referencia para cada parroquia, segundo sexa terreo de labradío, de prado, forestal, inculto ou de pasto e mato ou de cultivos leñosos.
O Banco de Terras de Galicia é un instrumento creado pola Consellería do Medio Rural co que se pretende regular o uso e aproveitamento de fincas con vocación agraria, co dobre obxectivo de evitar o seu abandono e de poñelas a disposición de todas aquelas persoas que necesiten terra para usos agrícolas, gandeiros ou forestais, entre outros.
A función principal do Banco de Terras é a de dinamizar e mediar entre as persoas propietarias e aquelas que precisan terras, así como dar a ambas partes garantías, confianza e seguridade na xestión e no uso das fincas.
Tanto a incorporación de parcelas como a solicitude de arrendamentos pódense realizar a través da páxina web do Bantegal ou ben dirixíndose á súa sede:
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)
Subdirección de Mobilidade de Terras
Lugar da Barcia, nº 56, Laraño
15897 – Santiago de Compostela (A Coruña)
Para calquera dúbida pódese chamar ao teléfono 881 997 193 ou enviar un correo electrónico ao enderezo bancodeterras@xunta.gal